Josiño está en racha. O centrocampista de 28 anos do Paiosaco foi importante para o seu equipo nos dous últimos encontros, nos que foi quen de marcar dous golazos de falta ante Barco e Ribadumia.
O que marcou contra o Barco o pasado xoves ou o que fixo contra o Ribadumia tres días despois? Con cal queda Josiño? Parece telo claro. “Entre estas dúas quedo co gol fronte ao Barco”.
Desde un punto de vista máis técnico, o da execución, Josiño Vázquez, un dos capitáns do Paiosaco na primeira tempada do club en Terceira, non aposta por un deles como o mellor lanzado. “Non sabería dicir. Foron moi parecidos, só que desde diferente lado. Tal vez o do Barco un pouco mellor”, dubida.
Se está Diego no campo, tíraas el porque está a outro nivel e se non Eiroa ou eu
En todos os equipos sexan do nivel que sexan hai especialistas a balón parado tanto no remate como nos lanzamentos e eses xogadores aos que lles gusta tirar as faltas ‘pelexan’ entre eles por ter ese privilexio nos partidos. ”A verdade é que levamos moi ben ese tema. Se está Diego Lois, tíraas el e listo. E se non, Eiroa ou eu. Sempre o que máis confiado estea nese momento”, argumenta Josiño.
Despois de marcar dous goles de forma directa, xa lle quitou Josiño a prioridade a Diego Lois non lanzamentos de falta se están os dous no campo? O centrocampista verdebranco teno máis que claro. “Imposible. Diego Lois está a outro nivel”, sentencia.
Unha das asignaturas pendentes que ten Josiño Vázquez para esta tempada é, tendo en conta que é o único futbolista do equipo que naceu en Paiosaco, marcar un gol na Porta Santa ante a súa afección. “Ogallá marque pronto na Porta Santa. Teño gañas de meter un gol na casa en Terceira e, se fose de falta, estaría xenial”, indica un dos xogadores que máis sente o escudo.
Botando a mirada ao baúl dos recordos, Josiño tira de memoria para seleccionar a súa mellor execución dun golpe franco directo. “Non recordo ben.. Lembro unha falta contra o Noia na que o balón deu na cruceta. Foi desde polo menos 35 metros e non entrou pero foi boísima”, repasa o mediocentro do Paiosaco.
Saques de esquina
Josiño, que esta tempada xa compartiu centro do campo con Javi Fuentes, Christian, Eiroa, Aythami, Diego Lois e ata Juanma, tamén é un dos lanzadores do equipo en saques de esquina.”Non é que sexa especialista non pero, como de cabeza non vou moi ben, intento practicar mellor os saques”, aclara.
En canto a todos os tipos de execucións en accións a balón parado –faltas directas, penaltis, saques de esquina–, Josiño diría que ten como especialidade “os penaltis”.
O momento do equipo
Somozas e Paiosaco, cara a cara este domingo na Porta Santa, están empatados a 20 puntos na metade da táboa pero sen poder descoidarse porque o penúltimo está a só seis puntos e os postos de descenso máis preto aínda. É favorito o Paiosaco por xogar en casa? “Pode ser que si. Cos resultados que estamos a sacar na Porta Santa e o competitivos que estamos a amosarnos, sobre todo nas últimas xornadas,, é moi dificil gañarnos, aínda que o Somozas ten moi bos xogadores. O que temos claro todos é que vai ser moi difícil”, reconoce.
Juan Riveiro, adestrador do Paiosaco, é imprecedible cos seus aliñamentos esta tempada. Agarda Josiño xogar por terceira xornada consecutiva? “Espero que si. Como todos os xogadores, quero xogar o domingo. Para iso adestramos toda a semana, pero Juan sempre pon o equipo que el ve estar máis capacitado para cada partido”, explica o centrocampista peisaqués.
Despois de gañar dous partidos na casa e empatar dous fóra nas catro últimas xorndas, está o Paiosaco no mellor momento da tempada? “Pode ser que si. Aínda que os dous últimos partidos non fosen victorias, as sensacións están a ser moi boas e máis se cabe tendo en contacto que foron partidos fora da casa, onde nos estaba a costar un pouco máis ao principio da tempada”, di.
Catro puntos serían moi bos nestes dous partidos, acabar o ano con 24 sería magnífico
Somozas na casa e Ourense CF fóra. Cantos puntos firma Josiño? “Catro puntos serían moi bos para nós. Acabar o ano con 24 puntos sería magnífico”, remata o autor dos dous últimos goles do equipo.
O test
Collinlle gusto cando fichei no Paiosaco, antes non me deixaban tiralas
Poucos xogadores de Terceira División –nesta tempada Pablo Rey, do Racing, ou Yahvé, do Alondras– ou noutras –Bossa, do As Pontes– poderián presumir de marcar dous goles de falta en dos partidos consecutivos. Josiño pode facelo.
Ensaias as faltas ao rematar os adestramentos?
A verdade é que menos do que quixera, pero algo sempre cae.
Que porteiro queda contigo para ques as tires?
Normalmente Rama, aínda que a veces tamén se pon el a tiralas (risas).
Cal é o teu sitio preferido para tiralas?
É indiferente. Gústame golpear a todos lados.
Con cantos anos lle colleches o gusto a tirar as faltas?
Aos 25 anos máis ou menos, cando fichei no Peisaco. Antes non me deixaban tirar moitas, a verdade.