‘Querémonos Vivas!’ é a nova mensaxe da Carreira da Torre
lll
17º-23º

‘Querémonos Vivas!’ é a nova mensaxe da Carreira da Torre

‘Querémonos Vivas!’ é a nova mensaxe da Carreira da Torre
Onte tivo lugar a presentación no Pazo de María Pita | aec

Usuario

A serie de carreiras do VI Circuíto Coruña Corre regresará o vindeiro 23 de marzo coa celebración da IX Carreira Popular Torre de Hércules, que abriu hoxe o seu prazo de inscrición. O Concello dotará á proba dun carácter reivindicativo, incorporando a iniciativa á programación municipal do Día Internacional das Mulleres, á vez que solidario, ao facilitar a posibilidade de contar cunha recadación que se destine, integramente, á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres afectadas polo cancro de mama.


A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá a proba, que incorpora ao seu nome Carreira Solidaria #QuerémonosVivas, e que se celebrará o sábado 23 de marzo ao pé do monumento, barrio de Durmideiras e Paseo Marítimo. “Desde hai anos existe na cidade demanda de contar cunha carreira autenticamente feminista e inclusiva, aberta á participación de todas e todos, pero na que as mulleres e as súas demandas históricas teñan un especial peso simbólico. Por iso este ano, no contexto da programación municipal do 8M, e tendo presente o marco da nova convocatoria de folga internacional feminista, incorporamos esta proba como a I Carreira Solidaria #QuerémonosVivas”, explicou Rocío Fraga, quen lembrou que, tras a resposta popular ante o asasinato machista de Laura Luelmo en decembro de 2018, “moitos colectivos de mulleres deportistas reivindicaron o dereito a poder saír a camiñar e correr soas e libres”.

Pola noite
Como é habitual, a Carreira Popular Torre de Hércules-Trofeo José Varela Calviño terá lugar en horario vespertino nas categorías inferiores (a partir das 17.15 horas) e nocturno na proba absoluta, comezando esta última ás 21.00 horas desde o Paseo dos Menhires.


Por vez primeira nesta proba, e co fin de favorecer a participación cidadá na iniciativa, o goberno local creará unha andaina solidaria non competitiva. As e os participantes partirán do último caixón de saída da carreira, facendo un percorrido de catro quilómetros, e levarán o dorsal 261. 


Tal e como explicou José Manuel Sande, este número é o que portaba Kathrine Switzer, a imaxe desta carreira municipal, na Maratón de Boston de 1967, “cando se inscribiu coas súas iniciais para poder participar nunha competición que excluía as mulleres”. 


As inscricións para a cuarta carreira do Circuíto Coruña Corre desta tempada están abertas desde esta xornada a través de www.coruna.gal/carreiraspopulares , até as 23.59 horas do luns 18 de marzo. 


Do mesmo xeito, as persoas interesadas en colaborar co fin solidario da carreira, poderán facer achegas de tres, cinco euros ou outras cantidades superiores aos cinco euros no momento de formalizaren a súa inscrición. 


Esta doazón será destinada integramente á investigación contra o cancro.

‘Querémonos Vivas!’ é a nova mensaxe da Carreira da Torre

Te puede interesar