En marcha unha das dez mellores maratóns de España
lll
17º-23º

En marcha unha das dez mellores maratóns de España

En marcha unha das dez mellores maratóns de España
Tamén asistiu o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos (segundo pola dereita) | aec

Usuario

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou onte en María Pita a nova edición do Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o vindeiro 15 de abril nas rúas da cidade.
“A Coruña é unha cidade eminentemente deportiva que aposta pola convivencia entre o deporte de base e o de máis alto nivel, entre os circuítos populares e a tríade de grandes probas. Recentemente celebrouse, con bastante éxito, o Medio Maratón Coruña21, e agora presentamos Coruña42, unha das 10 mellores carreiras da distancia no Estado segundo a Real Federación Española de Atletismo“, expuxo o concelleiro, quen lembrou que a carreira coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs.
A proba, un circuíto de 42.195 metros que transcorre polo centro urbano da cidade e o seu bordo litoral, “exemplifica e reforza o vínculo da práctica deportiva co espazo público a través dunha carreira única”, aseverou Sande.

En cadeira de rodas
“Na Coruña contamos con programas como Coruña en Forma, ou mesmo o circuíto Coruña Corre, que fomentan a vertente accesible e saudable do deporte na rúa, unha liña que, neste Maratón, manterase con bonificacións a colectivos e a participación de persoas que dispoñan dunha cadeira de rodas homologada para a realización deste tipo de eventos deportivos, ademais dunha proba de carácter popular, a 10K. Pero na Coruña42 tamén queremos potenciar a súa vertente atlántica e, cun percorrido xunto á beira do mar, situar a cidade aos pés das e dos atletas participantes, nunha homenaxe a todas aquelas persoas que asistan á proba de longa distancia”, afirmou o edil, que estivo acompañado na presentación polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, así como por representantes de El Corte Inglés, Coca Cola, Sanbrandán e Powerade, entidades patrocinadoras da C42.
A carreira comezará o domingo 15 ás 8.30 horas, e terá a súa saída no Cantón Grande. As e os atletas percorrerán un circuíto de tres voltas no que percorrerán tanto a enseada do Orzán, desde Riazor até o Aquarium Finisterrae, ou o bordo dos terreos portuarios, entre os cantóns e a rotonda do Porto de Oza. Unha vez finalizado este, tras a derradeira volta, percorrerán Ambrosio Feijoo e a avenida da Mariña até chegar á meta, situada na praza de María Pita.

Peche da proba
Ás 14.00 horas terá lugar o peche da proba (e, posteriormente, a entrega de premios) que, por segundo ano, establecerá un tempo de 2 horas e 45 minutos para o paso polo medio maratón. A medida supón que, unha vez pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan na carreira deberanse retirar do circuíto oficial de competición.
O prazo para formalizar a inscrición no Maratón Atlántica, no que poderán participar persoas maiores de 20 anos, xa está aberto a través do web www.carreirasgalegas.com . Estableceranse dous prazos. Até o 1 de abril, ou ata acadar as 1.500 persoas inscritas, o prezo será de 25 euros.
A continuación abrirase un prazo, extraordinario, do 2 ao 8 de abril, no que as persoas que se inscriban deberán abonar un suplemento de 15 euros. Tal e como avanzou o edil, e para favorecer a participación, o Concello impulsará bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos, unha axuda que se deberá solicitar, mediante declaración responsable, no momento de formalizar a inscrición, antes da finalización do prazo ordinario de inscrición, que terá lugar ás 23.59 do 1 de abril. l

En marcha unha das dez mellores maratóns de España

Te puede interesar