Menú
El Ideal Gallego Diario de Ferrol Diario de Arousa
YouTube Twitter Newsletter Instagram Facebook

Día de traballo entre a RFGF e as asociacións do norte de Portugal

Federación Galega e Asociacións do Norte de Portugal reuníronse en Oporto | futgal
|

Despois da primeira toma de contacto levada a cabo en Braga hai un mes, o pasado venres celebrouse en Oporto unha xornada histórica cunha magnífica reunión de traballo entre a Real Federación Galega de Fútbol e as Asociacións de Fútbol do norte de Portugal (Oporto, Braga, Viana, Vila-Real e Bragança).

Invitados por José Neves, presidente da Asociación de Futebol de Porto, acudiron a esta xornada presidentes, dirixentes e responsables de varias áreas das distintas asociacións e, por suposto tamén, da RFGF.

Rafael Louzán estivo acompañado por dous vicepresidentes, o presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros, o presidente do Comité Galego de Adestradores, o director deportivo e o coordinador xeral. Unha ampla representación que se desprazou a Oporto para participar nunha xornada moi enriquecedora na que se traballou a colaboración desde distintos ámbitos federativos.

Na área de dirección analizouse a maneira de traballar en cada federación e as posibles sinerxias colaborativas que se poidan establecer entre todas as partes. Un amplo coñecemento mutuo que resultou especialmente enriquecedor para todos.

Na área técnica adentrouse en detalle no funcionamento das seleccións galegas por un lado e das seleccións distritais polo outro. Todo coa recuperación da Copa Gallaecia como obxectivo concreto, o cal verá a luz en decembro deste ano 2022, cunha edición que se celebrará en Braga.

A relación mutua que se pode establecer no tocante á formación dos adestradores tamén foi un espazo de traballo na sede da Asociación de Futebol de Porto.

E na área de arbitraxe, os responsables dos distintos comités tamén visualizaron a maneira de colaborar con iniciativas proveitosas para todos, como pode ser o intercambio de árbitros en xornadas puntuais nalgunhas categorías.

En definitiva, unha xornada que serve para consolidar unha relación que xa non ten marcha atrás e que se vai a seguir afianzando con novas reunións. De feito, o presidente da federación galega xa invitou ás cinco asociacións a unha nova xornada que se celebrará no mes de abril en Galicia. Louzán amosouse moi agradecido á AFP. 

Día de traballo entre a RFGF e as asociacións do norte de Portugal