Luisito: “Os vestiarios son sagrados pero neles pode entrar moita xente”
lll
17º-23º

Luisito: “Os vestiarios son sagrados pero neles pode entrar moita xente”

Luisito: “Os vestiarios son sagrados pero neles pode entrar moita xente”
21 octubre 2019 / 30 octubre 2019 Fútbol Tercera División Temporada 2019-2020 Fabril - Rápido 2-1

Usuario

José Luis Míguel ‘Luisito’ viviu un dos partidos máis intensos da tempada o pasado domingo no campo da Grela. O Silva remontou o 0-1 anotado por Mario Losada nun segundo tempo no que o Fabril xogou con dez e qeu rematou con polémica.

Nos primeiros 25 minutos, o Silva viu seis cartóns amarelos. Foi duro o inicio de partido o excedeuse o árbitro?

Os partidos son como son. Non me gusta poñer excusas cando perdo. Hoxe en día, por moito que fales, todo o mundo ten acceso ao vídeo do partido e con iso está todo dito. Cada equipo xoga coas súas armas, é totalmente lícito e non vou dicir unha soa palabra mala en contra do Silva. Ao contrario, cada un xoga como pode. O Silva non ten culpa de que nós cometéramos dous erros tremendos nos goles que nos marcaron. Esas cousas que pasaron no campo deben quedar aí porque é fútbol. 

Cal é a lectura positiva?

Aos rapaces vailles vir moi ben para que saiban o que é competir. Se queren ser futbolistas profesionais teñen que pasar por este proceso, ser máis fortes e saber encaixar os golpes. Foi lícito todo o que fixo o Silva porque para iso hai un xuíz en cada partido e o noso equipo veuse abaixo no segundo tempo. Saímos perxudicados pola expulsión de Kanouté pero non quero poñelo de excusa porque, aínda que se xogou toda a segunda parte dez contra once, o campo é de dimensións reducidas e non tiña que notarse tanto. 

Encolléronse os xogadores?

Si, foi o que máis me sorprendeu e o que máis me doeu do meu equipo. Se un xogador quere estar arriba e ser futbolista do primeiro equipo, non se pode ‘arrugar’ en ningún campo. Non se ‘arrugaron’ contra o Arenteiro nin na Estrada, pero si na Grela e espero que sexa a primeira e a última vez. Os rapaces teñen dereito a estar mal como moitas veces o está o seu adestrador. Eles saben da miña propia boca que, cando me equivoco, asúmoo e non pasa nada.

Airear todo o que pasa nun partido é revolver algo que debería quedar no campo

Que pretendía alternando a Villares e a Losada na banda esquerda?

Puxen a Mario a perna cambiada porque quería que saíra de fóra para dentro e pegara a portería. Fíxoo dúas veces e na terceiro meteu un bo gol. Na segunda parte o equipo estaba hipotecado e cambiei a Pedro porque tiña medo de que o expulsaran e a Mario pola fatiga porque a semana pasada estivo con febre. Buscaba a mobilidade de dentro para fóra de Villares e de Mario de fóra para dentro. Na primeira parte estivemos ben, pero na segunda parte soprendeume que non quixéramos ter o balón porque nós, sen el, sufrimos moitísimo e contra o Silva quedou máis que demostrado.

Equivocouse substituindo a Pedro Martelo?

Volvería a cambialo porque sei perfectamente como é Pedro e estou convencido de que acabaríamos xogando con nove. Nada máis cambialo díxenlle que non o sacaba porque estivera mal, todo o contrario. Estaba batallando moi ben, quedando con moitos balóns, pero apostei pola velocidade de Jawed porque Pedro tiña todas as papeletas para acabar expulsado. Nunha xogada na que foi corpo con corpo cun central do Silva, o árbitro quedou mirando e collín medo, pero expliqueillo ao rapaz.

Quen é o responsable de que Joao Paulo fixese o 1-1 co peito na área pequena?

O responsable sempre é o adestrador. Sabíamos perfectamente como lanza os ‘córners’ o Silva e vímolo o venres pasado no adestramento. Cometemos un erro garrafal e o responsable sabe quen é porque xa o comentamos, pero publicamente non o vou dicir.

