domingo 29/11/20

A Xunta ensalza o papel do deporte feminino na sociedade

O máximo organismo galego destinará 150.000 euros a nove conxuntos de primeiro nivel como parte do primeiro plan de patrocinio de equipos
María Jesús Lorenzana e José Ramón Lete Lasa manteñen un encontro por videoconferencia cos equipos femininos esponsorizados   | aec
María Jesús Lorenzana e José Ramón Lete Lasa manteñen un encontro por videoconferencia cos equipos femininos esponsorizados | aec

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete,  mantiveron un encontro virtual en Santiago de Compostela cos equipos beneficiarios do primeiro Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos. Asemade, aproveitaron para destacar a contribución destas formacións no fomento da tolerancia, da igualdade e da non violencia de xénero.

Na xuntanza participaron os seguintes conxuntos femininos: Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Balonmán Porriño, Club Balonmán Atlético Guardés, Real Club Deportivo de La Coruña SAD, Ourense Club de Fútbol SAD, Club Deportivo Burela Fútbol Sala, Club Poio Fútbol Sala, Cidade de As Burgas Fútbol Sala e Club de Arquitectura Técnica.

Lorenzana dirixiuse ás participantes e indicou que “sodes as nosas referentes á hora de poñer en valor a importancia do deporte como medio de fomento da actividade física saudable, como medio de socialización e cohesión social e como ferramenta de loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia de xénero no deporte e, na vida”, engadiu.

Dotación económica

O plan de patrocinio diríxese a clubes femininos de alta competición e está dotado con 150.000 euros, que son froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Fundación Deporte Galego, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O novo plan de patrocinio é unha liña de actuación paralela ao undécimo Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia, cuxa primeira fase -cun orzamento de máis de 2 millóns de euros grazas á colaboración da Xunta e Abanca- destaca por unha maior presenza dos equipos femininos.

Ademais de incorporar os logotipos corporativos nas competicións nas que participan, os beneficiarios deben levar a cabo un partido dedicado á loita pola tolerancia, igualdade e non violencia de xénero no deporte e na vida.

Comentarios