Carreira ENKI: Para todos os públicos
lll
17º-23º

Carreira ENKI: Para todos os públicos

Gonzalo Trenor e Yoya Neira, no centro da imaxe, durante a presentación | javier alborés

Usuario

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, presentou a novena edición da carreira inclusiva ENKI, que organiza a Fundación Abrente coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta, a Fundación la Caixa e a Fundación María José Jove. 
 

Na presentación estiveron presentes o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o presidente de ENKI, Ángel López Fernández, e Carmen Touza, xerente de ENKI.
 

Neira animou a todos os veciños e veciñas da Coruña a se sumaren a esta proba lúdica, non competitiva e apta para todas as idades, que promove a inclusión e a visualización de colectivos e persoas con diversidade funcional. 
 

“O fomento de valores como o respecto á diversidade e o apoio á inclusión son un compromiso deste Goberno municipal e estamos moi contentos de facelo, un ano máis, da man da Fundación Abrente nesta carreira que xa se converteu nunha cita imprescindible dentro das actividades da cidade. O día 15 será, sen dúbida, unha festa deportiva e lúdica na que sairemos a gozar, das nosas imperfeccións, e das nosas ganas de loitar para seguir facendo un mundo imperfecto, pero tamén mellor cada día”, explicou Neira.
 

A carreira, que este ano ten por lema ‘Corre por un mundo imperfecto’, desenvolverase o sábado 15 de outubro. O punto de partida será a praza de María Pita e haberá un sistema de saídas graduadas que se realizará pola cor do dorsal. Realizaranse catro saídas con intervalos de 30 minutos entre cada unha delas, a primeira ás 16.00 horas desde a praza de María Pita e cun percorrido urbano de 2,46 quilómetros.

 

Obstáculos adaptados

Como en todas as edicións anteriores, a carreira ENKI estará baseada nun circuíto de obstáculos adaptados, con probas singulares como a montaña de neumáticos, o labirinto de cordas ou o baño de escuma. Esta edición contará ademais con algunhas novidades que os organizadores irán detallando nos próximos días.
 

Ademais das probas deportivas, completarase o programa con diferentes actividades e o espazo de solidariedade Entidades en Movemento, que ten por obxectivo concienciar a cidadanía sobre a súa realidade a través de xogos abertos a todos os públicos.
 

ENKI ten o compromiso de destinar o 100% do diñeiro recadado coas inscricións das súas carreiras a entidades sociais e proxectos que promoven dunha forma efectiva a incorporación ao deporte das persoas con diversidade funcional.
 

Toda a información para a carreira está dispoñible na web do Concello e en enkiproyecto.com.

Carreira ENKI: Para todos os públicos

Te puede interesar