Daquel extremo anárquico que aparecía e desaparecía dos partidos cando xogaba no Bergantiños queda pouco. Iván Amor, que ten unha parte do corazón teñida de verde, é agora un dianteiro sen pelos na lingua.
O Paiosaco gañou en Pontellas pero, ao descanso, 1-0.
Foi como unha patada no cú. Cando se está abaixo na clasificación, os equipos están nunha situacion psicolóxica complicada. O Pontellas marcounos o 1-0 nunha acción na que, para min, o árbitro comete un erro porque houbo un agarrón clarísimo previo ao gol. Había que remar outra vez e foi un gol que nos podía complicar.
Que se falou no descanso do último partido en Pontellas con 1-0 en contra?
Estabamos sendo superiores: apretando ben arriba e xerando máis perigo ca o Pontellas. Dixemos que tiñamos que seguir coa mesma dinámica que na primeira parte e aproveitar as ocasións que tivéramos.
No segundo tempo, o árbitro sinala penalti e expulsa ao porteiro do Pontellas. Foi excesivo o castigo?
Cando Otero apartou o balón, o porteiro agarrouno. Eu non tiven dúbida de que foi penalti.
Se o Pontellas queda con dez pero o penalti non se converte en gol, o partido seguiría complicado para o Paiosaco. É certo que, en ocasións, a portería faise más pequena desde os once metros?
Non sei se é certo ou non pero o pasado domingo a min si que se me fixo máis pequena.
Marcar o penalti era fundamental para o Paiosaco. Tivo algunha dúbida Iván á hora de lanzalo?
Sempre o teño moi claro. De feito, nun partido da pasada pretemporada dubidei e, por intentar cambiar, fallei. Tiña claro onde ía tirar e, se o balón non entrase, ía ser acerto do porteiro en caso de que fose ben pegado.
O penalti convertiuse en gol e o Paiosaco ía xogar contra dez moitos minutos. Foi un ‘subidón’ ver entrar o balón?
Cambiou a maneira de afrontar o partido porque tiñamos todo de cara para darlle a volta ao marcador e conseguir os tres puntos.
Queremos ser un equipo que se asente en Terceira e que se dea a coñecer
Está acostumado a marcar goles importantes: a pasada tempada o 2-2 en San Lázaro, o doblete de tres puntos contra o Choco... Gústalle asumir a responsabilidade en momentos chave?
Non é asumir responsabilidades. A todos os xogadores no gusta facer gol e máis a un dianteiro. É un subidón anímico, pero daríame igual que os marcara Dora, Otero ou calquera outro compañeiro.
Co pitido final, cre por fin Iván Amor que os tres puntos marchan cara Paiosaco?
Nese momento xa parecía a final da Copa da Coruña.
Como foi a entrada dos xogadores do Paiosaco ao vestiario?
Sabíamos que era unha vitoria moi importante para nós, máis que nada para saír do pozo e afrontar a nova semana con outro ánimo e por fin iamos ter unha viaxe de volta animada porque ultimamente estaba a ser moi triste todo.
Con tempo para pensar, que reflexión fixo Iván Amor na viaxe de volta en autocar?
Que menos mal que gañamos porque, se non o fixéramos, a volta para casa de máis de dúas horas sería complicada. Cos tres puntos levouse doutra maneira –de risas, contando anécdotas...– e así da gusto.
Xoga con máis responsabilidade e presión o Paiosaco esta tempada que cando era un recén ascendido?
Non pensamos neso pero, inconscientemente, algo hai. O ano pasado eramos uns invitados na categoría, estabamos de paso e se non conseguíramos a permanencia non pasaría nada porque o Paiosaco é o club que é en Terceira División. Unha vez que nos salvamos, na segunda tempada xa queremos ser un equipo que se asente na categoría e que se dea a coñecer, sobre todo polo pobo porque a xente está tremendamente ilusionada.
Que diferencias hai entre o Paiosaco da pasada tempada e o desta?
