Pablo Antas: “O Somozas foi o club máis importante e no que máis crecín”
lll
17º-23º

Pablo Antas: “O Somozas foi o club máis importante e no que máis crecín”

Pablo Antas: “O Somozas foi o club máis importante e no que máis crecín”
29 abril 2018 Fútbol Tercera División Temporada 2017-2018 Bergantiños - Ribadumia: 3-2

Usuario

Pablo Antas, xogador do Rápido de Bouzas, está totalmente mentalizado en acadar a permanencia co seu equipo en Segunda B, pero cada semana bota un ollo á Terceira e esta fin de semana mídense os seus dos anteriores equipos: Somozas-Bergantiños. 

O partido xógase no Manuel Candocia. Aínda así é favorito o Bergantiños?

Cando estaba Stili no Somozas seguíao máis que agora con Manolo. Do Bergan estiven pendente toda a tempada porque falo regularmente con xogadores cos que compartía vestiario o ano pasado como Baleato, Cris... Por plantilla e por equipo, o Bergan é favorito na maioría dos partidos de Terceira División. O Somozas está nunha liña ascendente, os partidos alí sempre son complicados para os rivais por moitos factores e creo que vai ser un encontro moi igualado.

O Bergan ten moita pegada arriba e pode ser un factor determinante no partido 

Que equipo cres que levará o peso do partido?

Fun ver ao Bergan esta tempada a Redondela e, polo perfil de futbolistas que ten, a forma de xogar no cambiou moito respecto ao ano pasado. Ten máis presencia física e xoga un pouco máis defensivo ou repregado esta tempada, pero ten moita pegada arriba e pode ser un factor determinante no partido. Aínda así non sei como plantexarán o encontro Manolo e Miguel. 

Catro tempadas no Somozas e a última no Bergantiños. Que equipo lle tira máis ao teu corazón?

Sempre o dixen e sempre o direi: o Somozas é o clube no que máis cómodo estiven desde que xogo ao fútbol. En Carballo tamén estiven súper a gusto, moi contento e se marchei foi polo cambio de categoría. 

Os últimos equipos nos que estiveches –Rápido, Bergantiños e Somozas– non se caracterizan por despregar fútbol combinativo. Por que te decantaches por eles tendo en conta as túas características técnicas?

Eran proxectos ambiciosos. O que me vendeu o Bergantiños cando falei con Miguel era ascender de categoría. Esta tempada quería volver a Segunda División B e por iso fichei polo Rápido. Pode ser que as miñas características futbolísticas non estean moi ligadas aos últimos adestradores que tiven pero son un xogador que se adapta a diferentes estilos de xogo e iso axúdame.

Míchel Alonso, Miguel Figueira e Stili foron os teus últimos adestradores. Que che aportou cada un?

De todo o mundo se aprende. Cada un ten a súa forma de ser e a súa forma de ver o fútbol. Axudáronme todos a crecer. Nalgún estilo e sistema encaixo mellor ca noutros pero para os futbolistas é moi importante ser versátiles. Poder xogar con diferentes estilos e modelos é positivo para nós e tamén para os adestradores. 

Antes de fichar, todo o mundo falaba do Somozas como un club serio e acertei

Na túa primeira tempada no Somozas, conseguistes o ascenso a Segunda B.  Por que te decantaras polo Somozas?

Rematara unha mala tempada no Cerceda con problemas de cobros e demais... Míchel falou comigo, Baleato tamén, iamos varios xogadores desde A Coruña e o proxecto que nos vendían era o de intentar quedar entre os catro primeiros e xogar o playoff. Todo o mundo falaba do Somozas como un club serio, acertamos e non nos arrepentimos.

O Somozas é un club no que se deixa traballar e se desfruta moito do fútbol

Despois estiveches tres anos en Segunda División B. Que recordos che quedaron?

Foron tres tempadas fantásticas a pesar do mal sabor de boca do descenso. Foron tres anos incribles para o pobo e para todos os que estivemos alí. O Somozas é un club no que se deixa traballar, onde non hai presión e se desfruta moito do fútbol. O segundo ano en Segunda B foi o mellor en canto a clasificación e a nivel persoal para min pero os tres foron moi bos.

Foi no Somozas onde maduraches definitivamente como futbolista?

Pode ser. Debutei en Terceira no Órdenes despois duns anos no Lugo cando era moi xoven, pero a tempada da liga e do ascenso a Segunda B co Somozas creo que me deu moitas cousas. Co paso dos anos o futbolista madura, colle máis experiencia, aprende de diferentes adestradores...

Que significou o Somozas para ti a nivel persoal e deportivo?

Foi o club máis importante para min e onde puiden crecer máis a nivel individual e personal. Coñecín a grandes persoas alí e de todas teño un gran recordo.

O teu peor momento no fútbol foi aquel 12 de marzo de 2014 no Somozas-Cerceda?

