O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurou este xoves xunto coa presidenta provincial da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, o curso de socorrismo financiado pola institución provincial, no que se formarán 15 persoas en situación de desemprego da comarca da Coruña.
González Formoso explicou que, co desenvolvemento destas accións formativas, "a Deputación quere facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas da provincia", aumentando o seu nivel formativo e a capacitación profesional.
Neste sentido, o presidente provincial enmarcou a acción formativa na estratexia de impulso ao emprego, que a Deputación desenvolve a través do Plan de Emprego Local (PEL), no que se multiplicaron por seis os recursos destinados a esta área, ata alcanzar a cifra récord de 9 millóns de euros no 2017.
Pola súa parte, Mercedes Casanova recordou que "Cruz Vermella é un referente na formación de este ámbito e que, dende o ano 2013, participaron nestes cursos un total de 120 persoas".
Ademais, González Formoso afirmou que outro dos obxectivos é que "os profesionais formados nestes cursos contribúan a solventar en parte a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais". En palabras de Mercedes Casanova, "co obxectivo ademais de seguir mellorando a seguridade nas nosas praias e piscinas".
Estas carencias xa supuxeron graves problemas durante o pasado verán, coma o aumento dos afogamentos ou a retirada da bandeira azul a varias praias da provincia, que non conseguiron contar co servizo de vixilancia axeitado por falta de profesionais adecuados.
A Deputación inviste 40.000 euros neste curso que imparte a Cruz Vermella dende o pasado 6 de marzo. Así mesmo, realizaranse cursos similares noutras dúas sedes, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos.
En total, o investimento provincial ascende a 110.000 euros para facilitar o acceso a estas accións formativas a 45 persoas, de maneira totalmente gratuíta.
Un centenar de persoas participaron no proceso de selección do alumnado. Todos os aspirantes, xunto co cumprimento dos requisitos académicos e de idade, tiveron que superar unha proba física combinada de 20 metros de apnea sen impulso e nado de 2.000 metros en menos de 4 minutos e 15 segundos.
QUINCE PERSOAS
Na comarca da Coruña foron seleccionadas 15 persoas, procedentes dos concellos de Arteixo, Betanzos, Cambre, Carballo, Coristanco, Culleredo, Curtis, Oleiros, Ordes, Santiso e Trazo.
O curso desenvolverase ata o mes de xuño, incluíndo clases teóricas nas instalacións da Cruz Vermella na Coruña e formación práctica tanto na Casa da Auga coma nas praias da cidade. Unha vez finalizadas estas clases, os participantes realizarán prácticas profesionais en praias dos concellos da provincia.
A formación permitirá a obtención do certificado AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, indispensable para poder exercer esta profesión en Galicia dende o cambio de normativa do ano 2012.
O curso consta de máis de 600 horas de formación en prevención de accidentes acuáticos, rescate, extracción e traslado de persoas accidentadas.