O Deportivo entregou as insignias de ouro a 19 deportivistas. 19 persoas que son socias do Deportivo ininterrompidamente dende hai 50 anos.
En 1974 o mundo era moi diferente. Os Beatles xa levaban máis de catro anos separados. Seguíanse notando os efectos da crise económica do petróleo de 1973, Richard Nixon dimitía polo escándalo do Watergate, Turquía invadía o norte de Chipre e en Portugal tiña lugar a Revolución dos Cravos facendo que esa Primavera fose aínda máis bonita. Alemaña gañaba o Mundial organizado no seu país (a primeira final dun Mundial que lembro. Que ben xogaban os de laranxa) e Muhammad Alí gañáballe en Kinshasa a Foreman o combate de boxeo máis famoso de todos os tempos, do que máis se escribiu. Putín estaba estudando a carreira de dereito antes de converterse en axente da KGB. E Trump, que tiña 28 anos, foi acusado por un tribunal federal de Brooklyn en New York de esixir termos de contrato diferentes en función da raza. Ou sexa que non quería alugarlle o piso a persoas de raza negra. Hai cousas que non mudaron tanto.
Un xornal valía oito pesetas e unha barra de pan nove. E eu ía ao cine Alfonso Molina por 25 pesetas. Os abonos de Especial Niños do Deportivo valían 500 pesetas por temporada. Eran rosados, con foto e cada partido que ías quitábanche unha parte do “carnet”. Eran outros tempos.
En 1974 o Deportivo baixaba a Terceira División. Un ano antes descendera de Primeira. Ese ano se cesaron tres adestradores e dimitiu o presidente do club. Non debeu ser un ano doado. Non lembro ese descenso. Si o de 1980, perfectamente.
Ese ano os deportivistas non deixaron ao seu equipo. Moita xente foi facerse socia. Entre eles meu pai. Pepe, Ares, dianteiro e extremo, dos que lle dan coas dúas pernas. Acostumaba a ir aos partidos, pero nunca se fixera socio. Ese ano veu a necesidade de facerse socio. E de paso a min. Eu, por desgraza, deixei de ser socio uns anos. Todos temos o dereito de equivocarnos cando somos novos. Por iso non cumprín 50 anos ininterrompidos coma el. Por iso só levo 36 anos de socio.
Foron os primeiros que “baixaron o barro” como lle chamamos 45 anos despois. Viron a necesidade de ser socios do Deportivo. Pensaban que o Deportivo precisábaos e non o pensaron.
Quedan 19. Quen sabe cantos deixaron de ir ao fútbol, cantos mudaron de cidade, cantos xa non están. Quedan 19, deberon ser moitos e moitas. E dende aquela viviron moitas alegrías, ascensos, títulos cos que nin sequera soñamos, grandes vitorias. E tamén grandes derrotas, a primeira vez que vin chorar ao meu pai polo do fútbol foi despois do “partido do Rayo” de 1983. Na temporada pasada os Riazor Blues sacaron un tifo ben bonito: “Só a lembranza de onde veño me axuda a saber cara onde vou”.
Grazas Papá por eses 50 anos. Grazas Chito, que ten 63 anos, de Monte Alto, amigo meu. Que se fixo socio co seu irmán para axudar ao Deportivo. Chito chegou xogar no Racing de Ferrol. Pero o seu equipo é o Deportivo. Case todos os días falamos do Deportivo, de xogadores, do pasado, de fichaxes...
Meu pai, Pepe, non puido ir a homenaxe, cousas da saúde, nada grave, pero son case 85 anos. Nestes días irei a pola súa insignia de ouro. Na casa non somos amigos das xoias. Pero esa insignia de ouro vale máis que a mellor xoia do mundo.
Grazas a todas eses deportivistas que “baixaron ao barro” hai medio século. E seguir dende aquela. Grazas Papá, grazas Chito. Sinto non saber o nome dos demais.
Vos sodes o Deportivo, o Deportivo sodes vos.