domingo 07.06.2020

As federacións galegas contan cunha nova ferramenta

Ponse en marcha unha iniciativa que servirá para previr contaxios no deporte
Na xuntanza virtual mantida cos presidentes das 58 federacións deportivas de Galicia, ademáis de José Ramón Lete, tamén participaron os doutores en Educación Física, Rafael Martín Acero, Joaquín Varela e Dan Río | aec
Na xuntanza virtual mantida cos presidentes das 58 federacións deportivas de Galicia, ademáis de José Ramón Lete, tamén participaron os doutores en Educación Física, Rafael Martín Acero, Joaquín Varela e Dan Río | aec

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,  presentou ás 58 federacións deportivas de Galicia a ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio do Covid-19 no deporte galego -Fisiocovid-19 Dxtgalego-. 

No momento actual, este instrumento responde a un primeiro esquema realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia. A plataforma está aberta para o seu axuste ás necesidades do sector con todas as federacións. Unha ferramenta preventiva, dixo o secretario xeral que “nos permitirá volver á práctica deportiva” e que supón a “pedra angular” do Plan de Reactivación do Deporte Galego.  

Importantes obxectivos
Os obxectivos da nova ferramenta serán nun primeiro lugar, a identificación de situacións potenciais de contaxio do Covid-19 tanto na práctica libre e adestramentos como na competición, atendendo ás vías recoñecidas ata o momento polas autoridades sanitarias. 

En segundo lugar, a análise as posibilidades de tratamento das diferentes situacións por parte do tecido deportivo. En terceiro lugar, a proposta de medidas de tratamento do risco de contaxio adaptadas á casuística, e que formen parte dun protocolo, a supervisar con posterioridade, de ser necesario, polas autoridades pertinentes. En cuarto lugar, a comunicación para que as autoridades pertinentes poidan adoptar medidas para reducir as situacións de contaxio e impulsar a práctica deportiva. 

En quinto lugar, o traballo de todo o sector para responder máis rapidamente ante novos brotes, ou para estar informados de medidas que se poidan e se vaian adoptando. 

Por último, a tenor da evolución da ferramenta a Secretaría Xeral para o Deporte irá remitindo as normas que se vaian ditando así como outra documentación de interese e a convocatoria de xornadas, cursos ou xuntanzas. 

Expertos e federacións
Na xuntanza virtual mantida cos presidentes das 58 federacións deportivas de Galicia, tamén participaron os doutores en Educación Física, Rafael Martín Acero, Joaquín Varela e Dan Río, que ademais conta coa experiencia de ter sido deportista galego de alto nivel. Estes tres expertos actuaron en representación do comité que está a colaborar coa Secretaría Xeral para o Deporte na xénese da ferramenta FISicovid-19 Dxtgalego. 

Nas súas verbas explicaron a metodoloxía seguida na creación da nova ferramenta e puxeron de manifesto a importancia da práctica deportiva para a mellora do benestar así como a necesidade de personalizar a prevención de situacións de contaxio. Tamén se trasladaron exemplos de éxito de probas piloto levadas a cabo coa nova ferramenta. 

A partir deste momento, a Secretaría Xeral para o Deporte continuará en contacto con cada unha das federacións e crearanse grupos de traballo por similitude de características para compartir necesidades e situacións comúns. Ademais desenvolveranse actividades formativas sobre medidas ante o Covid-19 para o persoal e os directivos de todo o tecido deportivo.

Na súa quenda de intervención, os presidentes das federacións deportivas de Galicia aplaudiron a ferramenta e amosaron a súa colaboración para perfeccionar a mesma, atendendo ás particularidades de cada práctica deportiva que se examinarán con minuciosidade.

Comentarios