Manuel Varela: “A factura que pasa o mundo do fútbol estaba a facerse moi grande para min”
lll
17º-23º

Manuel Varela: “A factura que pasa o mundo do fútbol estaba a facerse moi grande para min”

Manuel Varela: “A factura que pasa o mundo do fútbol estaba a facerse moi grande para min”
deporte campeón-2019-06-13-018-4d81deb5

Usuario

Traxectoria tan dilatada como impecable. É un dos principais responsables de que o Sofán puxese o seu nome no panorama futbolísticos galego. Chegou como xogador e marcha como o heroe do traballo ben feito no fútbol da Costa da Morte. Manuel Varela deixa o club do seu pobo despois de catorce anos.

Por que non segue Sofán?
Hai varios motivos pero os principais son persoais. A factura que pasa o mundo do fútbol a nivel familiar estaba a facerse moi grande para min. Teño unha nena pequena e foi un factor importante para deixar o club porque o nivel de esixencia estaba a ser moi elevado a nivel de horas de traballo e adicación. Tamén tomei a decisión porque cría que era un bo momento. O Sofán está moi ben a todos os niveis, cunha instalación nova, moi asentado en Preferente e no fútbol base. Tiña a obsesión de non deixar o club mal e queda un grupo humano de traballo moi bo que vai facer que o Sofán continúe nunha boa liña. 

Ese tipo de decisións non se toman dun día para outro. 
Se gañáramos a Copa da Costa da pasada temporada, posiblemente xa non seguiría este último ano. Perdémola, recapacitei e atopei o impulso para levar a cabo un novo proxecto grazas á continuidade de xogadores moi importantes. O obxectivo de intentar gañar a Copa foi o que me motivou para seguir un ano máis, pero desde o principio desta tempada comecei a darlle voltas á decisión de apartarme un pouco e de coller o rumbo cara unha vida máis tranquila. A idea foi a máis e, cerca do final da liga, desatáronse os acontecementos e tomei a decisión.

Marcha sen gañar a Copa da Costa pola que decidiu continuar un ano máis.
Sería a guinda perfecta a catorce anos de traxectoria no club, pero non era algo que me obsesionara. A competición principal para o equipo é a liga, a que se traballa no día a día e a que nos permite estar, entre aspas, na elite do fútbol galego. Sei que na Costa a Copa é máis importante que as propias ligas para moitos, pero nunca a considerei como algo prioritario. 

Levaba meses mastigando a decisión pero, foi difícil dar o último paso?
Si, foi moi difícil porque tiña moitas implicacións no club. En catorce anos fixen moitas amizades e o certo é que estaba ben e moi cómodo no Sofán. O traballo facíase lixeiro para min e disfrutábao, pero ultimamente non me notaba co mesmo impulso para acometer proxectos renovados e para facer as cousas como a min me gustan, ao 200%. Chegado a ese punto creo que o mellor é apartarse.

Segue dándolle voltas ou xa o ten totalmente asumido?
Son unha persoa que, cando toma unha decisión, mira cara adiante. Nin son nostálxico nin me gusta mirar cara atrás. Se non tivera nada que facer no día a día, pararíame a pensalo máis, pero non se da esa circunstancia. Non teño tempo porque todas as horas do día están ocupadas para min en diferentes proxectos. 
Despois de tantos anos asumindo moitas responsabilidades no Sofán, pode quedar espido o club?
O Sofán terá que facer unha restruturación. Posiblemente será complicado que atopen unha persoa que asuma tantas responsabilidades como o facía eu pero estou convencido de que terán cubertas todas as parcelas e de que o farán moi ben.

 

 

 


CONTA PENDENTE
Será recordado polos seus éxitos en forma de ascensos pero unha persoa esixente nunca se conforma. 

Quédalle a espiña da Costa da Costa?
Si, indudablemente. Nunca foi unha obsesión, pero podo dicir que un dos partidos máis bonitos que vivín co Sofán foi, a pesares de perder, a final da Copa da Costa do ano pasado. A afección do Sofán tivo un comportamento espectacular en canto a asistencia. Había unha marea vermella decorando as bancadas e algún xogador dixera que o que máis lle fastidiaba desa final era saír do campo e ver como os afeccionados seguían aplaudindo ao equipo despois de fracasar no intento de gañar a Copa. Foi unha pequena espiña pero son dos que pensa que hai que disfrutar das vivencias e ese foi un dos partidos máis bonitos que vivín na miña etapa no Sofán.

