Eu fíxenme do Dépor despois de gañar a Liga. Bueno, en realidade eu fíxenme do Dépor polo meu marido, Hilario. A min o fútbol xa me gustaba bastante, pero nunca fun de ningún equipo. Cando me vin vivir para A Coruña, xa me fixen moi moi do Dépor. Despois picoume o gusanillo e fíxenme socia, de feito no 2020 fixen 25 anos. Collín o SuperDépor e paseino moi ben, fíxenme moi deportivista. Agora non son de fútbol, son do Dépor.
Aquel día que recibín a insignia foi moi bonito. Hilario recibiuna uns anos antes ca min e o evento foi en Palexo, pero cando me tocou a min foi en Riazor. Ensináronnos os vestuarios, saltamos ao campo e cantaron a alineación cos nosos nomes. Ver alí no marcador o meu nome foi emocionante. Estivemos con Fran e Manuel Pablo. A Fran díxenlle que nolo fixeran pasar moi ben e el díxome que eles si que o pasaron ben naquela época. Manuel Pablo foi moi cariñoso. Veume moi ben ese día porque, encima, o meu Hilario xa estaba enfermiño e serviume para desconectar un pouquiño.
Ao estadio sempre ía co meu marido, o meu Hilario, e con Modesto, o meu cuñado. Agora sigo indo con Modesto. E no sitio de Hilario, como antes de falecer xa se fixera socio, falei co club e conseguín pasarlle o asento a un sobriño meu. O asento de Hilario herdeino eu ao ser accionistas, entón agora imos os tres.
Desde que empecei a ir ao estadio solo fallei por enfermidade. Este ano faltei a un partido que se xogou un venres ás 21.00. É que cos horarios que poñen… Eu porque son xubilada e podo ir, pero a xente que traballa teno moi complicado. Un luns ou un domingo ás 21.00 non é un bo horario, e moito menos para a xente que vive fóra. O fútbol cambiou moito. E xa respecto ao Dépor, cambiaron moitas, moitas cousas. Agora non lles importa tanto o club. E eso que este ano téñenme máis ou menos contenta porque xogan os rapaces da canteira e iso gústame. Os demais, os que veñen de fóra, non teñen o mesmo sentimento. Eso a afección notao, vese cando se canta a alineación en Riazor. Eu son das que berro, e xa che digo que non se berra coa mesma énfase cando din Mella ou Yeremay que cando din Helton. E iso que é bo porteiro. Pero cos da casa, se fallan, non me cabreo tanto.
Eu no campo disfruto moito. Meu cuñado sempre me di que teño que ir xunto dos Riazor Blues. E despois teño unha cousa moi boa que non ten case ninguén, e é que non saio enfadada nunca. Disfruto, pero non me enfado. Cando lle gañamos ao Milan na casa, saltei tanto e toleei tanto que atase me foi a urina un pouco. E cando gañamos en Old Trafford, recordo que Hilario e mais eu abrazámonos moito na casa e toleabamos coa celebración.
Recordo tamén o día do centenariazo. Iso foi boísimo. No meu traballo ao día seguinte, de fondo de pantalla nos ordenadores estaba o escudo do Dépor. E iso que somos unhas 400 persoas. Recórdoo como un dos mellores días, quizás tamén polo inesperado que foi. Aquilo foi moito. As celebracións foron bestiais. Non obstante o día que perdeu a liga… Ese día estaba todo o mundo tan ilusionado, que ninguén podía creer que nos jodera un penalti. Eu non me enfadei, pero si tiven moita tristeza.
Agora sigo vendo en YouTube cousas do SuperDépor. Djalminha facía cousas impensables e préstame volver a velo. Pasei moi bos momentos grazas a el. Era moito.
Pero o Dépor é un sentimento. Ser do Dépor é ser do Dépor, nada máis. Non é ser da directiva, nin dos xogadores, nin doutra cousa, é ser do Dépor. Coñezo a xente que ten unha peña e, cando acaban os pais porque se fan maiores, cóllena os fillos. A xente nova fíxose do Dépor e iso vese no campo. Hai moitísima xuventude.
Este ano non nos vamos meter en playoff, así que hai que empezar a planificar xa, e eu empezaría por botar ao director deportivo.