Fundada en 2015, a peña deportivista ‘Bergantiños’ de Berna (Suiza) rinde homenaxe tanto á bisbarra de onde son oriundos a meirande parte dos seus integrantes como ao capitán deportivista, maltratado pola Liga de Fútbol Profesional e a súa maquinaria trala incrible suspensión do Depor-Fuenlabrada.
Cristian Rodríguez, o presidente da citada agrupación, subliña neste diario a súa convicción de que o clube herculino e o seu entorno deben sacar peito en momentos delicados.
Como respira a vosa agrupación de Berna?
Pois vivimos tempos mellores desde a nosa fundación, co equipo en Primeira, pero agora mesmo esta é a nosa realidade. Somos preto de 30 integrantes e queremos seguir animando ao Depor dende a distancia.
Poderedes seguir os encontros de Segunda B?
Non o sei seguro pero supoño que será complicado por non dicir case imposible pero tentaremos facer todo o que estea nas nosas mans para ver os partidos.
Cantas veces viaxastes como peña a Riazor?
Pois en tres ocasións, todas elas para o derbi galego contra o Celta en Primeira. As cousas cambiaron moito e a ver o que podemos facer no futuro.
Tedes en mente asistir o vindeiro ano?
Estaremos moi pendentes de todo o que nos deixe facer a pandemia pero en principio queremos estar en San Lázaro o ano que ven contra o Compostela e despois algún outro desprazamento ou partido interesante dos que se xoguen en Riazor.
Como vivistes un final de tempada tan axitado como o da 19-20?
Pois mal, a verdade; estabamos lendo as novas nos xornais e enteramonos de que a derradeira xornada ía disputarse sen o Deportivo-Fuenlabrada. Foi unha decisión que nos sorprendeu moito e nos molestou, lóxicamente.
A campaña foi caótica...
Certo, temos que ser conscientes tamén de que se descendemos foi tamén porque nós mesmos o buscamos. Fixemos un ano moi malo e despois non nos deixaron competir tampouco.
Que opinión tedes da xestión de Javier Tebas?
A min personalmente non me entra na cabeza como puido permitir que se xogasen o resto dos partidos e o noso non. Creo que a decisión foi unha catástrofe para o Depor.
Tendes medo a que a afección do Depor diminúa trala pérdida de categoría?
Penso que iso non vai acontecer, a afección do Depor non vai ir a menos. Nós seguiremos dende Berna seguro. O prezo dos carnés e das entradas vai ser algo máis barato e vai ir máis xente que en Segunda.
No nome da vosa peña tivo máis peso a vosa orixe xeográfica ou a pasión por Álex Bergantiños?
Pois as dúas razóns influiron moito. O 85-90 por cento dos nosos socios somos da zona de Bergantiños pero tamén temos devoción por Álex.
Doeuvos o trato recibido polo capitán coa súa detención?
Si, moito, sempre se portou fenomenal con nós cando fomos a Abegondo e a Riazor. Pecou de ser boa persoa en exceso; hoxe en día no fútbol non sabes a quen tes á túa dereita no vestiario. Debeu chamar en privado un por un a cada compañeiro para transmitirlle a mensaxe a todos.
Que plans tedes para o futuro inminente?
Retomar todas as nosas actividades o antes posible e con forza; ultimamente a peña estivo un pouco parada e desexamos voltar a empezar.