Marcharon xogadores con calidade que nos aportaban moito pero, os rapaces que viñeron, están a facelo moi ben. Son moi novos e teñen moita ilusión. En definitiva, non diría que hai grandes diferencias. O máis importante é refacer un bo grupo, que é a principal característica do Paiosaco.
Asume máis responsabilidade con balón o equipo que no pasado curso?
Non é cuestión de asumir máis, pero os rivais xa nos coñecen e hai que variar e buscar distintas maneiras de xogo e intentar sorprender aos outros equipos: que veñan á Porta Santa cun plan de partido e que se atopen cun Paiosaco que os poida sorprender.
Persoalmente, boto de menos a Josiño: é o capitán, un líder, a alma do equipo
O habitual 1-5-3-2 do Paiosaco é un sistema propicio para un dianteiro?
É un sistema co que estamos cómodos. Xogando con dous puntas creo que facemos máis dano que con un. Fai falta empurrar un pouco máis pero, pouco a pouco, todo está indo cara a rego.
O ano pasado eran Eloy, Jesús e Otero e este saiu Eloy e chegou Juan de Dora para ser os compañeiros de Iván como dianteiros. Con que punta se complementa mellor Iván?
Entendémonos todos moi ben. Eloy era un grandísimo dianteiro e un bo amigo e Juan, que acaba de chegar, é un rapaz moi humilde e que está sempre alegre. Ver que un xogador do teu equipo pode ser un amigo ademais dun compañeiro axuda moito no fútbol.
Como se define Iván Amor como futbolista?
Sigo xogando ao mesmo que o ano pasado e o anterior: sigo turrando e correndo e a min o balón que non mo dean porque calidade, cero.
O Paiosaco manexa varios debuxos: liña de cinco e de catro atrás, dous ou tres medios...
Ao equipo vaille ben refrescar ideas e probar cousas novas. Considero que nos axuda e o míster sabe ben o que fai.
Tendo en conta o funcionamento do Paiosaco, a que lesionado de larga duración (Jesús, Juanma e Josiño) bota máis en falta?
Persoalmente, no campo boto de menos a Josiño porque é o capitán, un líder, a alma do equipo, pero calquera dos que están fóra son importantes.
Ao equipo vaille ben probar, refrescar ideas e o míster sabe o que fai
Juan Riveiro é un adestrador con carácter forte. Como leva este difícil inicio de liga?
Calquera día, ao míster dalle un infarto. Lévao dentro, é moi profesional no seu e prepara moi ben os partidos. Nótase que lle da moitas voltas á cabeza as 24 horas do día para preparar 90 minutos e iso pasa semana tras semana. Está facendo o seu traballo á perfección.
É o adestrador que máis lle marcou?
Non é por ser pelota nin nada polo estilo pero, con 29 anos que teño, considero que é o mellor adestrador que tiven. E non só no plano futbolístico; tamén como persoa e amigo.
Vai ser máis difícil acadar a permanencia esta tempada que a anterior?
Si, porque o ano pasado non pasaba nada se non se conseguía.
Fálase da ilusión dos equipos que debutan nunha categoría pero, unha vez que se consegue a permanencia, diminúa esa ilusión?
O Paiosaco caracterízase porque vai a morte en todos os partidos.
Co paso do tempo disfrútase máis do fútbol
A Iván Amor ninguén llo puxo fácil para volver a xogar en Terceira División. É un obreiro do fútbol, un dianteiro de pico e pá que amosa o que realmente é o fútbol modesto.
Sábese que fai moitos esforzos para poder competir en Terceira División.
Desde que fichei polo Paiosaco, por motivos de traballo, só podo adestrar unha semana cada quince días. Son unha persoa que nunca para e, as semanas que non podo adestrar, intento ocupalas facendo algo: adestrando pola miña conta, xogando ao pádel, saíndo en bici, indo ao ximnasio... Quero estar o mellor posible para que, se o míster ten que contar comigo nalgunha desas semanas que non podo adestrar, estar nas mellores condicións posibles.