Doeulle máis a expulsión de Kanouté con 0-1 ou o 2-1 no minuto 93?

Que me marcasen o 2-1 no 93 e, sobre todo, por como foi. No saque de banda xa non estivemos moi contundentes, perdemos o balón e despois Souto filtrou un bo pase, pero nesa xogada estivemos rematadamente mal pasado o minuto 93. Ese tipo de accións témolas traballadas, o balón estaba sen apretar e foi un erro individual grave que nos custou un punto que tiñamos no peto, pero hai que pasar páxina e pensar no Villalbés.

Con dez xogadores, no tempo engadido do segundo tempo debería estar prohibido encaixar un gol nunha contra. 

Independentemente de quedar con dez, por intensidade, agresividade e por como se preparou o partido, o equipo non quería de circular o balón e nós, se non o temos, se non facemos posesións longas e se non facemos ben a mobilidade, pasámolo mal. Contra o Silva demostrouse que teño razón no que lle digo aos rapaces e espero que non volva a suceder. Quedan moitos partidos, moita liga e esta debe ser unha lección maxistral para ter claro que, por moitas condicións técnicas que teñas, como non esteas súper activado a nivel de concentración e de intensidade nestes campos, por moi bo que sexas a nivel individual, perdes. 

O adestrador ten que adestrar e non meterse en tonterías que non serven para nada

E o cartón vermello a Kanouté?

A expulsión dóeme porque creo que non se pode sacar o segundo cartón a un futbolista por esa acción. Podo comprar que pitase a falta, que para min tampouco o foi, pero os árbitros teñen todo o dereito do mundo a equivocarse como me equivoco eu nos trocos ou nos plantexamentos. Aínda así creo que hai que medir cando se toma a decisión de botar a un futbolista. Non se pode expulsar a un xogador pola entrada que fixo Kanouté. Vin o vídeo e a falta non me parece de cartón nin por asomo. 

Mereceu perder o Fabril ante o Silva?

Persoalmente, creo que non, pero se perdes é porque fixeches algo mal. O Silva compite coas súas armas, faino moi ben e nunca direi nada sobre iso. 

Puideron sentirse ofendidos algúns xogadores do Silva polos seus comentarios no transcurso do partido?

Sempre digo o mesmo. O que pasa no campo, queda no campo. Teño moi claro que son un adestrador que teño un grandísimo respeto a todos os adestradores e, sobre todo, a todos os futbolistas. Os xogadores que me coñecen saben perfectamente como son. Moitas veces, de ‘cachondeo’, métome con algún futbolista se o coñezo moitísimo. Dos do Silva, Damián foi xogador meu cando estaba no Ciudad de Santiago, a Souto quíxeno fichar e fai pouco tempo dixen que, cando Marcos era máis xoven, gustaríame telo adestrado… Airear todo o que pasou no partido é revolver algo que non ten sentido. Poderei ser bo ou mal adestrador, pero ante todo consíderome persoa. Recoñezo que pola tarde chamei a Bardanca porque lle teño un respecto enorme, como lle teño a todos os adestradores e máis a el porque é un señor maior ca min. No mundo do fútbol, o adestrador ten que adestrar e non meterse nestas tonterías que non serven para nada.

Houbo cruce de acusacións entre Luisito e Bardanca tralo remate do partido?

Para min, iso é algo menor e non lle dou importancia. Son diferentes opinións pero repito que lle desexo toda a sorte do mundo a Bardanca, que está facendo milagre tras milagre no Silva e non vou ser eu quen fale mal de el. Na vida hai cousas máis importantes como para levarse mal cun adestrador polo que sucedeu.

No vestiario do Fabril, só poden entrar corpo técnico e xogadores?

Son dos que pensa que os vestiarios son sagrados pero neles pode entrar moita xente. No partido contra o Silva, Carmelo non entrou. Iso é unha falsedade total. Teño moi boa relación con el e nunca ocultei que a min que me fichou foron Carmelo e Tino Fernández. Nesta vida gústame ser agradecido. Carmelo veu á Grela, estivemos nas escaleiras falando dez minutos as once menos cuarto, marchou e non o volvín a ver máis.

