A Deputación da Coruña publicou onte no Boletín Oficial da Provincia a resolución mediante a que se aproba a concesión das axudas que teñen como obxectivo o fomento da actividade física e do deporte e o apoio a equipos e deportistas que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial e autonómico, por valor de 1.219.598 euros.
Na primeira das liñas de subvención, a Deputación destina 740.769 euros a apoiar a 209 equipos e deportistas individuais que participan en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico ao longo do ano 2023.
Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a competición dos equipos e os deportistas a través da compra de bens destinados ás súas actividades, arrendamentos, transportes, primas de seguros, aloxamentos, soldos e salarios, dereitos de arbitraxe, cotas a entidades deportivas e gastos de participación en competicións deportivas federadas.
Na segunda das liñas, a entidade concede 478.829 euros a un total de 113 entidades da provincia para realizar actividades de fomento da práctica deportiva ao longo de 2023. Estas axudas están destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro, nas que se inclúen as federacións deportivas, coa finalidade de darlle pulo á participación por parte da cidadanía nos distintos ámbitos de actuación e, á vez, promover a igualdade de xénero.
As axudas van dende un máximo de 4.000 euros, os que recibirá o Club Baloncesto Brión, ata os 1.980 do Fillos de Breogán de fútbol gaélico.
Non figuran na lista catro dos clubs mais importantes da cidade de A Coruña: HC Liceo, Basquet Coruña, OAR Ciudad 1952 e Maristas Baloncesto. Sí aparece, entreoutros, o Club Natación Coruña (4.100 €).