A Real Federación Galega de Fútbol (RGFG) comunicou que as competicións de fútbol e fútbol sala no ámbito autonómico e nacional están supeditadas a evolución da pandemia.
“Antes as lóxicas dúbidas e consecuentes preguntas e chamadas recibidas de parte dos clubs, queremos informar que o departamento de competicións e a secretaría xeral da Real Federación Galega de Fútbol seguen a traballar arreo para confeccionar os calendarios da próxima campaña, pero todo ese traballo está condicionado pola evolución da pandemia. Adiantamos que o obxectivo de partida é comezar as ligas de ámbito autonómico durante o mes de outubro (as competicións con maior número de equipos, como é o caso de Preferente, arrincarán a fin de semana do 3-4 de outubro), sempre e cando o permitan as autoridades sanitarias. No caso das competicións de ámbito nacional, a RFEF xa fixo oficiais algúns calendarios e estamos á espera de noticias ao respecto das demáis competicións”, informou a RFGF.
“Nos próximos días comezará unha serie de reunións cos clubs de toda Galicia, de xeito telemático, para ir informando dos plans competicionais, aínda que todo sempre supeditado á evolución da situación sanitaria. Por iso é importante subliñar que polo de agora non serán plans competicionais definitivos, pois en función da evolución da pandemia poderían sufrir variacións. Tal e como xa se foi avanzando, practicamente todas as categorías dividiranse en subgrupos por criterios xeográficos, o que representará un importante aforro para os clubs e unha reducción de datas nos calendarios”, engade.
“O departamento de competicións xa ten moi avanzados os plans competicionais, os cales serán presentados nas vindeiras semanas aos clubs, pero reiterando que nada é definitivo. Do mesmo xeito informamos que non será ata mediados do mes de agosto cando se abra o proceso de tramitación de licenzas para as categorías de ámbito autonómico”, destaca o comunicado da RFGF, que tamén onte publicou o protocolo. l