A Real Federación Galega de Fútbol, a Fundación do Fútbol Galego e a Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello da Estrada, puxeron de manifesto que Galicia apoia a inclusión e a igualdade das nenas e nenos na práctica futbolística.
O campo de fútbol municipal da Estrada acolleu unha Xornada de Fútbol Inclusivo e Igualitario. A deste 2019 foi a segunda edición dun evento deportivo único e moi especial, no que máis de 200 rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos berraron con todas as súas forzas que o deporte rei é para todos e para todas sen distinción.
A RFGF desenvolve esta actividade a través da súa Fundación, e coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e busca coa mesma participar activamente na concienciación e no avance da nosa sociedade cara á igualdade en todos os sentidos. Na cita estivo presente o presidente da entidade federativa e da Fundación do Fútbol Galego, Rafael Louzán.
O gardameta do Celta Sergio Álvarez repetiu a experiencia do ano pasado e hoxe sorprendeu a todos e a todas coa súa presenza na Estrada apadriñando o evento e felicitando a todos os/as deportistas na entrega dos premios. O porteiro de Catoira é, sen dúbida, un espello no que mirarse.
O Gato de Catoira recibiu a ovación da mañá e non dubidou á hora de asinar autógrafos aos máis de 200 alumnos e alumnas que tomaron parte nesta xornada.