A Deputación distingue aos mellores deportistas coruñeses
lll
17º-23º

A Deputación distingue aos mellores deportistas coruñeses

A Deputación distingue aos mellores deportistas coruñeses
Valentín González Formoso (na segunda fila, no centro da imaxe) posa con algúns dos premiados que acudiron á gala celebrada no Teatro Colón | Cedida

Usuario

O Teatro Colón acolleu a segunda edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, nos que a institución provincial distingue ás persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva.


O presidente provincial, Valentín González Formoso, deulle os parabéns aos premiados e premiadas e destacou a súa “dedicación, compromiso e paixón” para levar o deporte coruñés ao máis alto. 
Formoso agradeceu “o traballo anónimo e altruísta de miles de persoas que cada día traballan desde os clubes e entidades deportivas para que os nosos e as nosas deportistas podan adestrar, competir, alcanzar as súas metas e cumprir os seus soños”, afirmou.


Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, reivindicou aos galardoados como “os mellores embaixadores desta provincia” e destacou a importancia de “promover entre os máis novos os valores asociados ao deporte como o esforzo, o compañeirismo, o traballo en equipo ou a superación persoal”.

 

Os premiados

O primeiro dos premios foi o de mellor entidade colaboradora, no que foi recoñecido Grupo Jrilo, unha empresa ferrolá moi implicada no tecido deportivo local.


O recoñecemento ao mellor evento deportivo da provincia recaeu en O Gran Camiño. Mentres que a mellor entidade na promoción do deporte base foi para o Club de Remo Cabo de Cruz, que representa a Galicia na Euskolabel Liga.


A Fundación Abrente, creadora do proxecto ENKI, foi a gañadora do premio á mellor entidade na promoción do deporte inclusivo.


O mellor deportista veterano foi Iván Morales, coruñés de adopción e un dos mellores marchadores veteranos a nivel mundial. A mellor veterana foi Esther Pedrosa.


O recoñecemento ao mellor árbitro foi para Javier Iglesias Villanueva, que completou a súa primeira temporada en Primeira División.


O mellor adestrador foi Lino López, completando un brillante ano 2023 no que o Universitario Ferrol rematou a competición como líder de Segunda e logrou o ascenso á Liga Femenina.


O galardón para o mellor deportista base foi para Iago Fuertes Leonardo, campión do mundo de pádel con 14 anos. Pola súa banda, a mellor foi Digna Silo Mangue, de 16 anos, que ostenta 16 récords de España en halterofilia.


O premio para o mellor deportista con diversidade funcional recalou en Damián Ramos, campión de Europa de ciclismo de fondo en ruta. No apartado feminino, a mellor foi Lorena Bermúdez Doce, que compite co Basketmi Ferrol de división de honra e  na primeira división de baloncesto en cadeira de rodas.


Por último, o mellor deportista masculino foi para Víctor Senra Carreira, gañador de 7 campionatos galegos de rallies de xeito consecutivo. Na categoría feminina, a vencedora foi María Belén Toimil Fernández, a gran dominadora do lanzamento de peso en España e que estará nos Xogos Olímpicos de París 2024.

 

Mencións e homenaxes

As catro mencións especiais recaeron no Centro Penitenciario de Teixeiro, que conta cun gran abano de actividades e programas deportivos; en Caetano Horta Pombo, remeiro noiés que xa ten pasaporte aos seus segundos Xogos Olímpicos; o Racing de Ferrol, club que ascendeu a Segunda División e Vero Boquete, unha referente do fútbol feminino mundial.


Asemade, proxectouse un vídeo de recordo e homenaxe a Arsenio Iglesias, Luís Suárez e Amancio Amaro. 

A Deputación distingue aos mellores deportistas coruñeses

Te puede interesar