“A presenza do deporte galego é puxante en todos os ámbitos”
lll
17º-23º

“A presenza do deporte galego é puxante en todos os ámbitos”

“A presenza do deporte galego é puxante  en todos os ámbitos”
Deporte Campeón-9999-99-99-999-e4abf71f

Usuario

Despois dun ano e cinco meses coma secretaria xeral para o Deporte, cal é o seu balance?
Dende logo que non me arrepinto por ter aceptada esta responsabilidade. O balance que podo facer é de moitas horas adicadas e moito traballo comezado, do que agora temos que ir recollendo os froitos. A verdade é que son moitas máis as satisfaccións que as decepcións pero aínda queda moito camiño para acabar este proxecto, no que estamos a realizar cousas que benefician a todo o deporte galego.

Unha das súas misións é facer que as Federacións Galegas funcionen.
-Agora mesmo son organismos moi democráticos. Certo é que hai presidentes que levan no cargo moito tempo. De tódolos xeitos, acurtar os mandatos non é sinxelo. Pero sería positivo tomar medidas coma, por exemplo, darlle validez ó voto por correo.

Como ve a situación do deporte galego?
-O deporte galego está atravesando un bo momento. Non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional. No que vai de ano, por exemplo, temos a un subcampión de Europa de fútbol sala por seleccións como é Pola, a unha campioa de Europa de rugbi por seleccións como é Mónica Castelo, a un campión do mundo de remoergómetro como é Damián Alonso, unha medalla de bronce no Mundial de Atletismo en triplo salto como a de Ana Peleteiro, otra medalla de bronce non Europeo de Halterofilia como a acadada por Irene Martínez ou as seis medallas conseguidas por Francisco Pérez Carrera no Campionato do Mundo de atletismo en pista cuberta para persoas con discapacidade intelectual. A presenza do deporte galego é puxante en todos os ámbitos e a todos os niveis.

En que aspectos cre vostede que tería que mellorar?
Sempre hai algo que mellorar. E ese é o noso traballo. Unha das primeiras cousas que fixemos foi integrar ao futbol sala galego na Federación Galega de Fútbol. Creo que armámolo ben. Ademáis, os deportistas adestran duro para obter mellores resultados e nós debemos traballar duro cada día para ofrecerlles mellores garantías e beneficios. Detectamos unha eiva nas posibilidades laborais dos deportistas e sacamos adiante un programa como ‘Eu son DGAN’ no que estamos a piques de asinar os primeiros contratos. E seguimos traballando no proxecto de novo decreto para o deportista de alto nivel que incluirá novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico para os deportistas, adestradores, árbitros e xuices galegos.

E a situación das deportistas galegas?
Hai un sinfín de nomes de galegas que xa son coñecidas a nivel mundial polo seu papel no deporte. Desde a Secretaría Xeral favorecemos ás mulleres en todo o que podemos: incentivando o número de licencias deportivas femininas, valorando a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte, garantindo a igualdade salarial, protexendo ás deportistas que queren ser nais, deixando de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios teñen diferenza de contía económica para homes e mulleres ou, en definitiva, promovendo o deporte galego feminino que é moito e de calidade.

Vostede foi deportista. Iso é unha vantaxe á hora de afrontar o cargo?
Claro que o é, e creo que foi unha das razóns de peso que me levou ata a Secretaría Xeral para o Deporte. Ao estar a pé de campo, na pista, compartindo fatigas, alegrías e queixumes con tantos deportistas xeras unha sensibilidade cara a eles e comprendes mellor os seus problemas e inquedanzas. A miña función agora é acompañalos no seu camiño e tentar axudalos no que necesiten e niso estamos a traballar. Eu coma deportista disfrutei e lamentei. Sorte que miña nai sempre me insistiu en que estudase. De feito, todos os meus postos de traballo que tiven dependeron das miñas titulacións, non da miña carreira coma deportista. E, trala retirada, os deportistas o que necesitan é traballar. De ahí que esteamos traballando neste eido. Queremos que haxa empresas que asinen contratos para a incorporación de exdeportistas. Pero que haxa coherencia, é dicir, que se unan os intereses da empresa e a formación e incorporación dos traballadores.

Marta Míguez é xa unha habitual en todo tipo de eventos deportistas. ¿Cantos quilómetros fai ao día?
Pois hai días que fago 800 quilómetros, en zig-zag por toda Galicia. Non me costa traballo traballar. Afortunadamente, o meu home exerce tamén de nai. E eu aspiro a darlle un exemplo de traballo aos meus tres fillos. E gústame moito presenciar acontecementos deportivos... Sen embargo, ás veces resulta complicado (e doloroso) ter que renunciar a moitos eventos, sobre todo na fin de semana, por ter que asistir a outros que coinciden en tempo. Tento estar en todos aqueles acontecementos no que o deporte galego estea ben representado e que necesite dos nosos folgos para acadar grandes éxitos. Pero o deporte galego é tanto e de tan bo nivel que é imposible estar en todos os sitios á vez. A algúns eventos iría pagando. Ademáis, a xente valora que esteas alí.

Que virtudes ten para vostede o deporte?
O deporte é global, iguala. Que ten moitas virtudes é algo que a xente debería entender. É transversal e aféctanos a todos. É un pilar da sociedade. Agora hay asignatura de Educación Física, pero se cadra falta a figura do profesor que quedaba despois da escola a adestrar aos seus pupilos. Alguén que nos oriente para saber que deporte é o mellor para cada persoa. Poño un exemplo. A internacional de rugbi, Berta García, empezou co atletismo, pero non destacaba en ningunha modalidade. E un adestrador díxolle que probara co rugbi. E chegou a ser internacional.

En que cambiou o deporte en Galicia dende que vostede competía?
Eu fun lanzadora de xavelina. E sufrín a perda das pistas de Riazor. Eramos nomadas. Agora a xente ten máis posibilidades e máis instalacións. Pero queda camiño por facer. Hai que fomentar o respeto e a competición limpa sobre todo nos nenos. E tamén que non se produzan marcadores abultados nas categorías inferiores. Non se deben tratar aos nenos como adultos en pequeño.

A nova pista cuberta de atletismo, estrenada este ano en Ourense, é a ‘xoia da coroa’.
Xa acolleu un Campionato de España sub-20 e un Galego absoluto e máster. É unha pista de primeiro nivel. Iso si, non ten aforo suficiente para un Europeo ou Mundial. Tamén remodelamos o campo de béisbol de Acea da Ma, en Culleredo, pero imos tentar seguir mellorándoa. De tódolos xeitos, non me gusta falar de datas.

E haberá máis infraestructuras novas?
Nos presupostos para este ano 2018 a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento de preto de 1,7 millóns de euros para obra propia e 1,1 millóns para as obras a realizar nas instalacións deportivas municipais. Ambas cifras medran respecto aos orzamentos iniciais consignados en 2017. Non se trata só de crear novas infraestructuras, senón de arranxar e mellorar as existentes, e aí é onde ímonos centrar este ano.

2018 trae moitos acontecementos na comunidade.
Si. Eu penso que cantos máis haxa mellor. Os eventos son bos para o deporte e para o turismo. O Campionato do Mundo de Xadrez traerá a Galicia a moitos nenos acompañados polos seus pais. Tamén haberá unha proba do Mundial de Enduro e os Europeos de J70 de vela e o de hockei a patíns.

“A presenza do deporte galego é puxante en todos os ámbitos”

Te puede interesar