Nun treito da tempada que xera moitas dúbidas, se cadra hai que elixir o sendeiro do optimismo. Din das películas que segundas partes nunca foron boas. Pero isto é fútbol e non perdemos nada se confiamos na volta de Rubén de la Barrera.
Lembro a súa faciana fai case un ano, cos xogadores do Albacete celebrando o ascenso na sala de prensa de Riazor e el calado, serio e sen perder as formas. Agora vai ter a oportunidade de loitar por un novo éxito. Por diante, seis partidos para acadar ese obxectivo que non alcanzou fai dous anos.
Na afección hai desconfianza, hai pesimismo, hai cansanzo... É normal, despois dos últimos meses. Pero se aínda hai xente que forma unha longa ringleira para mercar a súa entrada, todo pode suceder.
Non nos veñamos abaixo, e menos agora. O deporte é caprichoso e imprevisible. E o Depor terá que estar preparado para aproveitar esa pinga de sorte ou ese feixe de inspiración que en calquera momento pode aparecer.