Futboleiro ata a médula, Manuel Varela bota a mirada cara atrás.
lll
17º-23º

Futboleiro ata a médula, Manuel Varela bota a mirada cara atrás.


Usuario

Era o home para todo no Sofán. Tivo momentos de estrés?
Moitos, pero a paixón por isto supera todo. Os momentos de máis estrés chegaban, sobre todo, nos principios de cada tempada pola incerteza dos resultados nas primeiras xornadas ou por non poder conseguir un obxectivo. Co tempo souben aceptalo porque son factores inherentes á profesión e tranquiliceime máis. Cando eres capaz de estar nun banco ou na bancada sen ser escravo do resultado disfrutas máis do xogo e nos últimos anos fun nesa liña. Conseguín abstraerme un pouco, analizar simplemente as situacións que podía controlar e actuar só neses casos.

Cal foi a tempada máis difícil que recorda?
As máis difíciles foron as primeiras. Recordo un ano que, faltando dúas xornadas para rematara a liga, tiñamos que gañar os dous partidos para salvarnos do descenso a Terceira Autonómica. Cando cres que o equipo ten que ir cara arriba, verte abocado a un descenso rompía un camiño que tiñamos pensado facer. Gañamos en Louro por 0-3, pero sufrín moito esa vitoria e recordo ese partido como unha auténtica agonía. 

Chegou a sentirse máis responsable do que verdadeiramente debía sentirse?
Sempre me sentín totalmente responsable a pesar de que me gusta compartir responsabilidades coa xente axeitada e no Sofán hai moitos traballadores moi válidos para todas as tareas. Son unha persoa á que lle gusta absorber a responsabilidade e non teño ningún problema en facelo. Gústanme as cousas ben feitas, intentei que foran así, pero sempre implicando a todos os que estaban ao redor porque creo que é o único camiño. Se algún acerto tiven no Sofán foi precisamente ese: rodearme dunha xente fantástica tanto en corpos técnicos como en fútbol base e, sobre todo, en directiva. 

Cal é o recordo máis emocionante de tantos anos no club?
Os dous ascensos. Fóra do éxito deportivo, a maneira na que se produciron foi de infarto. Contra o Val do Ulla ascendemos superado o minuto 100 nun partido que parecía que estaba nunha prórroga. Marcar na última falta e que despois o árbitro pitase o final foi incrible. Tamén foi espectacular o ascenso en Miño con 400 persoas de Sofán no campo. A seis minutos do final estabamos eliminados pero fomos capaces de ascender. Podo dicir que en Miño, cando nos marcaron no minuto 77, foi o único día no que me temblaron as pernas no fútbol. Nese momento estabamos fóra e vin moi lonxe un obxectivo moi querido. Conquerilo como o conquerimos foi unha explosión de xúbilo que non olvidaremos nunca.

Non puido controlarse?
Creo que foi o único momento no que estiven a punto de derrumbarme nun banco. Recentemente, un directivo do Miño ao que aprecio moito amosoume un vídeo que gravou o seu club ese día con tomas desde dentro do vestiario. Iso fíxome reflexionar moito porque vin o lado do equipo que perdeu cando nós estivemos no lado vitorioso e non nos dábamos conta que nos puidemos estar na súa situación. Ese tipo de cousas axudan a relativizar tanto triunfos como derrotas.

Foi máis especial o ascenso contra O Val do Ulla por ser o primeiro?
Foi incrible porque o Sofán, desde que eu cheguei, nunca se plantexou o ascenso a Primeira Autonómica nin que se podía gañar unha Liga da Costa. Foi o momento de perder a virxinidade e, a partir de aí, de crer en milagres porque, unha vez que se produce o primeiro, por que non poden chegar máis?

Cando le as palabras ascenso e Sofán, cal é a primeira persoa na que pensa?
Moitas. Teño claro que a nivel directivo hai unha persoa da que me acordei moito no primeiro ascenso: o presidente Liso do Campo. Liso foi quen me levou ao club e, por motivos de traballo, emigrou a Suiza cinco anos e foi unha traxedia nacional galega na persoa dun amigo. Esas cinco tempadas foron as cinco mellores na historia do club e Liso, un dos homes que máis traballou para o club, perdeunas en primeira persoa. O día do primeiro ascenso pasoulle algo moi curioso: tendo voos para poder vir ao partido a Sofán, a súa familia foi para Suiza, non puido vir e seguiu o partido a través da nosa retransmisión nas redes sociais. Foi unha dos primeiros en colgar fotos coas camisetas do Sofán en Suiza. Foi un dos momentos máis emocionantes nos meus anos no Sofán. 

Está orgulloso do que fixo polo Sofán?
Si, sobre todo de poder compartilo coa xente que traballou comigo. Se reunimos ao 95% da xente que estivo no Sofán, alegraríanse de todos os éxitos que tivo o club. E para min o maior éxito é que todos os que marcharon o fixeron sendo aficionados do Sofán.

