Nun emotivo e multitudinario acto, o Concello da Laracha rendeu unha moi especial homenaxe aos seus deportistas a título individual e clubs, peñas, asociacións e entidades deportivas máis destacadas.
Foi na 4ª Gala do Deporte da Laracha -un evento que se celebra cada catro anos- presentada polo xornalista larachés Moncho Viña e amenizada polo cómico David Perdomo.
Foron entregados un total de 54 galardóns, todos eles de mans do alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello, nun acto que se celebrou nunha ateigada Casa da Cultura da Laracha, na que se deron cita unhas duascentas persoas.
A cerimonia desenvolveuse en tres bloques. No primeiro recoñeceuse o labor de 32 asociacións, clubs e peñas deportivas do municipio como un agradecemento ao traballo que realizan en beneficio de todos os veciños da Laracha.
Na segunda parte da gala o protagonismo foi para cinco entidades para as que o período de catro anos que vai desde a anterior gala ata a celebrada o sábado tiveron unha notable relevancia. Estas mencións especiais foron para: Unión Deportiva Paiosaco (fútbol), Asociación Cultural Deportiva A Billarda de Toxo, Club de Chave Paiosaco, Club e Escolas Deportivas de Baloncesto da Laracha, Club de Tiro Olímpico Laracha, Melchor Puente (colombicultura), Ángel Mallo (tiro con arco), Andrea García, Antía Cotelo e Marta Andrade (patinaxe artística), Noemy Marta Mañana (patinaxe artística), Daniel Remuiñán (quadcrós e autocrós), Alejandra Montes (judo e pádel), José Manuel Cambón (judo), Iván Montero (paraciclismo), David Piñeiro (pesca submarina), Juan Brandariz Movilla ‘Chumi’ (fútbol), Enrique Ramilo, Borja Díez, Álvaro Hidalgo e Nicolás Mosquera (salvamento acuático) e Noelia Loureiro (salvamento acuático).