Domingo 26.05.2019

Samuel Blanco e María Jesús Barros gañan en As Pontes

Esta vila repartiu os primeiros títulos autonómicos do 2019, no que participaron 300 corredores, e no que destacaron os paraciclistas do Riazor 

Os mellores nas diferentes categorías posaron cos seus maillots unha vez rematada a competición  | fgc
Os mellores nas diferentes categorías posaron cos seus maillots unha vez rematada a competición | fgc

O ciclismo galego estreou en As Pontes o seu calendario de campionatos autonómicos do 2019 repartindo dezaseis títulos na modalidade de contra o reloxo individual. Cun récord de inscritos de 300 corredores, dous ciclistas do sur da provincia de Pontevedra foron os grandes dominadores. Samuel Blanco (Vigo-Rías Baixas) e María Jesús Barros (Spol), ambos da categoría Elite, impuxeron a súa lei nun percorrido de 23 quilómetros. 

O redondelán do Vigo-Rías Baixas acadou a súa primeira coroa elite nesta disciplina detendo o reloxo en 29 minutos e 31 segundos. Un rexistro ao que non puideron respostar o segundo clasificado na súa categoría, Óscar González (Supermercados Froiz), que rematou a 19”, nin o once veces campión autonómico Aser Estévez (Ciclismo Oiense), que finalizou como terceiro elite a 43” do gañador. 

Tamén por unha diferenza mínima resolveuse a proba elite feminina. Barros revalidou a súa hexemonía completando o esixente trazado en 36 minutos e 14 segundos, rebaixando en 1” o resultado de Aida García (Ciclismo-Triatlon Poio). Diana Pedrosa (Aleata-Farto) fíxose co bronce. 
As coroas juniors non cambiaron de propietarios. Brais Gómez (Ponteareas) e Carla Fernández (Río Miera) repetiron con solvencia os seus éxitos do 2018. Tampouco puideron desbancar as master-30 á defensora do título, a Anna Adelyn (2.0 Sport Team).

Polo contrario, tres campións masters do pasado ano tiveron que conformarse nesta ocasión coa segunda praza. Justo González (MTC) superou a Iago Alonso (Chantadino) nos máster-30, Rubén Fernández (Norinver) bateu a Eduardo Tajes nos máster-40 e Isabel Picoaga (7 Voltas) adxudicouse a vitoria máster-40 por diante de María Gestal (Monte Xalo). 

Por segundo ano consecutivos os corredores de handbike encargáronse de abrir o programa desta cita autonómica. Os paraciclistas do Riazor gañaron as dúas clasificacións absolutas, Iván Montero e Mila López.

Comentarios