Francisco Jorquera: “O deporte coruñés está lastrado por falta de apoio institucional”
lll
17º-23º

Francisco Jorquera: “O deporte coruñés está lastrado por falta de apoio institucional”

Francisco Jorquera: “O deporte coruñés está lastrado por falta de apoio institucional”
Francisco Xesús Jorquera Caselas, a pasada semana nos Cantóns da cidade da Coruña | Mónica Arcay

Usuario

Os cidadáns estamos convocados o vindeiro domingo vinte e oito deste mes de maio para elixir os nosos representantes municipais.
 

Francisco Xesús Jorquera Caselas (Ferrol, 1961), candidato na lista que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta na Coruña, estivo con dxt campeón para explicar a súa visión do deporte na capital herculina e os retos aos que a urbe se enfronta no próximos catro anos.

 

Como se atopa a día de hoxe o deporte na Coruña?
Pois un pouco como a cidade mesma, o deporte coruñés ten enormes potencialidades, mais está lastrado por falta de apoio institucional, desde a Xunta até o Concello. O Goberno Local que se propón liderar o BNG a partir do vinte e oito de maio desde logo outorgaría unha grande importancia a revitalizar o deporte coruñés. É un elemento fundamental para o benestar das persoas, desde a infancia e a mocidade até as etapas máis avanzadas da vida.

 

Para os catro próximos anos, que necesita a cidade?
O noso proxecto para A Coruña nesta materia pasaría por potenciar as Escolas Deportivas Municipais e por redactar un Plan Director de Instalacións Deportivas Municipais con vistas a optimizalas e modernizalas. Impulsaremos tamén un skate park na cidade, ben como tamén promoveremos medidas para aumentar o número de mulleres que practiquen deporte, e facilitaremos a conciliación.

 

Como di, a práctica deportiva é básica para ter unha vida saudable. Que iniciativas promoverá o Concello para fomentala entre os mozos?
O primeiro que faremos será restituír a Concellaría de Mocidade, un departamento que só existiu no Concello durante a etapa en que o BNG estivo no goberno local e por iniciativa nosa. Foi suprimida polo PP e non restituída nin pola Marea nin polo PSOE. Esa Concellaría impulsará, en coordenación con Deportes, as iniciativas para fomentar a práctica deportiva entre as mozas e os mozos.

 

Hai uns anos organizábase unha competición na Coruña tipo olimpiada na que participaban un elevado número de colexios. Poderase recuperar esta iniciativa de deporte escolar?
Por suposto que ollamos con simpatía todo tipo de iniciativas que fomenten hábitos de deporte saudábeis para a rapazada e que implique tamén a comunidade educativa da cidade.

 

Ao chegar a unhas idades, a ximnasia de mantemento tamén é moi importante. Que prioridades hai sobre isto?
Temos claro que desde o Concello se ten que alentar a promoción da actividade física en todas as etapas da vida. Nese sentido, colaboraremos co Sergas para promover nos centros de atención primaria programas de actividade física e saúde no tratamento das doenzas. Isto vai dirixido a persoas de todas as idades. Tamén promoveremos a actividade física nos centros cívicos con vistas a mellorar o benestar daqueles colectivos que máis o precisan.

 

Numerosos colectivos solicitan un maior número de instalacións deportivas para poder exercitarse durante a semana e competir en condicións nos partidos que disputan a fin de semana.
É un asunto do que somos plenamente conscientes. Fómolo durante todo o mandato, no noso contacto permanente co tecido deportivo da cidade, e esa demanda reiteráronnola persoas e clubes no encontro que realizamos hai unhas semanas no Clube do Mar. É por isto que impulsaremos un Plan Director de Instalacións Deportivas co obxectivo de realizar un mapa dos equipamentos de que se dispón na cidade, resolver as súas carencias, ampliar a dotación e elaborar un plan de usos que permita a optimización destas infraestruturas.

