Xusto Pardeiro: “No Vilalbés tratáronme xenial, foron cinco anos de moitos éxitos”
lll
17º-23º

Xusto Pardeiro: “No Vilalbés tratáronme xenial, foron cinco anos de moitos éxitos”

Xusto Pardeiro: “No Vilalbés tratáronme xenial, foron cinco anos de moitos éxitos”
Deporte Campeón-2019-08-30-016-de1a1e6e

Usuario

Cinco tempadas vestindo a camiseta do Racing Vilalbés, este verán ficha polo Silva e á segunda xornada xa lle toca enfrontarse ao seu anterior equipo. É o caso de Xusto Pardeiro Pedreira (Foz, 1997). O central, que apenas tivo tempo para botar de menos ao club da Magdalena, analiza a súa etapa en Vilalba e fala sobre as claves do partido que terá lugar o domingo ás 12.00 horas na Grela 1.

Partido contra o Vilalbés na segunda xornada.

É verdade. Caeu bastante rápido o partido. 

Que recordo tes do teu paso polo Vilalbés?

Moi bo. Estiven moi a gusto durante cinco anos. Desde que cheguei tratáronme xenial e foron cinco anos de moitos éxitos. Ademais, a maioría da plantilla son amigos destes que quedan para sempre e o trato coa directiva e os afeccionados sempre foi xenial.

Cal foi o teu mellor momento no club da Magdalena?

O mellor foi o playoff, non o dubido. Foron anos moi bos pero o ano do playoff foi especial, foi un premio ao traballo. 

E o peor?

Quizais foi o ano pasado nas dez primeiras xornadas. Custounos moito reaccionar. 

O mellor momento no Vilalbés foi o playoff de ascenso, foi un premio ao traballo

Como o conseguistes?

Foi un cambio de chip de todos e tamén influíu o cambio de adestrador. Queiras que non, Simón (Lamas) xa coñecía a casa e con el volvemos ás orixes na forma de xogo. A base de competir e de adestrar forte chegamos a ser case os mellores da segunda volta.

Con quen do Vilalbés tes ganas de reencontrarte?

Con todos. Casei hai pouco e a maioría viñeron á miña voda.

A quen che gustaría amargarlle o partido?

Cada un mira os seus intereses. Eu quero que o Vilalbés quede o máis arriba posible pero agora xogo co Silva. Teño un pique san con Muiña, co que levo xogando moitos anos e sempre apostamos a ver quen mete máis goles na tempada. E con Pita, o porteiro, tamén hai bromas. Eu dígolle sempre que non ten brazos (risas).

A que xogadores crees que hai que prestarlle especial atención no Vilalbés?

No campo do Silva iguálase todo moito. A Grela esixe estar concentrado e competindo con intensidade todo o tempo. Nese sentido, ao Vilalbés dánselle ben ese tipo de campos así que temos que igualar e tentar superar a súa intensidade.

Que partido esperas?

Vai ser un partido igualado, con moita disputa. Penso que o equipo que cometa menos erros levará os tres puntos.

Acadar a permanencia co Silva é o máis importante, despois xa se verá

Que debilidades crees que pode ter o Vilalbés?

É complicado contestar a iso porque, como digo, na Grela todo iguálase. Hai que ser máis intensos e ter paciencia.

Como foi a túa adaptación ao Silva?

Moi ben. Atopeime cun equipo e unha xente espectacular e cun moi bo ambiente. Levo adestrando menos tempo pola lúa de mel, perdín quince días, pero recibíronme moi ben.

Por que fichaches polo Silva?

Por un tema de traballo. Nos últimos anos fixen moitos quilómetros facendo substitucións e agora estou a vivir en Coruña.

Cal debería ser o lugar do Silva na clasificación?

É complicado dicir iso ao principio da tempada pero esperemos que sexa un ano bonito e que compitamos en todos os partidos. Acadar a permanencia é o máis importante e despois xa se verá.

Tes algún obxectivo persoal para esta tempada?

Que respecten as lesións e pasar un bo ano disfrutando disto, que é o que nos gusta. 

Por último, disme un resultado para o domingo?

Complicado. Direi un 2-1.

Xusto Pardeiro: “No Vilalbés tratáronme xenial, foron cinco anos de moitos éxitos”

Te puede interesar