Iván sae en bici pero non vai pola estrada.
É unha afección que teño desde fai moitos anos. A modalidade que practico non é a máis recomendada para compatibilizar co fútbol porque fago enduro e céntrase máis en realizar baixadas que moitos quilómetros e a veces pode haber riscos. Creo que se o fago con cabeza e non me impide xogar ao fútbol, quero seguir mantendo esta práctica.
Cal foi a reacción de Juan Riveiro cando se enterou desa práctica?
O típico comentario de que estou tolo, pero non creo que lle pareza máis. Gústame facer todo tipo de deportes e manterme en forma e este é un máis.
Está no Paiosaco a súa parella de pádel?
Xa fai tempo que o teño apartado e, a veces, xogaba con Josiño pero a miña parella é de verdade é David Castro, o xogador do Sofán.
Como mantén contacto co equipo esas semanas nas que non pode adestrar?
Tal vez é o máis difícil. Hai semanas que me sinto fóra porque estou moitos días sen estar en contacto co equipo, sen saber como se está a adestrar nin o que se fala. Teño bos amigos cos que falo e aos que lles pregunto como vai todo. Temos dous grupos nos que me podo estar ao día: un cos adestradores e outro dos xogadores sós, para poder ‘rajar’ un pouco.
O lóxico para un xogador coa súa situación laboral sería xogar en Preferente ou en Primeira Autonómica. Que lle leva a Iván a seguir competindo en Terceira?
Planteeimo mil veces, incluso fai pouco. Os últimos anos estiven en Preferente co Paiosaco, ascendemos e puiden volver xogar en Terceira, que non a tocaba desde que estiven no Bergantiños. A Terceira xa é outra categoría, xa non hai xente gorda no campo e, a quen lle guste o fútbol de verdade, fai todo o posible por xogar nesta categoría.
Iván subiu a Terceira co Bergantiños e co Paiosaco. Que ascenso lle marcou máis?
Cos anos disfrútase máis o fútbol e as do Paiosaco foron as mellores tempadas da miña carreira futbolística.
Bota de menos o Bergantiños?
Non vou negar que lle teño un cariño especial ao Bergantiños. É o club no que me formei como futbolista e estiven alí desde os oito aniños ata os 25 pero, agora mesmo, non cambiaría o Paiosaco polo Bergantiños sen ningunha dúbida. Para os que non vivimos do fútbol e xogamos divertirnos paga a pena estar a gusto nun club familiar que nun profesional.
Quinta temporada no Paiosaco. Que tira deste club?
Sen dúbida, a afección, os amigos que teño aquí e que o club me permita adestrar unha semana si e outra non. En Terceira case todos os xogadores temos que traballar e buscar as fabas fóra do fútbol. Estou agrecido ao Paiosaco porque me permite seguir tendo en conta a miña situación laboral.
Cal é o primeiro pensamento se lle digo Paiosaco?
O quecemento da final da Copa da Coruña en Riazor. Ver a bancada chea fíxome pensar que ningún club da zona se achega ao Paiosaco en canto a afección. Todos os xogadores que pasaron polo Paiosaco só poden dicir que nunca estiveron nun club cunha afección coma esta.
Retomando a comparativa co Bergantiños: cal é mellor afección?
A afección do Paiosaco está moi, moi por enriba da do Bergantiños e creo que non pasa nada por dicilo. Se o Bergantiños tivera unha afección como a do Paiosaco, non dubido de que o Bergan estaría en Segunda B. Creo que unha afección como a do Paiosaco axudaría moito ao Bergantiños.
Nos equipos 'profesionales' da Terceira non está 'permitido' a relación xogador-afeccionado. E no Paiosaco?
Recomendo aos clubs que non o permiten que o proben porque podo asegurar que funciona. Nós somos unha familia e estamos xuntos xogadores, adestradores, directivas e afección.
Cales son os seus favoritos para optar ao título en Terceira?
Os meus favoritos son Ourense CF, Compostela e Fabril. Co cuarto non me mollo.