Josiño Mato: “Aínda que no Paiosaco estiven incrible, o meu corazón é do Bergan”
lll
17º-23º

Josiño Mato: “Aínda que no Paiosaco estiven incrible, o meu corazón é do Bergan”

Josiño Mato: “Aínda que no Paiosaco estiven incrible, o meu corazón é do Bergan”
Josiño Mato (i), en su etapa en el Bergantiños en un partido ante el Xallas de Santa Comba | raúl lópez

Usuario

Os dous grandes equipos da súa vida foron o Bergantiños e o Paiosaco. No conxunto verdebranco xogou as dúas últimas temporadas da súa carreira futbolística. Con motivo do partidazo de mañá nas Eiroas entre carballeses e peisaqueses, Josiño Mato Rodríguez (36 anos) analiza o encontro e repasa a súa traxectoria nos dos clubes que máis lle marcaron. Nestas liñas recoñece con cal dos dous equipos vai no partido desta xornada, aínda que tamén avanza que non estará no campo para presencialo.

En teoría, o Bergantiños é favorito por equipo, presuposto e por xogar na casa. Ti tamén pensas o mesmo?
Si, sabendo o equipo e os xogadores que ten, aínda que sexa un derbi creo que parte con vantaxe. A ver se o Paiosaco pode puntuar para acercarse un pouco máis ao seu obxectivo pero como favorito vexo ao Bergan.

Por onde pasan as opcións do Paiosaco de acadar algo positivo nas Eiroas?
Ten que tratar de aguantar o máximo tempo posible sen encaixar para que o Bergantiños se poña nervioso por non ser capaz de marcar na casa e polos últimos resultados negativos. Tamén ten que intentar aproveitar as poucas ocasións que lle conceda o Bergan nun partido que estará moi igualado como o estivo na primeira volta.

Puideches ver a algún dos dous equipos esta temporada?
Estou totalmente retirado do fútbol e sei que se vou aos campos, pásoo mal porque sigo tendo o gusanillo. Quero descansar, estar na casa e ver os resultados cando acaban os partidos e o En Xogo de noite. Fun ver o Paiosaco algún partido e cambiou o sistema dos últimos anos na Preferente. Ademais de manter a base que xa tiña, reforzouse ben. Nalgunha ocasión falei con Juan (Riveiro) e con algún compañeiro e a conclusión é que a Terceira non é como Preferente.

Cando estabas no Paiosaco fai dúas temporadas, imaxinabas que se podía dar un Bergan-Paiosaco en Terceira?
No meu primeiro ano no Paiosaco, tal vez non porque era a primeira tempada do equipo tralo ascenso a Preferente. O seguinte ano, vendo como se ía construíndo o equipo e que nas tres tempadas de Preferente o equipo estivo arriba, cría que nalgún momento se ía ter a posibilidade de pelexar por ascender a Terceira. A pasada campaña foi espectacular e o ascenso foi merecido.

Gustaríache formar parte do primeiro Paiosaco da historia en Tercera División?
Cando deixei o Bergan, o fútbol xa non estaba na miña cabeza como o estaba antes. Quería descansar polos problemas que tiña nos xeonllos e porque estaba canso de competir. Nos meus últimos anos no Bergantiños había moita presión porque foron as tempadas do descenso a Preferente e da volta a Terceira. En Paiosaco estiven incriblemente ben por como se volca o pobo co clube. A afección, a directiva, os xogadores forman unha piña impresionante.

O Paiosaco foi o último club da túa carreira futbolística. Como valoras esas dúas últimas temporadas alí e por que colgaches as botas?
A valoración foi incrible, xa para comezar polo corpo técnico. Quen me dera que me collera Juan Riveiro con menos anos… A nivel de afección hai moi poucos equipos como o Paiosaco. Danche todo o que che fai falta, un cariño inmenso. Non se pode dicir nada negativo sobre o Paiosaco. Colguei as botas porque, como dixen, estaba canso mentalmente, xa tivera dúas operacións de xenllo e non quería perder ningunha oportunidade de traballo polo fútbol.

