O enfrontamento na casa do segundo clasificado, o BM cisne de Pontevedra, rematou con victoria 17-20 para os cullerdenses, que logo de non perder ningún partido na presente tempada, obtiveron así a súa recompensa ao seu traballo, esforzo e dedicación. Cómpre lembrar que tres dos xogadores deste equipo son integrantes da selección galega da categoría, outro premio moi importante para o clube.
Pese a ser moi xóvenes, estes adolescentes de primeiro e segundo a ESO xa levan un tempo practicando o deporte que máis lles gusta. Sen ir máis lonxe, Iago, o ‘veterano’ balonmanísticamente falando do grupo, xa iniciou a súa andadura no balonmán con sete anos, e agora, sete anos despois, logra xunto aos seus compañeiros estar na elite do balonmán galego.
Non foi un camiño doado. Mais dende o principio estes rapaces viñan con forza. Foi dende o inicio unha xeración prometedora, por número, por traballo e por implicación.
O 16 de xuño de 2013 organizou o clube, en colaboración co Arteixo BM, unha expedición a León para ver o partido España-Suiza. Foron algo máis de 100 persoas, impensable nuns inicios con tan só rapaces de 6-8 anos. E esa semente dou o seu froito.
Dende o colexio de Tarrío, con Iago, Diego, Marcelo, Iván, Pablo, pasando polo CEIP Ría de O Burgo con Álvaro e Marcos, Roi e Nuno, da Escola Deportiva do clube en Vilaboa, e logo coas recentes incorporacions de Senén (Liceo) e Joel (Abegondo) sen esquecer o resto de compañeiros que compiten no equipo de segunda división, ate ser os mellores de Galicia.
Un camiño longo, de esforzo e perseverancia, que cuallou grazas a ilusión de todos eles, o seu traballo e máis o de tódolos adestradores polos que pasaron nestes anos, ademais da inestimable colaboración dos pais. E agora, a pensar no Nacional.