domingo 20/9/20

Un programa de apoio psicolóxico para os deportistas, en marcha

A iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental’ quere ser unha ferramenta útil nestes días de confinamento 
Dirixe a actividade Joaquín Dosil, que na imaxe aparece con Alberto Núñez Feijóo  | efe
Dirixe a actividade Joaquín Dosil, que na imaxe aparece con Alberto Núñez Feijóo | efe

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de sumarse á iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental’ da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) que preside o psicólogo deportivo galego Joaquín Dosil. 

O Goberno galego promove, apoia e difunde xunto a SIPD este programa nacido para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo neste período de confinamento. 

A iniciativa comezou onte, cunha pílula de 10 minutos de adestramento mental en directo. A proposta levarase a cabo cada día á mesma hora e co mesmo formato cun referente da psicoloxía do deporte. Para participar nestas actividades cómpre completar o formulario presente nesta ligazón

Dezaoito países
En total, estes adestramentos van dirixidos aos deportistas dun mínimo de 18 países: México, Guatemala, Nicaragua, Costa Rica, Porto Rico, Cuba, Honduras, Ecuador, Perú, Colombia, Venezuela, Brasil, Uruguai, Paraguai, Arxentina, Chile, España e Portugal.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, sinalou que nestes días de corentena todos debemos cumprir as instrucións e permanecer na casa. Deste xeito animou aos deportistas galegos a modificar a súa rutina de adestramentos en beneficio de toda a sociedade, lembrando que a Xunta de Galicia xa está en contacto permanente coas administracións estatais para defender os dereitos do deporte galego. Neste sentido, o programa ‘Píldoras Solidarias’ é unha iniciativa na que participa a Secretaría Xeral para o Deporte que tenta minimizar os prexuízos que o confinamento pode causar na preparación de todos os actores do tecido deportivo galego.

Comentarios