En todos os clubs entran os directores deportivos aos vestiarios

E se quixera entrar ao vestiario?

Eu non son quen para botar a Carmelo, nin a Ángel Becerra, nin ao presidente, nin a un directivo. Outra cousa é que estea dando a charla e entren, pero a min nunca me pasou iso. De feito, moitas veces dígolle a Ángel que pase ao vestiario porque eu non teño nada que ocultar. O director deportivo do Pontevedra, Roberto Feáns, baixaba moitas veces ao vestiario. No Ciudad de Santiago, no Ourense… En todos os clubs entran os directores deportivos aos vestiarios. Quero deixar moi claro que a min non se me pasaría pola cabeza botar do meu vestiario a Carmelo nin a Paco Zas porque eu son un empregado do club e porque é unha cousa natural que se fai en todos os equipos de fútbol. A persoa que filtrou esa información quixo facer dano a Carmelo, ao club e a min. Estou moi doído.

Dalle normalidade ao feito de que entre o director deportivo no vestiario?

Non é a morte de ninguén. Por poñer un exemplo: Ángel Becerra está comigo en todos os adestramentos, ve como falo cos futbolistas e sabe perfectamente cal é a charla que lle vou dar aos xogadores. Que pasa se un domingo lle digo que entre ao vestiario? Hai que darlle normalidade porque, cando vas de fronte pola vida, non tes nada que esconder. Agora colleuse por norma criticar iso para facerlle dano a unha persoa.

Luisito está moi unido a Carmelo. Como está a levar a situación social?

Isto é fútbol e o Deportivo non está en Primeira División por un gol en Mallorca e, o que era todo marabilloso, agora non o é. Ninguén contaba con que o Deportivo fose último en Segunda División pero o fútbol da tantas voltas… A única solución que hai para saír de aí é axudarnos todos. Carmelo é o que peor o está pasando e non debería dubidalo ninguén.

Se esixo, o primeiro que ten que dar exemplo son eu
É un adestrador de moito carácter, con personalidade, que xesticula moito e, a veces, impulso. Con futbolista era aínda máis intenso, moi agresivo e non fuxía cando había grescas.

Ficharía para o seu equipo ao Luisito futbolista?

Como futbolista si, pero as cousas que eu facía no campo, non. O Luisito futbolista non ten nada que ver co Luisito adestrador e, de feito, só hai que ver que teño moi poucas expulsións e moi poucos cartóns. Son un tío que xesticula moito pero non contra os árbitros nin contra os asistentes. Respétoos moitísimo a todos. Se se actuase no fútbol actual como se actuaba antes, estaríamos expulsados un día si e outro tamén. Son un gañador, pero con todas as da lei, legal e licitamente, non a base de trampas nin facéndolle dano ao rival. 

É Luisito un adestrador menos temperamental que fai dez anos?

Cambiei moitísimas cousas. Doume conta eu e dase conta a xente. E ao estar cos rapaces hai que cambiar totalmente se quero que sexan futbolistas profesionais e do primeiro equipo. Se lle esixo aos xogadores, o primeiro que ten que dar exemplo son eu.

Ademais do fútbol, gústalle o que rodea ao fútbol?

É o que menos soporto. Son un enfermo do fútbol e recoñezo que vivo por e para o fútbol. Encántame maquinar moitos adestramentos e estar pendente de todo, pero recoñezo que non soporto o que rodea ao fútbol. Estou nunha profesión que vai en contra da miña maneira de ser porque hoxe en día o mundo do fútbol vai por uns parámetros que cada vez me gustan menos, pero é o meu traballo e sopórtoo. En poucos congresos de adestradores pode verme a xente porque esa non é a miña maneira de ser nin o será, como sabe a xente que me coñece.

Luisito: “Os vestiarios son sagrados pero neles pode entrar moita xente”

Te puede interesar