N unca fun un experto en natación, nin practicando nin escribindo sobre este deporte. Pero hoxe penso que estaría ben tratar o tema, xa que se celebra a tradicional Travesía ó Dique.
Son xa cincuenta edicións dunha competición que se desenvolve a carón dun dos símbolos da cidade. Unha construcción que protexe ás embarcacións do porto, é ideal para dar un paseo e, por riba, serve como alicerce desta proba de natación que organiza o CN Coruña. Un clube que cumpre neste 2022 oitenta anos de vida.
Así que moita sorte ós participantes, dicíndolles que ten moito mérito o que fan (eu cando tento nadar en Bastiagueiro case afogo despois da quinta brazada). E se o que fan estes deportistas é de louvar... Imaxinan gañar tres ouros nun Campionato de España Open?
É o que fixo estes días María de Valdés, do CN Liceo. Unha andaluza que adestra nestas terras e que amosou o seu bo estado de forma en Sabadell. Parabéns para ela, para Paula Otero (que voltou con dous bronces) e para o resto da representación galega.