O destino quixo que Iago Blanco regresase ao seu campo das dúas últimas tempadas na xornada 5. O atacante do Laracha marcou un golazo nas Eiroas e puxo contra as cordas a un Bergantiños que reaccionou nos últimos quince minutos e salvou un empate.
“Creo que merecemos gañar. Na primeira metade estivemos mellor plantados, aínda que non houbo moitas ocasións de gol. Na segunda, a raíz do gol, metéronnos máis atrás a base de balóns directos sobre Rivera, Cano e despois Ekedi. Sen embargo, foi cando máis opcions de contraataque tivemos, pero fallamos no último pase. Merecemos o segundo gol”, explica Iago Blanco.
Por momentos, o Laracha conseguiu anular ao Bergan. “En gran parte, si, excepto no aspecto no que máis fortaleza teñen, o balón parado, que foi a maneira na que conseguiron o empate”, indica unha das fichaxes do Laracha este verán.
Para Iago, xogouse o partido que tiña en mente o Laracha. “Óscar Gilsanz e Gabri analizan os rivais con detalle e tiñamos moi claro como contrarrestar o xogo do Bergantiños e cales son os seus puntos débiles para facerlles dano. E así foi”.
En canto aos puntos a mellorar, “co 0-1 tivemos varias situacións claras de contraataque que desaproveitamos e eu caín demasiadas veces en fóra de xogo. Teño que mellorar iso”.
Tras o empate nas Eiroas, o dianteiro do Laracha considera que “podemos plantar cara a calquera rival. Temos que ser ambiciosos de cara as siguientes xornadas a base de traballo e ilusión”
Iago comezou na banda dereita e rematou como punta. “Sempre intento facelo o mellor posible onde me poñan os adestradores, pero estou atopándome moito máis cómodo de dianteiro centro. Coa nosa forma de xogar sempre temos transicions rápidas con espacios arriba e aí e onde mellor me encontro”, reconoce.
En canto aos compañeiros que pertencen ao Depor, Iago comenta que “estou seguro de que moitos van a dar o salto ao Fabril. Teñen un gran talento, aínda que para min Kanoute marca as diferencias. Gústame moito, pero debe mellorar tacticamente para dar ese salto”.
En canto a obxectivos, Iago Blanco sinala que “somos un equipo especial por ser un filial, polo que varios xogadores adestran case sempre co Fabril. Aínda estamos nese proceso de adaptación polo que temos uha marxe de mellora moi grande”. E a nivel persoal, “seguir crecendo como futbolista e mellorando os meus números para ter opcións de xogar en Segunda B”.