Faltaban dez para o final e o Laracha perdía 2-0 ante a UD Ourense. Mosquera recurtou a distancia e Iago Blanco provocou e anotou o penalti do empate no minuto 87 e o equipo de Gilsanz rascou un punto.
Foi xusto o 2-2?
Houbo momentos para os dous equipos. Comezamos moi ben o partido e tivemos un tiro ao longueiro nunha falta lateral que rematou Iván, pero os goles do Ourense condicionaron o partido. Todos os nosos cambios estiveron condicionados por diferentes compañeiros que se lesionaron e nos últimos minutos tiñamos as liñas moi separadas. No medio estaban Iago e Guedes e creo que o Ourense deixouse ir no tramo final, posiblemente porque xa sabían que non tiñan opcións de chegar ao cuarto posto.
De que maneira reaccionou o Laracha nos últimos dez minutos para empatar un 2-0 en contra?
Cando presionábamos alto non sempre conseguíamos roubar e a veces o Ourense saía cómodo pero cando recuperábamos atacábamos por oleadas. Tivemos ocasións para meter máis goles pero chegaron ao final e no cómputo global non estivemos tan serios como noutros partidos.
En fostes mellor que a UD?
Ao principio eramos capaces de roubar e transitar rápido. Nos últimos minutos tamén houbo xogadas dese estilo e na última parte do campo eramos máis rápidos ca eles. Aínda así, en moitas ocasións non fomos capaces de dar ben o último pase.
Que impresión che causou a UD Ourense?
Creo que a lesión de Rubén Arce foi moi importante para eles porque non teñen un xogador que lles dea tanta verticalidade como el. Ao final, cun par de partidos máis gañados estarían no cuarto posto.
Tivo adicatoria o teu gol?
A Parga por deixarme tirar o penalti.
El lanzou o último, por que cambiastes no último partido?
Porque llo pedín dez veces e na décima díxome que si.
Como te atopas a nivel de xogo a estas alturas da tempada?
Agora empezo a atoparme ben pero xa non hai marxe porque acaba a liga.
Nunha tempada con tantas lesións, como valoras o teu rendemento persoal ao longo da liga?
Individualmente considero que foi unha tempada mal porque non puiden optar a xogar. Nos momentos que tiven continuidade aportei moito ao equipo pero faltoume precisamente iso: continuidade.
Quédache algunha espiña clavada desta liga?
Saber que en moitos momentos houbo cousas que, se podían saír mal, sempre nos saíron mal. Perdemos puntos por fallos tontos e creo que hai equipo para quedar moito máis arriba.
En que mellorou o Laracha no último mes de competición?
Na recuperación dos xogadores. Desde o principio da tempada sabíamos que catro futbolistas do noso equipo adestrarían co Fabril, pero nos últimos meses houbo moitas baixas por lesións, eramos moi poucos adestrando e iso condiciona a competitividade interna entre nós.
Merece o Laracha mellor posto na clasificación do que ten?
A clasificación non minte. Algúns fallos foron moi evitables pero están aí.
Fíxose mais difícil motivarse polo descenso do Fabril?
Obviamente algo condiciona pero non é excusa.
Falta unha xornada, que obxectivos se marca o equipo esta semana?
Queremos gañar. Non é o mesmo descender por méritos propios que polo arrastre do Fabril.