Ti estiveches nos dous clubes. Como é posible que teña más afección o Paiosaco que o Bergantiños tendo en conta a diferencia de habitantes dun e doutro pobo?
Ao Bergantiños non lle axuda a localización do campo. Se estivera máis metido no pobo, As Eiroas tería moitísima máis xente. Paiosaco é un pobo pequeno, pero a xente é fanática do seu equipo. En todo o que poden axudar ao equipo están aí. 

Que opcións de permanencia ten o Paiosaco na súa primeira tempada en Terceira?
Espero que as teñan todas. Teñen un adestrador que foi do mellor da miña carreira e veñen de abaixo con moita ilusión. Gustaríame que conseguisen canto antes a puntuación da salvación para poder disfrutar os últimos partidos.

Chegaches a ser o capitán durante catro tempadas. Que foi o Bergantiños para ti?
As do Bergan son as miñas cores. Por moito que diga que no Paiosaco estiven incrible, o meu corazón é azulgrana. Chegar a ser capitán do Bergantiños, sabendo o que significa ese club na provincia da Coruña, foi o mellor que me puido pasar.

Recibiches unha homenaxe por parte do Bergantiños pola túa retirada pero volveches xogar  cando recibiches a chamada do Paiosaco.
Cando estaba no Bergantiños comecei a traballar nunha empresa a turnos, adestraba cada dúas semanas e deixei o equipo porque a ese nivel hai que estar comprometido ao 100% e máis se cabe sendo o capitán. Considerei que o mellor para min e para o equipo era apartarme para un lado. 

Ves ao Bergan capacitado para o ascenso?
É moi complicado. Para un equipo de Terceira, non gañar a liga e ter que superar tres eliminatorias fai moi difícil o ascenso. Ogallá puideran ser campións, pero esta tempada creo que o máximo favorito ao título é o Racing de Ferrol. Véxolle opcións de ascenso se son capaces de aproveitar algún pinchazo do Racing para poder intentar conseguir a liga e xogar a eliminatoria de campións.

Cristopher, Borja, Aarón, Toni, Ekedi… Poucos xogadores quedan da túa última tempada no Bergantiños. É outro club diferente ao que deixaches ti?
Sobre todo cambiou a nivel económico. Desde que Chano volveu á presidencia, axudou moito a nivel financeiro para conseguir os xogadores que teñen na actualidad. Despois de dous ou tres equipos, o Bergantiños é o equipo de Terceira con maior presuposto e, evidentemente, acceder a un xogador non é o mesmo para o Paiosaco que para o Bergan.
 

 

A Retirada

“Cambia a vida pero necesitaba descanso mentalmente”

Hai futbolistas que despois de colgar as botas a nivel sénior, continúan vinculados ao fútbol xogando en equipos de veteranos, como é o caso do adestrador do Bergantiños, Miguel Figueira. Hainos que pasan directamente aos banquillos para ser adestradores nada máis deixar de xogar. E hai outros, como Josiño Mato, que tratan de desconectar totalmente do fútbol pese a que o mono de xogar segue vivo, sobre todo cando volven a ver partidos en directo nas bancadas dos campos.

Desconectaches de todo do fútbol ou aínda xogas algunha pachanga?
A última vez que toquei un balón foi no Paiosaco contra o Arteixo. Levei un golpe no xeonllo bo e xa non quixen saber nada máis, aínda que me chamaron bastantes equipos por si quería volver xogar.

Que fai un exfutbolista que xogou toda a súa a vida en Terceira División e en  Preferente Autonómica dous anos despois de retirarse?
Cambia moito a vida. Mentalmente necesitaba descanso. Agora traballo pola semana e as fins de semana disfruto da vida que non tiña cando xogada. Vexo fútbol na tele pero non vou aos campos porque igual pico o anzuelo.

Tendo en conta o teu pasado en Bergantiños e Paiosaco, con que equipo vas neste partido?
O Bergantiños e o Paiosaco son dous equipos que teño marcados no meu corazón. Gustaríame que gañase o Bergantiños pero que non afectase para que o Paiosaco na loita pola permanencia.
 

Josiño Mato: “Aínda que no Paiosaco estiven incrible, o meu corazón é do Bergan”

Te puede interesar