Quedoulle algo por facer?
A nivel deportivo, a Copa da Costa. A nivel institucional quedaba pouco por facer porque as obsesións que tiña o club fai catro anos eran: ter un local social propio que xa temos, ter un campo de fútbol novo que xa temos, ter todo o fútbol base estructurado que xa temos, o equipo en primeira liña na Costa da Morte e, por clasificación, é o primeiro… Sempre quedan cousas pero creo que hai moito feito.

É a persoa das iniciativas no fútbol da Costa da Morte. De onde saen tantas ideas?
Teño uns compañeiros fantásticos para sacar ideas adiante. A xente de ‘quepasanacosta’ e eu temos inquietude por facer cousas como as galas, os álbums de cromos, o fantástico congreso que fixemos anos atrás… Son cousas que te manteñen unido ao mundo do fútbol e que seguirei facendo porque quero seguir ligado ao fútbol da Costa. A xente do fútbol é fantástica. Normalmente atopas xente moi sá e este tipo de iniciativas soen ter moi boa acollido.

Cal foi o futbolista que máis lle custou fichar?
Houbo futbolistas que andei detrás deles varios anos. A algúns conseguín fichalos e a outros, despois dalgunhas tempadas, conseguín traelos. Creo que a fichaxe máis importante do Sofán foi a de Raúl, que fora criticado por non marcar ningún gol nas primeiras catro xornadas –despois metera 31 en liga e cinco na promoción–. Se se fai a enquisa de cal é o mellor futbolista da historia do club, non tiño ningunha dúbida de que gañaría el por moitas circunstancias: polo seu tamaño persoal, pola aportación que fixo ao club como xogador… Chegaran Pablo Martínez, Martín e el do Sada a Segunda Autonómica e déronlle un salto de calidade ao equipo e ese ano estaba seguro que conseguiríamos o ascenso. 

E o adestrador máis difícil de convencer?
Un dos que máis me custou foi Josito porque é ‘perro viejo’ negociando e houbo que falar moito con el. 

Cal foi o adestrador máis importante que pasou polo Sofán?
Cada adestrador chegou nun momento diferente. Baña fixo un traballo de pasar de pelexar por non descender a pelexar polo ascenso. Vicente tivo que facer unha tempada moi difícil de transición. Pablo Mallón foi o que conseguiu o ascenso a Primeira. Josito foi o que conseguiu o ascenso a Preferente. E Iván foi o que asentou o equipo na Preferente. Cada un xogou o papel que se precisaba en cada momento. Estou moi contento de haber tido a estes adestradores e algo do que me sinto orgullo é que, en 14 años que estiven no club, só houbo seis adestradores. 

Pode contar algunha anécdota que vivira con algún destes adestradores?
Cando negociei con Iván Cancela, despois de dúas horas charlando, díxome: teño unha última pregunta. Aos meus equipos cústalles pillar o meu modelo de xogo. Que pasa se en decembro imos mal? A miña resposta foi: levo doce anos no club e só pasaron cinco adestradores, así que xa fas ti as contas. No mundo do fútbol, a continuidade paréceme algo fundamental. 

Iván Cancela será o novo seleccionador de Galicia, Josito foi do Sofán ao Cerceda en Segunda B. Como interpreta a evolución dos dous últimos adestradores do Sofán?
Como director deportivo non o sei, pero ao presidente díxenlle que, ao próximo adestrador que fichara, tiña que facer que pagara el por vir a Sofán porque o club está sendo un trampolín importante. Os adestradores que están a saír do Sofán fano cun prestixio xustamente gañado co seu traballo e están onde se merecen. 

O director deportivo dun club de Preferente pode ser amigo do adestrador ou dun xogador?
Se es capaz de diferencias as horas de traballo das de amizade, si, pero eu non son a persoa que incita a ir tomar as cañas e moitas veces prefiro manterme apartado e que sexan os xogadores os que se liberen e comenten as súas cousas. Teño un trato moi cercano con eles e considéroos a todos como irmáns pequenos pero gústame máis estar nunha posición de axudar que de estar no bar brindando porque non é a miña maneira de ser.

Arrepentiuse dalgunha decisión que tomou?
Non son persoa de arrepentirme, son persoa de tomar decisións a asumilas. As decisións que máis doen son as de dar baixas porque son unha persoa cercana ao futbolista e ao adestrador e gústame falar cara a cara coa ente. Non me arrepentín desas decisións pero son as que máis doen.

Perdeu algún amigo por unha decisión dese tipo?
Espero e creo que non.