E algunha outra?
Os ascensos que conseguimos foron en promocións. Non fomos capaces de ser campións e, tanto o ano de Segunda como o de Primeira, tivemos opcións de gañar o título. Aínda que non cambio as promocións porque son moi bonitas, engadir títulos no palmarés do club sería moi bonito. 
 

 

 

Queda aberta a porta do Sofán para Manuel Varela?
Creo que non, aínda que eu sempre estarei dispoñible para o Sofán. Se me piden axudan, nunca me negarei porque o aspecto sentimental é moi grande, pero entendo que non asumirei as tareas que desempeñaba ata agora. Vai entrar outra xente, abrirase outro ciclo e segundas partes nunca foron boas. Ademais, que a primeira parte fosen 14 anos pesa moito.

Como chegou ao Sofán fai 14 anos?
Recordo todo. Son un ‘friki’ de revisar a historia. En todas estas tempadas fixen un anuario do club con todo o que se fixo e que está a disposición de todo o mundo. Con 28 anos eu estaba no máximo rival, no San Lorenzo, e fichei como xogador polo Sofán, que descendera a Terceira Autonómica. Chema Eirís foi compañeiro meu en Verdillo e fichou como adestrador do Sofán. Chamou a varios xogadores que estivéramos con el e, ao final, fomos campións e ascendemos. 

Quen era Manuel Varela por aquel entón?
Sempre fun un apaixonado do fútbol pero con 28 anos non era máis que un xogador. Estivera no Bergantiños, no Imperátor, no Malpica, no San Lorenzo… Recordo que o Sofán quixera ficharme nalgunha ocasión, pero nunca tivera o gusanillo de ir ao equipo do meu pobo a pesares de ser de aí, pero naquel momento vino claro e decidín ir. 

Que recordos ten da súa chegada ao Sofán?
Hai unha anécdota moi curiosa. Cando cheguei ao Sofán foi cando se plantou a herba no campo e xogamos toda a tempada no desterro, nas Eiroas. Curiosamente foi o mesmo que sucedeu o ano pasado, cando cambiamos o campo de céspede natural a sintético. Pódese dicir que a miña etapa no Sofán é a do paso da herba natural á artificial. Cheguei nun momento de cambio e voume noutro momento de cambio. 

Como foi o paso de xogador a director deportivo?
Sempre tiven moita confianza con Chema Eirís, un adestrador moi aberto ás opinións dos xogadores, e falábamos moito de fútbol. No meu segundo ano no Sofán comezamos a barruntar cousas xuntos. A directiva deixábanos traballar: el de cabeza visible e eu botándolle unha man para incorporar algún xogador. El estivo tres tempadas no Sofán e, coa súa marcha, a directiva encárgarame buscar adestrador. Eu díxenlles que o faría se tamén asumía a responsabilidade da confección do equipo. Déronme toda a confianza e púxenme mans á obra. 

“Déronme toda a confianza”. Sempre tomou as decisións nos máis de dez anos?
A directiva do Sofán é fantástica nese senso porque nunca se meteu nunha decisión miña. Non recordo que me dixeran: este adestrador non, este xogador non; todo o contrario. É algo de agradecer moito porque, evidentemente, non é algo que suceda en todos os clubes.

 

Cal foi a túa primeira decisión no Sofán?
Fichar a David Baña. Non o coñecía, recomendoumo un amigo e fun a Arteixo por el. Tivemos unha entrevista, contratámolo e confeccionamos o equipo. Recordo a fichaxe de Abel, procedente do Victoria, que viña da súa man. Nesa tempada, o club deu un salto porque pasou de loitar por non descender a Terceira Autonómica a ser un pequeno galo na categoría porque xa se contaba con nós para os primeiros postos. Con David fomos subcampións da Liga da Costa en dúas ocasións e, aínda que por puntuación non estivemos cerca do primeiro posto, o noso era un equipo considerado de bo fútbol, de bo trato de balón e difícil para os rivais.

Foi difícil a túa primeira negociación?
O certo é que foi unha negociación fácil. Son moi persuasivo (risas), creo que David estaba polo labor, e chegamos a un acordo rápido.

Comeza como director deportivo en Segunda Autonómica e deixa o equipo na Preferente Norte.
Non era un obxectivo real, pero era un soño. Gran parte do éxito do club foi que cada paso que se deu, foi de forma estructurada. A intención non era comezar a casa polo tellado e conseguimos ter un solo moi consolidado. Por iso nunca fomos cara abaixo. Creo que en todos os anos melloramos o equipo, sempre demos pasos cara adiante e, despois do ascenso de Segunda a Primeira, foron aínda máis importantes.

