Manuel García: “A nosa liga de veteranos está mellor organizada que a do Deportivo”
lll
17º-23º

Manuel García: “A nosa liga de veteranos está mellor organizada que a do Deportivo”

Manuel García: “A nosa liga de veteranos está mellor organizada que a do Deportivo”
Manuel García posa dentro de las instalaciones del estadio de Riazor | foto cedida

Usuario

Seareiro deportivista dende sempre, de cando existía o graderío de ‘Especial Niños’, Manuel García ven de entrar na directiva da Federación de Peñas que preside Luis Alberto Martínez para prestar a súa axuda e experiencia á afección do clube herculino.

 

Sen pelos na lingua, o secretario da agrupación ‘Caramuxo’ de Arteixo lamenta o caos organizativo que impediu competir ao Deportivo na primeira xornada de Liga da pasada fin de semana.

 

Entre os obxectivos que se marca para poñer o seu grano de arena para o éxito do Depor, apela á unidade nos desprazamentos esta campaña, que agarda que sexan moitos e numerosos.

 

 

Canto tempo levas vencellado ao RC Deportivo como afeccionado?

Moito, cóstame lembrarme exactamente... Levo máis de dez anos como socio do clube pero anteriormente tamén fun abonado en varias etapas da nosa historia. Desde neno me gusta moito o Deportivo. Xa ía á grada de nenos cando esta existía.

 

Es secretario tamén da peña ‘Caramuxo’, afincada en Arteixo...

Si, somos 32 membros este ano e queremos seguir animando ao equipo coruñés outro ano máis.

 

Como foi o teu salto á directiva da Federación de Peñas?

Pois máis que nada por afinidade con Luis Alberto Martínez, o presidente; quería coñecer por dentro un pouco como se move por dentro a Federación e vou desenvolver tarefas de vocal.

 

Este ano a división dos grupos non nos favoreceu nada para poder viaxar

 

 

Cales serán as túas funcións principais como parte da cúpula federativa?

Vou prestar apoio a todos os meus compañeiros; hai sempre moitas cousas que facer e eu espero poder axudar en todo o posible. Vou exercer de comodín.

 

Lamentas que o Depor non se puidese estrear o pasado sábado?

Si, sobre todo, é unha mágoa. Ás veces son políticamente incorrecto pero sinceiramente creo que está mellor a liga de veteranos na que xogaba o ano pasado que a categoría na que xoga o Deportivo.

 

Un dos grandes obxectivos da Federación será acompañar ao Depor en todas as viaxes posibles a campaña 22-23...

Si, queremos estar en todos os campos; eu estiven en moitas viaxes o ano pasado e unha das cousas que nos gustaría sería facer actividades nas previas para que todo o deportivismo acuda da man aos estadios. Aínda que cada un se mova pola súa conta, tentaremos estar xuntos.

 

Que datas tes marcadas xa no calendario para facer as maletas co Depor no vindeiro curso 22-23?

A min me gustaría ir a Mérida xa dentro de quince días pero é un desprazamento largo; este ano a división dos grupos non nos favoreceu nada. Ter que paparnos todos os equipos andaluces é unha faena. Un dos desprazamentos mellores do ano pasado foi a Logroño e este ano xa non o poderemos facer, desgraciadamente. León e Salamanca tamén son destinos interesantes.

 

Aparte de facer quilómetros co RC Deportivo, que eventos te fan maior ilusión dos relacionados coa masa social?

Pois o ‘Día das Peñas’ sempre é unha xornada moi especial para min; é unha boa forma de reivindicar o sentimento deportivista.

 

No Depor bótase de menos un perfil de xogador defensivo forte e agresivo

 

 

Que pensas do bloque que está formando o conxunto herculino este ano para a tempada 22-23?

Pois vin varios amistosos de pretempada, como os xogados contra o Arteixo e Bergantiños; creo que de medio para adiante temos boa xente pero en defensa podemos mellorar bastante. Somos frouxiños.

 

Cres que o equipo precisa mellorar na zaga...

Si, claro, bótase de menos un perfil de xogador defensivo, forte e agresivo. Neste equipo semella que molestan os futbolistas de valores de forza, de tipo Ribera, Marchena, Scaloni... Tipos duros que fan equipo e que nas últimas campañas non tivemos. Deben ser molestos a nivel directivo ou de imaxe. Non entendo por que non os temos.

 

Confías en que poida chegar nos últimos intres Lucas Pérez para reforzar o plantel?

Penso que non se pode despreciar a xogadores de esa calidade, evidentemente, pero tamén sabemos que revoluciona bastante tamén os vestiarios. Ou sexa, que a miña sensación é encontrada sobre Lucas. Oxalá me trabuque pero non lle vexo demasiado futuro ao seu regreso.

 

Que cres que pode pasar co grupo I da Primeira Federación, onde milita o Depor?

Non sei, eu voume poñer no peor dos casos e creo que a Federación Española vaille vender esta praza a outro equipo que a compre. Lóxicamente creo que o Deportivo vai saír perxudicado porque non lle darán os tres puntos que tiña que ter sumado xa contra o DUX por incomparecencia dos madrileños.

 

Unha mensaxe que queiras enviarlle ao deportivismo?

Ilusión, creo que é o que máis falla nos fai.

 

Máis cando temos case 18.000 abonados xa...

Si, a campaña de abonados foi moi boa, sobre todo para captar a moitos afeccionados novos. Penso que foi un grande acerto os descontos para menores de idade. Os rapaces merecían un esforzo por parte da directiva do clube. 

Manuel García: “A nosa liga de veteranos está mellor organizada que a do Deportivo”

Te puede interesar