Luismi: “Aínda que agora estou no San Tirso, o Boimorto é a miña casa”
lll
17º-23º

Luismi: “Aínda que agora estou no San Tirso, o Boimorto é a miña casa”

Luismi, centrocampista del San Tirso, protege el balón en un partido ante el Betanzos en O Monte | Patricia G. Fraga

Usuario

Centrocampista del San Tirso


O San Tirso estivo a piques de coarse na fase de ascenso, pero agora deberá afrontar o tramo decisivo do campionato loitando pola permanencia nun grupo xunto a Victoria, Foz, Laracha e Boimorto, un club especial para Luis Miguel López López ‘Luismi’ (Boimorto, 1988). O centrocampista do San Tirso militou durante dez anos no club da súa localidade e o calendario quixo que o domingo se reencontre co seu pasado en O Monte (17.00 horas) na primeira xornada da segunda fase. Unha coincidencia que el prefería evitar.


Que che parece o grupo de permanencia que tocou con Boimorto, Laracha, Foz e Vitoria tras o mazazo de quedar fóra da loita polo ascenso?

No vestiario estabamos un pouco decepcionados por non entrar na fase de ascenso aínda que era difícil que se desen todos os resultados. Unha vez que non se deron estabamos amolados porque consideramos que estivo nas nosas mans e non o soubemos aproveitar. Estamos contentos por polo menos entrar coa maior puntuación posible. Nos enfrontamentos contra Victoria e Boimorto hai máis rivalidade aínda que eu persoalmente preferiría xogar contra outro e non o Boimorto, pero o fútbol ten estas cousas.


Que equipo ves con máis posibilidades de dar guerra?

Penso que nunha liga tan corta calquera che pode facer sufrir. Sobre todo Laracha e Foz no seu campo e Boimorto e Victoria no seu campo e fóra.


Aínda doe o golpe de non pechar xa a salvación?

O golpe foi no penúltimo partido contra o Santaballés porque dependiamos de nós e non puidemos sacar os tres puntos. Ao pasar a depender doutros xa foi máis difícil. Foi un golpe que o fomos asimilando durante a semana pero aínda tiñamos ilusión por poder conseguilo na última xornada.


Consideras xusto o sistema de competición?

Considero que prémiase pouco a puntuación que alcanzamos nós. Estabamos a rozar os 40 puntos e imos competir con equipos que non chegaron aos 30 e agora só vai haber un partido de diferenza. Pero é certo que cando se presenta o plan de competición e acéptase, xa se sabe o que hai, pero non me parece xusto.


Primeiro rival: Boimorto.

Preferiría non ter que xogar contra o Boimorto aínda que non teño nada en contra deles, todo o contrario. Unha vez que tocou, tentarei desfrutalo. Vou xogar contra amigos porque son de alí e estiven dez anos seguidos alí. Vai ser especial pero quero que esa diferenza respecto a outros partidos sexa para gozar máis.


Que é o Boimorto para ti?

É o meu club. Aínda que agora estou no San Tirso porque necesitaba unha nova experiencia na miña carreira, sempre fun moi claro con iso, o Boimorto é a miña casa. Alí xogan amigos e despois de xogar cada fin de semana sempre miro o resultado do Boimorto. Este domingo non vou ter que facelo.


Por que decidiches cambiar de aires no verán de 2020 tras tanto tempo no Boimorto?

Necesitaba unha nova experiencia. En Boimorto vivín unha experiencia bonita pero ao final é só un equipo, un só vestiario. Necesitaba unha nova experiencia antes da retirada, que os anos xa se van notando, e o obxectivo logrouse porque recobrei a ilusión que tiña polo fútbol cando tiña 20 anos. No San Tirso conseguiron que me sentise así.


Que partido esperas?

Espero un partido moi igualado con moitas segundas xogadas e iso o Boimorto dispútao moi ben. Tamén van ter unha importancia crucial as xogadas a balón parado e aí os dous equipos temos bastante eficacia. A igualdade é máxima. Quizá eles manexen mellor as segundas xogadas pero nós tentarémolo suplilo con outras cousas, con esforzo físico e sabendo xogar os momentos cruciais do partido. Tentaremos facer dano con catro cousiñas que podemos facer.


Que máis virtudes ten o Boimorto?

Ten moito talento individual. Fóra cústalles sacar os partidos pero O Monte é un campo que lles vai ben e en xogadas illadas teñen moito talento individual para decidir o partido.


E cales son as debilidades?

A primeira debilidade é que como visitante é un equipo que lle custa. Despois, tamén cremos que lle podemos facer dano se imprimimos velocidade en ataque e se conectamos rápido cos de arriba. E o máis importante é non perder o balón en campo propio. O campo obrígache dalgunha forma a xogar directo pero nós tentamos nalgunha fase do partido saír co balón xogado pero non lle debemos dar opcións de roubarnos o balón.


Que balance fas da túa estancia no San Tirso?

Estou moi ben, recobrei a ilusión por xogar ao fútbol. Cando fichei xa sabía un pouco o equipo que era e a verdade é que o corpo técnico, o do ano pasado e o deste, acolléronme moi ben, igual que os compañeiros e a directiva. Todos me fixeron sentir que teño outra casa á parte de Boimorto.


Estás asentado na medular habitualmente xunto a Santi. Estás adaptado ao xogo do San Tirso?

Tiña algo de medo con iso porque igual eu son outro corte de xogador, non tanto de disputar, pero conseguín adaptarme dunha maneira aceptable. Respecto a Santi, considero que é un dos futbolistas cos que mellor conectei da miña carreira. Non sei o que pensará el. No campo teño un entendemento especial con el a pesar de que levamos pouco xuntos. Pero tamén o teño con César, Roberto, Segade... Son un pouco os que máis preto están pola zona do campo, pero non me gusta personificar porque me quedan outros moitos sen nomear.

Luismi: “Aínda que agora estou no San Tirso, o Boimorto é a miña casa”

Te puede interesar