Eleccións máis transparentes e libres nas Federacións
lll
17º-23º

Eleccións máis transparentes e libres nas Federacións

Eleccións máis transparentes e libres nas Federacións
O Diario Oficial de Galicia publicou onte as modificacións | xg

Usuario

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o decreto 171/2021, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas. Estas modificacións foron aprobadas polo Consello da Xunta na súa reunión do pasado xoves.

A presente modificación procura para este sistema electoral unha serie de melloras que se integran no réxime xurídico en vigor.

Recóllense así distintos aspectos directamente dirixidos ao establecemento nas federacións deportivas de procesos electorais mais libres e transparentes, con igualdade de condicións e coa maior garantía para o exercicio do dereito de sufraxio polos electores, concretándose en distintas previsións de natureza organizativa e procedimental en sintonía coas pautas legais establecidas polo lexislador, sen alterar os seus aspectos e elementos esenciais, e coa xurisprudencia ditada sobre a materia.



Elexibilidade


Deste xeito, destacan as melloras sobre aspectos como os requisitos dos electores e de elixibilidade -atendendo aos efectos sobre a competición derivados da evolución da pandemia da Covid-19 durante o ano 2020-; o contido dos censos electorais; o desenvolvemento do proceso electoral -contido, aprobación e calendario do regulamento electoral-; os sistemas de elección a membro da asemblea xeral e de elección do titular da presidencia; a regulación do desenvolvemento da xornada electoral –destacando neste punto a novidosa regulación do voto por correspondencia-; o réxime de reclamacións e recursos; e, por último, reaxústanse os prazos existentes, que pasan agora a ser computados por días hábiles fronte ao sistema anterior que se refería a días naturais.

Cómpre salientar tamén, entre outros aspectos dos requisitos para electores e elixibles, que xa non se esixe ter nacido en Galicia ou ter veciñanza na comunidade autónoma. Ademais, os membros da asemblea ou presidentes non serán elixibles no caso de estar inhabilitados para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme ditada polo órgano disciplinario competente, como ata o de agora e, como novidade, no caso de estar inhabilitados para o desempeño dun cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

No caso do voto por correo, poderá tramitarse a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e a nova regulación recoñece non só ás persoas físicas, senón tamén as persoas xurídicas (clubs). Cómpre sinalar que, en todo caso, prevalecerá o voto presencial sobre o voto por correo. Por último, cabe destacar que, como mínimo, deberán establecerse dúas mesas electorais nas dúas provincias de maior censo de cada federación.



Nova realidade


A finalidade destas modificacións é adaptar a normativa reguladora das eleccións das federacións deportivas galegas á nova realidade garantindo un exercicio pleno dos dereitos electorais por todos os estamentos que conforman as federacións. A norma está vixente nos procesos electorais desde o ano 2018 e as novas modificacións entrarán en vigor no proceso de 2022 e vindeiros, establecendo unha serie de dereitos, deberes, requisitos e condicións no desenvolvemento destes, co fin de conseguir unha participación maioritaria, plena e igual de todas as persoas que integran as federacións. Cómpre lembrar que a Lei do Deporte de Galicia establece que os órganos de goberno das federacións renovaranse cada 4 anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno.

Grazas ao decreto regúlanse todas as fases do proceso electoral desde a inicial convocatoria das eleccións ata a campaña electoral dos posibles candidatos, atendendo aos dous órganos das federacións que interveñen no proceso electoral: a Xunta electoral como órgano único de ordenación e control das eleccións e a Comisión Xestora como órgano encargado de administrar e xestionar a federación durante o proceso electoral. Do mesmo xeito establécense as condicións e requisitos necesarios para poder ser elector ou elixible para a asemblea xeral e a presidencia das federacións. 

Eleccións máis transparentes e libres nas Federacións

Te puede interesar