Leva no ADN as cores branca e azul do Deportivo. Familiar lonxano dunha lenda como Luis Suárez Miramontes —era coñecido por este segundo apelido en A Coruña—, Albino Cores representa unha vida de entrega absoluta e paixón polo RC Deportivo.
Despois de fundar e presidir a peña ‘Perla de Arousa’ durante un cuarto de século, a lóxica erosión do tempo aconselloulle manterse nun segundo plano e ceder o relevo a savia nova da súa agrupación.
Albi Cores, sempre atento e cordial tanto coa directiva do RCD como cos medios de comunicación, emociónase ao lembrar os tempos de gloria vividos co clube da súa alma.
Por que decidiches deixar a presidencia de ‘A Perla’?
Son 25 anos nos que fixen de todo, de presidente, de secretario do primeiro ‘presi’ Rafael Sabugueiro, de tesoureiro, de ‘chico dos recados’... Chega un momento que xa se cansa un, non houbo un recoñecemento unánime a ese esforzo na nosa peña, mentres que paradóxicamente si que o houbo do clube, Federación ou ‘Old Faces’...
Ves un relevo na agrupación?
Si, hai un rapaz que estivo axudando moito nos últimos anos e que pode presentarse coa súa directiva.
Nacestes como colectivo en 1995...
Si, presentamos os papeis pertinentes antes da final da Copa do Rei e xa nos desprazamos a ela como peña. Tivemos que ir dous días, sábado e martes. A agrupación inaugurouse oficialmente en outubro, con Lendoiro e Pachi Dopico.
Aínda que moito antes xa andabas respaldando o Depor desde neno...
Moitos da peña xa eramos deportivistas desde pequenos; eu desde neno xa ía a Riazor. Meu avó era de A Coruña —curmán de Luis Suárez— e de feito a min coñecíanme por Miramontes. Eu cando era pequeno vía o Teresa Herrera na Coruña e despois viaxábamos no 600 do meu pai a Riazor. Saíamos de Vilagarcía ás 9.00 da mañán e chegábamos a primeira hora da tarde a A Coruña.
Estás especialmente orgulloso dalgunha actividade organizada nestes 25 anos?
As dúas finais da Copa, en especial da primeira, na que tivemos que voltar. Levamos dous autobuses o sábado e un o martes. Fun xuntando casa por casa afeccionados para encher o bus do segundo día. No Centenariazo tamén levei dous autocares.
A renuncia á cabeza visible da peña non implica un adeus ao deportivismo...
Para nada, seguirei sendo socio do Depor, membro da nosa peña e tamén do colectivo ‘Old Faces’.
Sempre te distinguiches pola grande relación cos diferentes presidentes do clube...
Sí, tanto con Lendoiro como de Tino ou Zas... Todos eles nos recoñeceron moito o respaldo en ‘territorio comanche’, onde hai moito celtismo tamén. Recibén moitas mensaxes de agradecemento de numerosas peñas e do clube.
Precisa o clube un cambio?
Hai que fichar unha base con bos xogadores e apostar pola xente galega. É o momento.