Como se consegue levar ao Sofán a Preferente?
Cando ascendemos a Primeira Autonómica pensei que chegáramos a un pequeno teito, pero na nosa primeira tempada na categoría fomos campións de inverno e o club deuse conta dunha nova realidade: tiñamos potencial para algo máis que para a permanencia. No segundo ano en Primeira, fomos claramente a polo ascenso sendo conscientes de que había seis ou sete equipos moi potentes e de que sería unha tarefa difícil, pero nós estabamos entre os favoritos. E conseguímolo. 

Non me notaba co mesmo impulso para acometer proxectos renovados

 

Ir claramente a polo ascenso non quere dicir que se poida conseguir.
No fútbol lógranse os obxectivos por pequenos detalles. O incrible ascenso de Segunda a Primeira foi nun tempo engadido interminable. O ascenso de Primeira a Preferente foi cun gol a falta de seis minutos para o final. Se eses pequenos detalles non estivesen ao noso favor, o Sofán podería estar en Segunda Autonómica a día de hoxe, pero é algo que non sabemos.

O do Sofán é un campo moi característico polas dimensións reducidas que ten. Foi unha arma do equipo para acadar os obxectivos?
Sen dúbida. É un factor importante tanto polas dimensións como polo ambiente que hai. O Carral é unha pequena Bombonera es os xogadores así o percibían. Algún futbolista da Coruña que fichei nos primeiros tempos dicíame que lle encantaba xogar alí polo acolledor que é o campo e porque desde dentro notaba o ruxir da afección e como nos segundos tempos levaba ao equipo en volandas. Moitas vitorias chegaron así, incluso remontadas impensables que se fraguaron, en parte, grazas ao ambiente existente no campo que fai crer que se poden acadar cousas incribles como a remontada contra o Val do Ulla, un partido no que algúns afeccionados marchaban para a súa casa no descanso. Tiñamos o encontro perdido, pero o equipo criu e acadouse un ascenso impresionante. De feito, moita xente me di que foi o mellor partido de fútbol que viron en directo.

É posible ascender e manterse en Preferente sen pagar?
Creo que non. Habería que ter un club como o Victoria que teña unha canteira bestial e, partir de aí, nutrirse de xogadores da base e que coincida algunha xeración espectacular que poida axudar a dar ese salto. Para o resto dos clubs é moi difícil incorporar un xogador se, polo menos, non se lle sufragan os gastos.

Está o Sofán por enriba das súas posibilidades sendo un equipo asentado na Preferente?
Creo que non. Temos que ver Sofán como parte dun concello que é Carballo. A situación xeógrafica do club, a colaboración que ten agora co Bergantiños e unha estructura que está moi ben montada fai ao Sofán un club serio e seguro que ten un presuposto que permite cubrir todos os gastos dunha tempada. Imaxino que o club seguirá na mesma liña e, por tanto, asentado na Preferente Autonómica. 

Sofán, unha parroquia de Carballo, compite cara a cara con Viveiro, Noia, Ribadeo, Arzúa, Sarria, As Pontes...
Eses non son equipos do noso escalón. Nós somos máis do rango do Dubra, Arteixo, Boimorto, equipos dun nivel económico similar ao noso e cos que tanñeb competimos deportivamente. Creo que esta tempada tiñamos un moi bo equipo, pero a nivel económico non podemos competir cos mellores equipos da liga porque pagan o dobre ou máis aos xogadores.

Nos últimos anos tiroulle máis o fútbol da Coruña que o da Costa á hora de fichar. Por que?
Fundamentalmente porque hai máis compromiso. Sempre mirei hacia o fútbol da Costa porque é o que coñezo. Toquei a moitos xogadores da zona, pero eles non están moi interesados en competir en categorías altas porque buscan comodidade ou, ás veces, por situacións persoais. A nivel social, moita xente da Costa da Morte non traballa non seus pobos senón que ten que desprazarse. Entendo que hai dificultades para adestrar e, sen adestramento, non hai logros.

Existe rivalidade do Sofán con San Lorenzo e Bergantiños?
Cando saes ao campo sempre hai rivalidade, pero algo que logrou esta directiva foi unir. Fomos da man do San Lorenzo para conseguir cousas e co Bergantiños hai un entendemento moi bo tanto en fútbol base como sénior e creo firmemente que é o camiño a seguir. O enfrontamento entre veciños non é agradable nin leva a nada. A sintonía cos equipos veciños e realmente boa.

 

Manuel Varela: “A factura que pasa o mundo do fútbol estaba a facerse moi grande para min”

Te puede interesar