O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu onte a sétima reunión do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’, onde comunicou que “a Xunta dispón que toda competición deportiva oficial autonómica celebrada na comunidade sexa disputada a porta pechada e na medida do posible suspendida ou aprazada”.
Lete Lasa enumerou as medidas tomadas pola Xunta de Galicia e a súa Comisión Interdepartamental para o seguimento do Covid-19 e outras enfermidades emerxentes, no ámbito deportivo.
En primeiro lugar, “a suspensión da competición do Programa Xogade”. A campaña de actividade lúdico deportiva Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta.
En segundo lugar, “a celebración de toda a competición deportiva autonómica federada, como mínimo, a porta pechada”, unha medida que completou dicindo que “os organizadores poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión das competicións,”. No caso de gran afluencia de deportistas, deberase valorar cada caso particular. Estas medidas terán unha vixencia de 14 días desde a súa aprobación no día hoxe e serán acompañadas por outras complementarias.
A Secretaría Xeral para o Deporte habilita un enderezo electrónico para as consultas deportivas (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal) co obxectivo de canalizar as incidencias. Ademais, no teléfono 900 400 116 os cidadáns poderán acadar información xeral sobre o coronavirus.