 

Ante a dificultade de contar con novas, falta de espazo ou de orzamento para edificalas, existen instalacións pero a cidadanía non pode usalas ao estar pechadas (por exemplo os colexios). Poderíase chegar a un acordo para poder gozar delas?
Xustamente esa é unha das propostas que temos posto sobre a mesa durante a campaña e que levamos no noso programa. Acordaremos coa Consellaría de Educación a apertura das instalacións deportivas dos Centros de Ensino de Infantil e Primaria (CEIP) e dos Institutos de Ensino Secundario (IES) fóra do horario lectivo. É unha iniciativa perfectamente factíbel e que lle daría un grande impulso á actividade deportiva en todos os barrios da Coruña.

 

A ampliación do Estadio Municipal de Riazor provocou a desaparición da pista de atletismo. Volverá contar a cidade cunha instalación deste tipo?
Estamos a falar dunha inxustiza histórica que cómpre reparar. Así llo temos manifestado en moitas ocasións a representantes do atletismo coruñés. Comprometémonos a dotar A Coruña de instalacións municipais de atletismo aptas para a práctica de distintas modalidades e, por tanto, equipadas cun modelo cuberto para lanzamentos.

 

As instalacións existentes deterióranse e houbo queixas de que o Pavillón dos Deportes non está actualizado. Que medidas fará ante este problema?
Durante o mandato, e no noso labor como forza da oposición, temos instado o executivo coruñés a resolver este problema. Abordarémolo desde o Goberno Local a partir da posta en marcha do Plan Director de Instalacións Deportivas Municipais.

 

A Coruña destacaba no verán polo seu programa deportivo. Ve factíbel recuperalo e ser referencia neste aspecto?
Por suposto que é factíbel, aínda que a nosa intención é que haxa deporte para todas e todos e durante todo o ano.

 

A cidade foi sede de grandes eventos deportivos. Volverá apostar a corporación municipal por iso?
Un Goberno Local liderado polo BNG é a mellor garantía de que a actividade profesional deportiva de alto nivel sexa perfectamente compatíbel coa práctica de actividade física por parte da inmensa maioría das coruñesas e coruñeses. Dicimos que si aos grandes eventos, pero a condición de que non se celebren a custa do dereito de todas e todos a termos boas instalacións ou as mellores condicións para practicarmos deporte os 365 días do ano.

 

Como está o tema do Estadio de Riazor para ser un dos escenarios escollidos no caso de que España organice o Mundial 2030?
A posición do BNG a este respecto é clara. Non lle vemos problema a esa candidatura sempre e cando a peaxe a pagar non sexa a desatención das necesidades dos miles de coruñesas e coruñeses que practican deporte habitualmente na cidade. Non tería sentido investir nun estadio de Riazor para cincuenta mil persoas cando os equipamentos dos barrios esmorecen por falta de mantemento ou hai disciplinas deportivas, falabamos antes do atletismo, que carecen das instalacións mínimas para desenvolver todo o seu potencial.

 

En agosto a Regata Tall Ship Races Magallanes-Elcano fará escala no noso porto, algo que reflicte a vinculación da cidade co mar. A pesar do devandito, considera que a práctica dos deportes náuticos debería ter máis peso na Coruña? A creación dunha escola municipal de vela é factíbel?
Precisamente no noso programa defendemos que na política deportiva a facer desde o Concello se faga un especial fincapé nas actividades relacionadas co mar. Somos unha potencia nese eido e aínda o podemos ser moito máis.

 

A Coruña foi o berce do fútbol sala en España. Chaston e Sal Lence, da man de Miguel Mosquera e Víctor Sieiro, levaron á cidade herculina o máis alto neste deporte e tampouco conta cunha escola municipal. Ten previsto creala?
Temos previsto potenciar as escolas municipais e, en diálogo permanente coas entidades da Coruña, estamos abertos a dotar o Concello de máis centros de formación deportiva.

 

Numerosos grandes deportistas naceron na Coruña. Cre que a cidadanía é consciente diso e sabe quen son e o que fixeron?
En boa parte, si, mais é certo que algúns nomes ficaron no esquecemento. É por iso que no noso programa falamos da necesidade de divulgar a memoria do deporte galego como medio de lle amosar á cidadanía tanto a orixe do deporte na Coruña como a existencia de prácticas deportivas propias do país.

