sábado 19/9/20

Hadrián Rama: “Os protocolos do Covid están cheos de incongruencias e o do fútbol tamén”

Porteiro do Paiosaco
Hadrián Rama, porteiro do Paiosaco, este mesmo ano no partido contra o Fabril en Abegondo, protesta un gol de Mario Losada  | pedro puig
Hadrián Rama, porteiro do Paiosaco, este mesmo ano no partido contra o Fabril en Abegondo, protesta un gol de Mario Losada | pedro puig

O Paiosaco comezará o vindeiro mes unha nova tempada en Terceira División e co Paiosaco seguirá o porteiro e capitán Hadrián Rama, un xogador sen pelos na lingua que confía no proxecto da directiva e na idea de xogo do adestrador, un Juan Riveiro que tamén botou raíces na Porta Santa. O 2020 será un ano especial para Rama.

Que se anulase a liga foi o mellor que lle puido pasar ao Paiosaco para conseguir a permanencia?
Sería moi hipócrita se dixera que non. Estabamos nunha situación delicada e íá ser moi complicado que conseguíramos salvarnos. Estamos contentos por seguir outra tempada en Tercera Division pero sempre facendo autocrítica porque a tempada foi decepcionante.

Que recordo tes gravado da pasada tempada?
Positivamente, o partido contra o Compos, xa que fomos quen de arañar un punto contra o mellor equipo da categoría e persoalmente cun partido moi completo. Un recordo negativo, a expulsión contra o Silva. Esas semanas paseino moi mal. Foi unha expulsión inxusta e cruel.  Dinlle moitas voltas e non pode volver ocorrer.

De adestrar catro días e competir os domingos a ter que facer un confinamento. Como o levaches a nivel persoal?
Bastante mal. Eu pertenzo ao grupo de xogadores que lle aburren  os exercicios físicos (sen presenza de xogo). Son dos que apostan polo derroche físico en tareas con balón. Así é como me motivo e dou o máximo de min. Na casa non había balón, nin xogo, nin ninguén que me controlara. Era difícil encontrar a motivación.

Que foi o peor de estar tanto tempo sen poder facer vida normal?
Para min o peor foi non desconectar do traballo. Son programador informatico e traballo desde a casa. Saír da casa e ir adestrar e o momento do día que me desconecta por unhas horas do traballo. Co confinamento non desconectaba en ningún momento.

Botaches moito de menos o fútbol ou asumiches ben estar parado?
Boteino de menos. Os que levamos máis de 20 anos xogando ao fútbol ininterrumpidamente somos uns enfermos deste deporte e necesitámolo como o comer. Non creo que ningún xogador de Terceira División asuma estar parado. Non se entendería o sacrifico persoal que significa adestrar practicamente todos os días  e facer quilómetros en autobús as fins de semana se non amas este deporte.

Pódese sacar algunha lectura positiva dunha situación así?
Que se algún dia volve a ocorrer algo parecido, a sociedade estará máis preparada e concienciada. Por poñer un exemplo, antes da pandameia compartíase botella de auga entre compañeiros. Iso facíano todos os equipos. Creo que nunca máis veremos iso e que cada un acabara tendo o seu propio botellín.

Custouche máis do normal a volta aos adestramentos?
A verdade é que gracias a predisposición de Alberto (adestrador de porteiros), leveino ben. Un mes antes comezamos adestrando individualmente na praia de Sabón, con dúas sesións curtas por semana como toma de contacto. Logo fomos alternando a praia con campo para chegar ao inicio de pretempada co resto do grupo cunha forma máis ou menos aceptable.

Os porteiros levades mellor o traballo individual que os xogadores de campo?
Os porteiros estamos acostumados á soidade, polo que é posible que o levemos mellor que eles. De todas formas, que estemos acostumados non quere dicir que nos guste. Eu disfruto moito máis traballando con Alberto e Mallo que adestrando eu só.

Entendes que se teña que adestrar sen contacto?
Entendo que todas as organizacións queren lavarse as mans por se pasa algo.  Eu non puiden ir a ninguna ecografía do meu fillo (nin podo) pero podía ir á praia de Caión con 1.000 persoas.  Os protocolos do Covid están cheos de incongruencias e o do fútbol non e unha excepción.

Que impresións che causa o equipo formou o Paiosaco para esta tempada?
De momento é cedo para sabelo pero imos por bo camiño.
Somos un equipo que non pode pagar a xente experimentada na categoría, polo que temos que intentar fichar xogadores novos que aínda ten explotar, con predisposición a adestrar, que non foran tentados polos ‘petrodólares’ do fútbol galego e que teñan ganas de traballar e sacrificarse polo club. Creo que todas as fichaxes de Juan van nesa dirección.  

En que se diferencia esta da plantilla do pasado curso?
Posiblemente, na media de idade. Esta tempada non hai ningún xogador que supere os 30 anos de idade. Respecto a fútbol é difícil sabelo ata que este equipo se poida testear en partidos. A idea desta tempada creo que é moi clara: sacar adiante os partidos por traballo e sacrificio. Se non somos os mellores tecnicamente, teremos que ser mellores co resto en canto a traballo e sacrificio, que iso si o podemos controlar e adestrar, e tamén ganan partidos.

Mantén Juan Riveiro a mesma idea que nos últimos anos?
Creo que si. A idea funcionou o primeiro ano e fracasou o segundo. Con isto quero dicir que o problema non creo que fose a idea senón outros factores. O bo é que todos fixemos autocrítica e analizamos os erros cometidos o ano pasado para que non volvan suceder e a idea volva funcionar. É certo que os equipos xa nos coñecen e non somos a sorpresa que fomos o primeiro ano, polo que haberá que darlle matices á ‘idea’ para volver sorprender e volver a ser un equipo competitivo.

Será a terceira tempada seguida en Terceira. É un soño para o Paiosaco?
Máis que un soño, é unha milagre. É moi difícil meter un equipo en Terceira, e máis aínda aguantalo, e os que o fan é a base de inversións. O proxecto do Paiosaco é sólido, sostido por unha afición brutal e por un grupo de xente que traballa día e noite desinteresadamente para que todo funcione. Non fichamos a moitos xogadores porque prefiren xogar en Preferente cobrando máis, pero o club prefire que morra o soño antes que ‘tirar a casa pola ventá’, a prometer o que non hai, a perder a nosa identidade. Cantos clubs pola volta coñeces que fagan isto?

Confías noutra permanencia?
Si, por que non? O ano pasado moitos partidos que perdemos non foi por que non se competira. Non eramos un barco á deriva, ‘os chupatundas’ da categoría. Competimos en todos os partidos cara a cara co rival. Simplemente entramos nunha dinámica negativa que nos mermaba e facía aparecer fantasmas continuamente. Erros infantís que nos constaba os partidos. O que me fai confiar na permancencia é que todos os erros son corrixibles e solucionándoos podemos pelexar.

Gústache o formato dos grupos por zonas?
Prefería o grupo completo pero, sendo realista, é a opción máis factible para a situación na que vivimos. Ademais, os clubs están faltos de diñeiro polo que, reducir gasto de trasporte, tamén é importante.

Que obxectivos te marcas a nivel persoal para esta nova tempada?
Axudar ao Paiosaco a acadar o obxectivo que nos marquemos. Teño a obriga de devolverlle a confianza ao Paiosaco e a Juan por volver apostar por min. Como calquera xogador gustaríame xogar e ser determinante pero, dígo de corazón, o máis importante para min e que o Paiosaco se salve do descenso outra tempada máis por riba de calquera obxectivo persoal.

Comentarios