Alfonso Mera Río, preparador físico do Pescados Rubén Burela, analiza a súa traxectoria nesta entrevista no portal web da Real Federación Galega de Fútbol.
Para os que non che coñecen, quen é Alfonso Mera?
Son un rapaz de Burela, de 38 anos de idade, Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, adestrador nacional de fútbol sala e adestrador avanzado de fútbol, vencellado ao Burela Pescados Rubén e á Fundación Imdecum (Impulso, Cultura e Turismo na Mariña). No fútbol sala levo trece anos como preparador físico, dirección da Escola e adestrador de base. Compaxino isto coa dirección técnica-deportiva da Fundación Imdecum. A miña andaina comezou no 2005-2006 como preparador físico no equipo de Segunda División masculina e adestrador dos benxamíns. Desde ese ano compartín experiencias con equipos de case todas as categorías formativas e profesionais. Tiven a sorte de convivir e formarme con adestradores coma Juanma Marrube, actual técnico, Tomás de Dios, Daniel Ibañes, Juanlu Alonso, Quique García, Javier Pardeiro e Ibán García, aos que lles estou moi agradecido.
O equipo descendeu, tivo unha tempada de transición e o ano pasado logrouse o ascenso. Como foi o proceso?
O descenso foi un punto e aparte despois de cinco campañas consecutivas na Primeira División nas que logramos acadar moi bos resultados. Unha vez consumado, axiña pasamos páxina e comezamos a pensar nun novo e ilusionante reto. Apostouse por un adestrador da casa, Juanma Marrube, e por un proxecto con xente nova e galega. Dous anos despois estamos de volta.
Parte con moitos cambios o equipo?
Un dos principais ten que ver co número de efectivos. Se queres competir con certas garantías nunha categoría tan esixente e igualada precisas un plantel amplo. Nese aspecto demos un salto de calidade.
Como é o día a día dun equipo de Primeira División?
Nun microciclo tipo adestramos sete sesións semanais, excluíndo o día de competición, dobrando adestramentos dous días a semana. Comezamos a semana con traballo de forza xeral e técnico, nos vindeiros días incluimos traballo técnico-táctico, de forza explosiva ou resistencia específica e preventivo, rematando a final de semana con situacións de carácter táctico. No ámbito socioafectivo e actitudinal tentamos construír un clima familiar, de traballo, esixencia, esforzo e proximidade co xogador.
Cantas persoas forman o voso staff?
Temos unha estrutura de traballo profesional formada por dez persoas, o día a día compartímolo entre o adestrador, adestrador de porteiros, fisioterapeuta, masaxista, delegado, dous auxiliares e un servidor. A maiores, e de xeito externo, contamos cun médico, cun podólogo e cun nutricionista.
Qué obxectivos vos marcades a medio e longo prazo?
Consolidarnos na categoría e non pasar apuros de cara á salvación. Burela é unha localidade pequena e somos un club humilde pero moi traballador. Acadalo sería un gran logro.
Coordinas a Escola de Adestradores en Burela. Qué importancia lle das á formación dos técnicos?
A formación é a base. Como técnicos temos que invertir tempo en formarnos, en estudar o noso deporte, comparar diferentes métodos, aprender sobre as persoas, ser autocríticos, etc. Canta mellor formación teñan os nosos técnicos maior aproveitamento imos poder obter no aspecto formativo e competicional dos xogadores e xogadoras. O deporte sae gañando. Á marxe do puramente deportivo, gustaríame recalcar o carácter integral da formación, a mellor educación dos nosos técnicos, a mellor educación dos nosos xogadores e xogadoras, máis respecto, empatía, deportividade, humildade, etc.
A miúdo a Escola Nacional de Adestradores destaca nas súas reunións o gran prestixio do que goza a Escola Galega de Entrenadores. Como ves desde dentro ese traballo que se está a facer na actualidadee na Escola e no Comité de Adestradores?
Levo oito anos como profesor da Escola Galega de Adestradores e podo falar con coñecemento sobre a evolución na calidade en todo o relacionado coa estrutura dos cursos de adestrador, actualidade dos contidos, formación práctica, criterios de avaliación, formación do profesorado, aplicación das novas tecnoloxías, etc. É de recoñecer que se está a facer unha forte aposta neste sentido. Hai un gran grupo de traballo, ampliouse o abano na oferta formativa e descentralizarónse os cursos. Son moito máis accesibles por proximidade xeográfica e iso facilita que haxa moitos máis adestradores capacitados.
Qué diferenzas atopas entre o fútbol sala actual e o de hai dúas décadas?
Son tres as diferencias principais: unha ten que ver coa disciplina física, outra coa táctica e a última coa regulamentación.
Na disciplina física?
Na primeira o xogador actual ten unha formación física máis completa que antes debido aos avances como o estudo da fisioloxía, condición física e o desenvolvemento dos métodos contemporáneos de adestramento.
No ámbito da táctica?
O xogo mudou cara unha maior orde no plantexamento dos diferentes modelos, as situación de desorganización e 1x1 reducíronse considerablemente, tendo un maior peso o ataque posicional e as xogadas de estratexia. Por último, as regras do xogo, que é o terceiro dos elementos que ten unha influencia fundamental sobre calquera deporte. Os últimos cambios disminuíron a eficacia das situacións a balón parado, aumentaron a importancia do xogo cos pés no porteiro, facilitaron o ataque directo dende zona de elaboración e posibilitaron o xogo de cinco contra catro.