Cando escoita as palabras Sofán e capitán, en quen pensa?
Raúl. É o noso capitán. Foi o líder desde que chegou e segue séndoo. Tamén teño que mencionar a Suso do Campo, o meu primeiro capitán e o que probablemente será sempre o máximo goleador da historia do club. Esas dúas persoas simbolizan á perfección o que é un capitán nun equipo de fútbol. 

Onde se ve a vindeira tempada?
Estou a traballar nun bonito proxecto de cara ao ano que ven nun equipo que aínda está en competición e teño máximo respeto aos profesionais que están aí. É un proxecto que, ao meu grupo de traballo e a min, ilusiónanos moito e adicarémoslle moitas horas para que saia ben como saiu en Sofán. 

No Sofán facía de todo pero, cal é a parcela na que se sinte máis a gusto?
Síntome a gusto no día a día, estando nos adestramentos, acompañar ao equipo nas viaxes, estar no vestiario con eles… Nunca perdía un adestramento nin perdía un partido porque realmente é onde me gusta estar. Ao final, un sempre é xogador de fútbol e facer iso é alargar un pouco esa etapa. En canto ao labor de despacho gústame no plano de coñecer xente e ser capaz de chegar e ilusionar a un futbolista. 

Foi unha persoa importante nos éxitos do Sofán. Tivo críticas ou notou envexa nestes últimos anos?
As críticas sempre estamos expostos, pero nunca lles fixen moito caso, principalmente porque sempre tiven moito apoio por parte da directiva. Eramos unha piña e a nosa coraza era moi difícil de romper. Preocuparíame se as críticas viñesen de dentro, pero nunca foi así. Sempre recibín o máximo apoio e por iso o Sofán é un sitio tan cómodo para traballar.

Monchi dixo, no seu regreso ao Sevilla, que non recorda un verán con vacacións. Tamén lles pasa aos directores deportivos do fútbol amateur?
Si, para min comeza o mambo cando remata a tempada ou incluso antes. Normalmente, desde febreiro-marzo xa hai ideas do que se quere facer. Eu tamén digo que non teño vacacións nesas datas, pero tampouco as quero. 

Nalgúns aspectos, o Sofán non parece un club da Costa. Comparte esa afirmación?
Si, sobre todo pola súa situación xeográfica coa cercanía á cidade. O fútbol da Costa é un fiel reflexo do que é socialmente a Costa da Morte: pobos nos que a mocidade ten pouco traballo e teñen que marchar ás grandes cidades para estudar e traballar, aínda perviven as profesións de antigo… Sofán está máis preto dun casco urbano e, a nivel social, xa é diferente, e a nivel futbolístico tamén. Nós tivemos xogadores da Coruña, de Bertamiráns, de Sada, de Oleiros, de Paiosaco, de Laracha, de Baio, de Vimianzo… Somos un pouco máis cosmopolitas do que poden ser outros clubs da Costa. 

Gustaríalle ver máis equipos da Costa en categorías como a Preferente?
Por suposto. Os clubs da Costa teñen unha historia detrás espectacular, un nivel de afección moi elevado e hai talento nos xogadores da zona. Son o primeiro en defender ao futbolista costeiro porque me gusta máis que os xogadores prefabricados que saen ultimamente das escolas deportivas. Son dos que valora máis o xogador de rúa que o de escola.

É un mito que o futbolista da Costa da Morte ten máis talento que calquera outro da provincia?
O talento son horas e calidade de adestramento. A diferencia entre uns e outros é que o xogador da Costa aínda está na rúa. Na praza dun pobo como Corme aínda hai partidos de fútbol e iso non pasa na Coruña e en condicións diferentes saen xogadores diferentes e por iso o xogador da Costa é máis explosivo, máis arriscado, máis impredecible que un xogador que sae dunha canteira máis estructurada. 

Que se necesita para que un equipo da Costa estea en Preferente?
Estructura e horas de adestramento. Un ano podes ter un bo equipo, pero para manterte tres ou catro anos nunha categoría hai que ter algo máis. Se os clubs da Costa son capaces de ter estructura e traballo, poderán chegar porque teño o talento a plastilina que se pode moldear. 

Falaches en primeira persoa en termos referidos ao Sofán. Canto tempo lle levará cambiar iso?
Creo que sempre falarei en primeira persoa sobre o Sofán porque son un sofanista máis e seguireino sendo. 

Imaxine que ficha por un equipo de Preferente e volve ao Carral como rival.
Será estrano porque non sabería nin onde sentarme no banco visitante. Levo tantos anos sentándome no mesmo asento do banco local… Tiña manías cando xogábamos na casa: chegaba á mesma hora ao campo, gustábame ser sempre o primeiro, sentarme no mesmo sitio… O día que teña que sentarme noutro lado vai custarme pero tomareino como o que será, unha etapa diferencia.
 

Futboleiro ata a médula, Manuel Varela bota a mirada cara atrás.

Te puede interesar