25 anos de cidade
lll
17º-23º

25 anos de cidade


Usuario

Un rapaz da Coruña, David Fernández, ocupaba hai 25 anos a primeira páxina do DxT Campeón, iniciativa xornalística que ocupaba o espazo deixado moitos anos atrás por outras publicacións deportivas da cidade e que, ademais, viña a cumprir unha función básica, a de poder informarnos desde a proximidade, sen ter recorrer aos ocos soltos que para A Coruña ‘deixaban’ rotativos pensados a moitos quilómetros da nosa cidade. 

O valor da cercanía marca este feliz aniversario. O Deporte Campeón segue presente nos quiosques, nas cafeterías, nos clubes e tamén nesas redes que tanto cambiaron os paradigmas informativos nos últimos anos. Naceu co Dépor vixente campión de Copa e contou ata tres títulos máis do noso emblema futbolístico, tamén outros logros como as fazañas europeas ou a creación e posterior chegada á elite do equipo feminino. 

Pero como ben diría o noso querido Arsenio Iglesias, “non todo vai ser fútbol”. As páxinas do DxT así o entenderon. Todas as modalidades, en masculino e no cada vez máis forte feminino, atopan neste xornal un espazo no que seren tratados con todo o respecto que merecen. O Liceo, o Básquet Coruña, o CRAT ou o Viaxes Amaralle saben que a súa actividade terá a difusión que merece –que é á vez garante do relevo xeracional- creando así un espazo informativo propio que complementa e tamén confirma A Coruña como unha urbe dotada como poucas para a práctica deportiva. Nese sentido, desde o Concello traballamos todos os días para que os e as nosas deportistas dispoñan cada vez de mellores instalacións e máis eventos onde deixarse ver. En todas as idades, porque a crenza na base supón outro dos piares irrenunciables tanto do goberno local como do voso periódico. Sigamos xuntos nesa liña, á que tamén marcan as canteiras ou os clubes modestos. 

Vivimos tempos complicados, que reforzan valores e sitúan prioridades. A da aposta por unha vida máis sá e a da saúde pública non teñen discusión. A do deporte como vehículo de crecemento persoal e social, tampouco. E, por suposto, en tempos de fake-news e de información dispersa, sempre é un pracer poder compartir o 25 aniversario dun medio de comunicación pensado para a proximidade e o rigor. Por iso, non podo máis que felicitar a todos e todas as que ao longo deste cuarto de século fixéchedes de Dxt Campeón a referencia coruñesa que é. Moitas grazas. 

Inés Rey - Alcaldesa de A Coruña

25 anos de cidade

Te puede interesar