Subvencións | Máis de tres millóns de euros
lll
17º-23º

Subvencións | Máis de tres millóns de euros

Subvencións | Máis de tres millóns de euros
Cristina Capelán nunha visita á sala de adestramentos do Club Halterofilia Coruña na Casa da Auga | dc

Usuario

A Deputación da Coruña promociona a actividade deportiva na provincia coa convocatoria de cinco liñas de subvencións por importe de máis de 3 millóns euros. O obxectivo é dar apoio a entidades sen ánimo de lucro, federacións ou ANPAs no desenvolvemento de diferentes modalidades e do deporte base, así como de iniciativas encamiñadas ao benestar das persoas.

“Un programa comprometido coa igualdade e o deporte inclusivo, e unha aposta firme polo futuro dos nosos e as nosas deportistas, para situalos na elite do deporte nacional e internacional”, sinalou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que lembrou que en en 2021 un total de 513 deportistas e entidades deportivas da provincia accederon ás axudas da Deputación.

Este apoio ás entidades compleméntase coa contratación de arredor de 70 técnicos deportivos noutros tantos concellos coruñeses, un programa no que a Deputación inviste 1.015.000 euros.



Publicadas as bases


O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases destas subvencións, dirixidas a entidades privadas sen fins de lucro, incluídas as federacións deportivas, legalmente constituídas e con domicilio fiscal na provincia da Coruña. As contías que recibirán os beneficiarios poderán empregarse para a mellora de infraestruturas e equipamento, salarios, outros aprovisionamentos, material ante a Covid-19, gastos de participación en competicións ou transporte, entre outros.

Con este programa, a Deputación busca mellorar a condición física, a ocupación activa do tempo de lecer, o deporte afeccionado e a participación en actividades deportivas non federadas. Tamén pretende difundir os valores deportivos con iniciativas de divulgación e formación, como charlas, talleres, cursos, simposios ou xornadas de debate. Por último, a institución provincial promociona as competicións deportivas federadas e non federadas. “Queremos que a provincia da Coruña se sitúe na vangarda a nivel deportivo e sexa referente no ámbito”, afirmou Capelán.



Benestar


O ente provincial achega unha axuda de 450.000 euros para promover e desenvolver distintas modalidades deportivas e, en especial, fomentar o deporte base e as actividades encamiñadas a mellorar o benestar das persoas. Este programa contará con contías que van dun mínimo de 1.000 a un máximo de 30.000 euros.

Do mesmo xeito, hai unha liña dirixida a clubs deportivos da provincia que conten con algún equipo ou deportista que participen en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial ou autonómico. As achegas, que irán dos 1.000 aos 60.000 euros, permitirán financiar os gastos derivados da súa participación nas probas.

Por outra banda, a Deputación financia cun millón de euros a participación de clubs deportivos sen ánimo de lucro con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional. O importe máximo achegado será de 100.000 euros.

Os eventos deportivos que acolle a provincia son unha oportunidade única para impulsar aos deportistas galegos, pero tamén un acicate para fomentar un turismo deportivo, impulsando deste xeito tamén a economía da provincia. O ente provincial destina 400.000 euros das súas liñas de axuda a financiar o desenvolvemento de grandes probas singulares de interese na provincia.

Os importes a conceder van dun mínimo de 6.000 a un máximo de 70.000 euros que irán destinados a sufragar os gastos inherentes á organización dos eventos.

A través dunha achega de 500.000 euros, desde o ente provincial apoiarase a entidades deportivas na mellora das súas infraestruturas e equipamento, co obxectivo de ofrecer as mellores condicións para a práctica deportiva. As subvencións poderán oscilar entre os 1.000 e os 40.000 euros.

As entidades interesadas en solicitar as subvencións poderán facelo de xeito telemático en https://sede.dacoruna.gal/subtel/acceso/login. O prazo de presentación determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria que se publicará na Base de Datos Nacional de Subvencións. 

Subvencións | Máis de tres millóns de euros

Te puede interesar