lunes 30/11/20

O deporte federado non profesional podería superar os límites do toque de queda

Sería nos desprazamentos esixidos pola práctica deportiva
O secretario xeral
para o Deporte,
José Ramón Lete
Lasa | SXD
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa | SXD

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou onte a mañá na Plataforma Interterritorial do Grupo de Tareas de Impulso al Deporte (GTID) e as Comunidades Autónomas para a análise e posta en común do Real Decreto 926/2020, do vintecinco de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Nesta reunión, o Consejo Superior de Deportes (CSD) abordou a posibilidade de que o deporte federado non profesional poida ser asimilado ao deporte profesional no punto H do artigo quinto e no punto K do artigo sexto do devandito Real Decreto nos que se exceptúan os casos das limitacións de liberdade de circulación das persoas en horario nocturno e de entrada e saída nas comunidades autónomas.

Deste xeito, o deporte federado non profesional podería contar con permiso de mobilidade e superar as franxas horarias establecidas –dende as once da noite as seis da mañá– nos desprazamentos esixidos pola propia práctica deportiva.

Esclarecer os puntos

Ademais, o secretario xeral para o Deporte insistiu unha vez máis na necesidade de esclarecer os puntos que aínda non están pechados no protocolo para o regreso das competicións oficiais de ámbito estatal e que teñen carácter non profesional, elaborado polo CSD, nomeadamente no caso das probas de detección a realizar e o seu financiamento.

Precisamente estas cuestións están pendentes de decidir no Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud, a pesar de que a gran maioría das competicións xa teñen comezado. A Xunta agarda a celebración deste Consello para dirimir estas cuestións de absoluta importancia para a reactivación do deporte estatal.

Lete Lasa lembrou que a Orde do trinta de setembro de 2020 da Xunta de Galicia que esixe “test serolóxicos ou outras probas similares” para os equipos e deportistas das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto é unha medida “provisional” para “cubrir transitoriamente un baleiro que é necesario abordar sen moita máis dilación”. l

Comentarios