Gody (Sofán): “Temos a capacidade para estar máis arriba, pero non o estamos merecendo”
lll
17º-23º

Gody (Sofán): “Temos a capacidade para estar máis arriba, pero non o estamos merecendo”

Gody (Sofán): “Temos a capacidade para estar máis arriba, pero non o estamos merecendo”
Diego Rodríguez ‘Gody’, central do Sofán, fai un pase en longo no partido xogado no Carral ante o Galicia de Mugardos | Foto: Raúl López

Usuario

Diego Rodríguez Castro ‘Gody’ (Carballo, 2000) é o único futbolista de todo o Grupo Norte de Preferente Autonómica que xogou todos os minutos das 20 xornadas. O central do Sofán, peza básica nos esquemas de Pablo Torreira, resta importancia a este logro en particular e analiza a súa tempada e a do seu equipo antes de enfrontarse o domingo á Sarriana, o conxunto máis goleador da liga e un dos favoritos ao ascenso.

 

Que sentes ao ser o único futbolista da liga que xogou todos os minutos?
Non acostumo a estar pendente de se son o que máis xoga ou non, pero si que me parece algo curioso debido a que non fago nada diferente ao resto de xogadores da categoría. Iso si, hai que destacar que o punto crave é que as lesións me vaian respectando.

 

A tempada pasada tiveches a confianza plena de Alberto Rodríguez. Esperabas tamén ter a de Pablo Torreira?
Estea quen estea ao mando, sempre adestro e xogo da mesma maneira. En canto a que me dean minutos ou non, é cuestión de que o míster vexa tanto pola semana como os domingos que ofrezo o mellor nivel posible.

 

Que che pide Pablo Torreira a nivel de xogo?
Con balón, que trate de sair xogando combinativo sempre que poida, pero sen arriscar en exceso. A nivel defensivo, seguridade, protexer moi ben as costas e ser contundente nos duelos individuais.

 

No Sofán xogaches de central e de lateral. Onde che gusta máis xogar?
Considero que a miña posición é a de central, e é onde máis desfruto. Se é necesario que algún partido xogue de lateral, fágoo sen problema nin incomodidade, pero non é a miña posición preferida.

 

Levas catro tarxetas. Crees que vas poder alongar moito máis xogalo todo?
Nin o creo nin me preocupa. É algo no que nunca penso e é inevitable que un día ou outro, ben por sancións, lesións ou compromisos, córtese esa serie de partidos consecutivos xogando.

 

Tes na cabeza durante os partidos esa posibilidade de seguir xogándoo todo?
En absoluto. No partido estou concentrado no importante, e evidentemente non me cohibo á hora de facer unha entrada forte, cortar unha contra ou facer un gran esforzo físico simplemente polo feito de xogar máis minutos e partidos.

 

A ausencia de lesións débese algo innato?
Afortunadamente as lesións sempre me foron respectando. Non me coido nada fóra do normal, así que espero que a sorte siga do meu lado nese aspecto.

 

Que balance fas da tempada do Sofán ata o momento?
Definiríaa como irregular. Dinámicas moi negativas e dinámicas moi positivas. Partidos con portería a cero e partidos nos que encaixamos catro goles. Se melloramos nese aspecto, teremos un cómodo final de tempada. Considero que a nosa tempada ten moita marxe de mellora.

 

Un equipo recentemente descendido sempre ten a presión de estar arriba. Sentes que deberiades estar máis arriba?
Sempre desexamos estar na parte alta da categoría, e aínda que é certo que temos a capacidade para estar máis arriba, a realidade é que tanto polo xogo como por resultados non o estamos merecendo. Esperemos que iso cambie a partir de agora.

 

A que crees que se debeu esta primeira metade tan irregular do Sofán?
O cambio de corpo técnico, de gran parte do plantel, lesións longas de xente importante, falta de continuidade de moitos xogadores por lesións máis leves pero que non lles permitían ofrecer o seu maior  nivel, a adaptación a un novo xogo... Son varios dos factores que atrasaron que o equipo comezase a carburar ata practicamente a metade da primeira volta.

 

Que esperas do Sofán na segunda volta?
Unha tónica similar á da primeira volta, pero espero que cunha maior regularidade en canto a resultados, goles a favor e en contra, e de dispoñibilidade dos xogadores, así como maior sorte cara o gol, o que en múltiples ocasións non nos permitiu conseguir puntos que mereciamos.

 

Preocupa a posibilidade de caer a Primeira sobre todo por que seguramente se produzan moitos arrastres?
Non é unha preocupación no día a día, pero tal e como está de apertada a categoría perdes un par de partidos e o lobo ensina as orellas. O noso obxectivo é ir para arriba, pero sempre lembrando que o pozo está aí preto.

 

Sofán-Sarriana. Como defensa, como se para ao equipo máis goleador?
Facendo as cousas ben a nivel de duelos individuais, seguindo marcas, parando paredes e contraataques, e sobre todo incomodando moito á Sarriana co xogo intenso e frenético que sabemos ofrecer no Carral.

 

Xogáchelo case todo en Preferente e Terceira co Sofán. Crees que poderías chegar a xogar máis arriba? 
Vivo pensando no día a día, e a pesar de que o fútbol é unha parte fundamental da miña vida, o máis importante para min é a vida extradeportiva. Busco estar cómodo e que o fútbol sexa un complemento e unha vía de escape e de desfrute para min, polo que por agora síntome realmente a gusto na Preferente e na SD Sofán. 

Gody (Sofán): “Temos a capacidade para estar máis arriba, pero non o estamos merecendo”

Te puede interesar