Foi o momento máis complicado que vivín nun campo. Para todos os que estivemos alí, foi un antes e un despois. Esa tempada ascendemos e creo que o presi nos axudou desde arriba. Tivemos unhas semanas difíciles porque foi unha traxedia que sucedeu na nosa casa e foi complicado de superar.

Fai dous veráns fichaches polo Bergantiños. Como xurdiu?

Miguel falou comigo, a miña idea era seguir en Segunda B e esperei por se me saía algo. Deixamos pasar un tempo, pero el falou moito comigo e o proxecto que me presentaba era real porque o Bergantiños viña de facer playoff e quería dar un paso máis. Puidemos gañar a liga, pero ao final foi o Compos. O obxectivo era xogar a fase de acenso a intentar ascender. O proxecto truncouse no playoff, pero creo que acertei aínda que non conseguira o premio do ascenso.

Aínda lembras a eliminación contra o Cirbonero?

Ese gol pola escadra recórdoo de cando en vez. Creo que se xogáramos esa eliminatoria dez veces, perderíamos a que perdemos e gañaríamos as outras nove. Foi un cúmulo de circunstancias. Na ida non estivemos moi ben pero na volta merecemos gañar con moitos goles e ao descanso xa debíamos ter a eliminatoria sentenciada. Así é o fútbol e nese caso saiu cruz. 

Só estiveches unha tempada en Carballo. Por que?

Ao final de tempada Miguel falou comigo para renovar e díxenlle que ía esperar porque quería intentar volver a Segunda B. Saiu a opción do Bouzas, falei con Miguel e Cendán e comprenderon que ía subir de categoría, que era o obxectivo que tiñamos todos no Bergan pero non puido ser. Por iso fichei polo Rápido.

O Bergantiños merece dar o salto a Segunda B porque aposta polo fútbol

Que foi o mellor da túa breve etapa no Bergan?

Moitas cousas. Como club, o Bergantiños merece dar o salto a Segunda División B: por instalacións, por categorías inferiores, polo que aposta polo fútbol... Ten infraestructuras a nivel de club para dar o salto e sería importante para o fútbol galego ter un representante máis. 

Como foi estar as oito primeiras xornadas sen gañar no teu estreno co Rápido?

Falámolo moitas veces. É algo que creo que non volveremos a vivir ningún dos que estivemos esta tempada no Rápido. Foi unha situación totalmente extraordinaria. Comezamos a tempada moi, moi mal e moi lonxe do nivel da categoría. Non eramos capaces de estar nin cerca de competir por moitos factores. Pagamos a peaxe de ter moitos xogadores xoves que debutaban. Melloramos co paso das xornadas e agora o equipo está moi ben, a un nivel competitivo alto e con opcións de conseguir o obxectivo nestas últimas xornadas.

Para ti foi lóxico o cambio de adestrador?

Non son amigo dos cambios de adestrador. Sempre é o eslabón máis débil da cadea e neste caso deberían botarnos a todos e non ao adestrador. Xurxo transmitíanos a súa confianza e o equipo estaba con el pero adirectiva decidiu que había que facer un cambio, colleu o equipo Míchel e demos un cambio a mellor pero tamén froito do que fixéramos antes con Xurxo porque as cousas non suceden dun día para outro. 

Xogaches 24 partidos, 19 como titular. Satisfeito cos teus números esta tempada?

Cando volvemos do Nadal estiven parado tres semanas por unha lesión de nocello e custoume volver entrar e coller o ritmo. Agora atópome ben, estou contento. Vin para xogar e axudar, estamos vivos e é o que queremos ata o final.

Como foi para ti o cambio de vivir na Coruña a facelo en Vigo?

Levaba xa sete anos vivindo na Coruña coa miña moza e tiven que vir para aquí. Ao principio o que máis me tiraba para atrás era ter que ir a vivir a Vigo pero a verdade é que estou moi contento na cidade. A calidade de vida e alta e estou comprobando que o tempo é moito mellor aquí que no norte. 

Salvo Rodri Alonso, atopácheste un vestiario novo. Como foi para ti?

Varios xogadores viñamos da Terceira, como Sergio Santos e Vitra, contra os que xoguei. Un dos puntos fortes desta tempada e que está a facer que sigamos vivos a estas alturas é que temos un vestiario moi sano. A pesar de todas as dificultades que pasamos sempre hai moi bo ambiente para adestrar e iso é vital, máis aínda para un equipo que leva tantas xornadas en postos de descenso e que pelexe por salvar a categoría.

O Rápido de Bouzas ten, probablemente, o presidente máis extravagante do grupo 1 da Segunda División B. Como levas a tempada con el?

É a súa forma de ser. Hai cousas que ao mellor non comparto, pero el é o presidente do club e lévao á súa maneira. Nós non podemos meternos na súa forma de ser porque non é o noso labor.

Pablo Antas: “O Somozas foi o club máis importante e no que máis crecín”

Te puede interesar