 

Poderíase crear un instituto ou museo que recollese a historia do deporte coruñés?
Desde logo que me parece unha iniciativa digna de estudo e que encaixa perfectamente nesa reivindicación da memoria á que me referín hai un momento.

 

Beci colleume no colo e logo foi el quen fixo o gol do ascenso ao Rayo

 

Na súa familia, alguén practicaba deporte?
A miña familia tivo unha certa vinculación co baloncesto: un curmán meu xogou no OAR de Ferrol, mentres que uns tíos meus practicaron tamén ese deporte. En cambio, tanto eu como meus irmáns nos decantamos polo judo. Eu estiven federado até categoría infantil.

 

Que recordos deportivos ten da súa infancia?
Alén do judo, xoguei fútbol, partidos informais, nunca estiven federado. Sempre preferín os deportes de equipo aos individuais.

 

Practicábaos no colexio ou formaba parte dalgún club?
Sobre todo no colexio.

 

Quen lle inculcou esta práctica deportiva?
A paixón polo fútbol transmitiuma meu pai, que era moi futboleiro. Nos anos en que vivín en Ferrol, levábame ao Inferniño a ver o Racing. Logo, cando aos meus nove anos nos instalamos na Coruña, íamos sempre a Riazor. Xa nos anos setenta fíxenme socio abonado da daquela chamada bancada ‘Especial nenos’.

 

Algunha anécdota nesta etapa?
Si, ao pouco de chegar á Coruña o Deportivo xogábase o ascenso directo a Primeira División nun partido en Riazor co Rayo Vallecano. Uns días antes do choque, algúns futbolistas do Dépor foron visitar a escola na que eu estudaba, un pouco para crear ambiente. Pois ben, Beci colleume no colo e logo foi el quen marcou o gol decisivo que nos deu o ascenso. Comenteillo moitos anos despois. Hoxe prézome de o coñecer e de o considerar meu amigo.

 

Ademáis de a Riazor, adoitaba ir a outra instalación deportiva para asistir aos encontros que se celebraban na Coruña semana a semana?
Sobre todo ía ver o Dépor a Riazor, mais tamén de cando en vez ía co meu pai a ver algún partido de fútbol modesto. Tamén temos ido a apoiar o Bosco Coruña, antecedente do Básket Coruña, e ao Liceo La Paz, na polideportiva de Riazor, nos anos previos á súa aterraxe na elite xa como Hockey Club Liceo.

 

Deporte preferido?
O fútbol.

 

Equipo preferido?
O Deportivo.

 

Deportista que máis lle marcou?
Mauro Silva. Era un portento físico e unha persoa de excepcional calidade humana. O mellor mediocentro defensivo do mundo, capaz non só de roubar balóns, senón de distribuír a bola con moito criterio. Tiña un enorme talento para interpretar o xogo posicional.

 

Mellor recordo deportivo?
O Centenariazo. A prensa madrileña presentou o partido como a crónica dunha vitoria anunciada, a do Real Madrid dos ‘galácticos’. Todo estaba preparado para ser unha grande festa branca no seu estadio. Mais o Deportivo deu unha lección de fútbol e carácter e conquistou o título da Copa. Foi moi, moi emocionante e encheu de orgullo A Coruña.

 

Un partido que garde con agarimo?
Pois o cinco a dous ao Real Madrid en Riazor a temporada en que conquistamos o título de Liga. Despois dunha primeira volta espléndida, na segunda comezamos a fraquear con malos resultados fóra de casa. Visitábanos o Madrid e unha vitoria súa tería feito que se reenganchase na loita polo título. Pero o Dépor fixo un partidazo e o resultado ficou curto. Nunca esqueceremos a lambretta de Djalminha. Ese día o Dépor demostrou que si ía directo a conquistar a Liga.

 

Desexo deportivo?
O ascenso do Deportivo.

Francisco Jorquera: “O deporte coruñés está lastrado por falta de apoio institucional”

Te puede interesar