A Coruña acollerá, o 28 e 29 de setembro, o Campionato de España distancia olímpica, un dos eventos con maior participación e desprazamento de acompañantes no calendario da Federación Española.
A competición terá ademais un dobre valor, xa que xunto cos títulos nacionais estarán en xogo as últimas prazas para o ProTour FETRI.
O Parrrote acollerá a natación e primeira transición para a elite, así como para grupos de idade, tal como o foi en 2018, igual que o Paseo Marítimo polo que discorre o ciclismo e parte da carreira a pé. No caso das competicións elite, que se disputarán o sábado 28, as bicicletas accederán tamén en voltas de segunda transición á praza de María Pita, na que estará situada a meta. A carreira a pé alcanzará polo paseo o castelo de San Antón.
Para as categorías elite e sub-23, a proba disputarase con dúas voltas de natación de 750 metros, 40 quilómetros de ciclismo en oito voltas de cinco quilómetros, e unha carreira a pé final de 10 quilómetros en catro voltas de dous quilómetros e medio cada unha.
A actividade comezará o día 27 coa entrega de dorsais na praza de María Pita, que se seguirán despachando o sábado pola mañá. A proba elite feminina será o sábado ás 16.00, e a masculina ás 18.00, e serán emitidas en directo por LaLigaSports.
A inscrición está aberta ata o 15 de setembro. Pincha aquí para máis información e inscricións
A última proba clasificatoria con prazas en xogo é o Tríatlon de Banyoles, o 7 de setembro. As inscricións para a proba catalana pecharanse o 1 de setembro. Máis información aquí.