Mónica Villar: “Tebas non pode ser tan parcial, tiven pesadelos con el”
lll
17º-23º

Mónica Villar: “Tebas non pode ser tan parcial, tiven pesadelos con el”

Mónica Villar: “Tebas non pode ser tan parcial, tiven pesadelos con el”
Mónica Villar, con raíces en Malpica, este ano na sede social da ‘RCD London’ e no desprazamento a Alcorcón con membros da peña que preside | aec

Usuario

Abatidos pola ansiedade e a incertidume xerada pola anómala situación do RC Deportivo, os seareiros de lonxe de Galicia engaden a este sufrimento a imposibilidade de vivir as novedades do ‘caso Fuenlabrada’ preto de A Coruña.

A peña deportivista de Londres, ‘RCD London’, arde en desexos de coñecer de primeira man en que categoría xogará o cadro coruñés a vindeira tempada.

Aínda que continuarán alentando ás súas cores pase o que pase, a súa presidenta Mónica Villar deixa claro que para eles un descenso hipotético a Segunda B suporía un obstáculo engadido para seguir as evolucións do clube dos seus amores no exercicio 20-21.

Como estades a levar a incertidume na que vive sumerxido o deportivismo?

Sinceiramente levámolo mal, non poder ver un fin a todo esto faise difícil. Desde logo que como dixo Borja Valle da para unha serie de Netflix pero das longas. Oxalá poida resolverse o antes posible aínda que estamos convencidos de que os maiores interesados en prolongalo son os do Fuenlabrada, coa colaboración de Javier Tebas.

Que opinas do presidente la LFP?

Cóstame falar dese home, ata tiven pesadelos con el, espertei en plena discusión con el (risos). A verdade é que paréceme imposible que un presidente la Liga de Fútbol Profesional sexa tan parcial. Desde logo como pai pode considerarse un ‘padrazo’ por todo o que está axudando ao Fuenlabrada. Non me parece lóxico nin ético.

Tedes medo a un eventual descenso a Segunda B?

Desde logo que si pero moito máis polo aspecto económico que polo meramente deportivo. Neste último eido estamos afeitos a sufrir e a adaptarnos ao que nos toca en cada tempada pero no tema do diñeiro temos serias dúbidas sobre a viabilidade do Deportivo en Segunda B. Imos seguir sendo ‘fans’ do Deportivo, eso está fóra de cuestionamentos. A Segunda B sería un novo desafío para o clube e para a afección, que a bo seguro que respondería ben.

Para vós na vosa sede en Portobello sería bastante máis duro presenciar os encontros do equipo en Segunda B...

Por suposto que si, en Segunda os horarios non eran moi bos pero aínda podiamos seguir case que todos os partidos pero en Segunda B non será tan doado. Din que hai unha aplicación que se chama ‘footers’ coa que seguir o fútbol desta categoría pero non sabemos a ciencia certa se pode ser empregada desde o estranxeiro, neste caso desde o Reino Unido. Queremos saber canto antes onde vai xogar o Deportivo para obter información sobre el curso vindeiro e comezar a planificalo ben.

Como respira a ‘RCD London’ nestes intres?

Pois a verdade é que entre o Covid e a discreta tempada que fixemos perdeuse algo de intensidade. Fomos ver o ‘paripé’ do Fuenlabrada sobre dez socios dos trinta que somos na actualidade

Tivestes que aprazar ou cancelar moitos actos este ano?

Si, bastantes. Non puidemos realizar a asamblea xeral de socios de fin de campaña. Este ano cumprimos o noso primeiro lustro de existencia e temos en mente facer o ano vindeiro unha festa de benvida da tempada 20-21, algunha viaxe que outra dependendo da mobilidade que haxa, así como tamén recuperar o noso tradicional torneo de Fútbol-5 e de futbolín.

Ademáis a vosa agrupación exerce unha función integradora a nivel social na capital británica...

Pois claro, reunímonos no Centro Galego de Londres, somos un nexo cultural para españois e galegos que viven aquí. A asociación cultural rega.uk desenvolve moitas actividades interesantes e nós unímonos.

Cres que o número de socios actual do RC Deportivo —sobre 24.000— sufriría unha baixada considerable en caso de descender á Segunda B?

Pois non o teño tan claro, creo sinceiramente que pode pasar algo similar á primeira vez que baixamos a Segunda, que incrementouse o número de afeccionados en Riazor. Algo de forza podemos perder pero estou segura que chegaríamos aos 20.000.

Que tal vos tratan desde a Federación de Peñas?

Moi ben, quería darlles as grazas desde aquí pola organización da manifestación motorizada, que a seguimos desde a distancia; tamén polas camisetas de ‘pódese’ que nos enviaron e que chegaron perfectas e polo interese do seu presidente, Luis Martínez, que nos chamou durante o confinamento.

Mónica Villar: “Tebas non pode ser tan parcial, tiven pesadelos con el”

Te puede interesar