Cristina Oreiro: "A espera foi longa, pero mereceu moito a pena"
lll
17º-23º

Cristina Oreiro: "A espera foi longa, pero mereceu moito a pena"

Cristina Oreiro: "A espera foi longa, pero mereceu moito a pena"
Cris Oreiro (R.C.D.)

Usuario

Cristina Oreiro García (7 de xaneiro de 1993 - Berna, Suíza) parecía o pasado domingo unha nena con zapatos novos. A flamante fichaxe do Deportivo debutou en Santiago coa camisola branquiazul, un soño cumprido despois de moito sufrimento. Na última xornada da pasada tempada sufriu unha rotura parcial de ligamento no seu xeonllo dereito. O Depor acolleuna e tratoulle a lesión durante a pretemporada, sen garantirlle un sitio no equipo. Cris gañoullo e agora disfruta da oportunidade que levaba un ano agardando.

PELOTEIRA DENDE PEQUENA
Filla da emigración, naceu en Suíza pero criouse en Arteixo, o seu lugar favorito para vivir. Deu os sus primeiros toques ao balón na rúa, cando tiña oito anos, e entón decidiu ser futbolista. Cumpriu o seu primeiro soño, o de xogar nun equipo, cando fichou polo Pastoriza. Dianteira técnica, rápida e con gol, despuntou na Segunda Autonómica antes de recibir a chamada do Victoria coruñés para xogar na categoría de plata nacional. Militou cinco tempadas nas ‘cebras’ e tomouse un ano sabático para xogar no Viaxes Amarelle, equipo coruñés da máxima categoría nacional do fútbol sala, a súa outra gran paixón. Graduada en Enfermería, prepara as oposicións, que compaxina co seu posto de adestradora nun equipo de rapaces.


Cales foron as túas sensacións no primeiro partido oficial coa camiseta do Deportivo?
As sensacións foron todas boas. Estaba moi ilusionada, algo nerviosa despois de tanto tempo sen xogar, pero foron quince minutos incribles. A espera foi longa, pero mereceu moito a pena.

Que tal te atopaches fisicamente despois de cinco meses fóra dos terreos de xogo?
Ben, sen medos nin desconfianza, unha vez que entrei ao campo olvidei a lesión. O que máis notei foi a nivel de ritmo, que neste equipo é altísimo. As miñas compañeiras lévanme case un mes de pretemporada, que non é pouco.

Como viviches a recuperación e o período de adestramentos sen ter a seguridade de que che farían ficha no Depor?
Os médicos do Depor dixéronme que ía ser difícil, pero deixáronse aconsellar polos que me trataron en Lugo e déronme a oportunidade de recuperarme sen operación. Fíxoseme moi longo e foi bastante duro, pero estou moi agradecida ao club, os servizos médicos, o corpo técnico, en especial á fisio Andrea, e ás miñas outras compañeiras lesionadas.

Que supón para ti xogar de branquiazul?
Xogar no equipo da miña cidade é a ilusión máis grande que tiven nunca. Cando me deron o carné, como xogadora, foi un dos momentos máis bonitos da miña vida. Lembro as primeiras veces que fun ao campo, aínda que na miña familia non son moi futboleiros nin me inculcaron o deportivismo. Son socia desde os 18 anos.

O debut foi en Santiago, pero os próximos dous partidos son en Arteixo, a túa casa, nervios?
O ano pasado xa se me fixo bastante difícil xogar en Arteixo contra o Depor e diante de toda a miña xente. O día que debute na casa vou estar moi nerviosa.

Na túa traxectoria afixécheste a ser case sempre titular e no Depor non vai ser así, asimilaches o teu novo rol?
Sei cal é o meu papel e a verdade é que non penso que me vaia a custar. Asúmoo con total naturalidade e vou traballar en cada adestramento para ir convocada a todos os partidos posibles, aínda que non poida ser titular. No Depor hai xogadoras internacionais que gañaron Europeos e xogaron Mundiais ou en Primeira, pero quero demostrar que podo ter minutos.

Algunha vez estiveras nun equipo con tanto potencial?
Non hai outro equipo así, o nivel é espectacular e cada adestramento é un reto. Compítese con moita intensidade e a un ritmo moi alto.

Que xogadora che sorprendeu máis no día a día?
As que viñeron novas, que eran as únicas ás que non coñecía, sorprendéronme pola súa experiencia, calidade técnica e capacidade de traballo. Aínda así, a que máis me sorprende é Tere. É unha xogadora que ten algo diferente e xa me din conta a primeira vez que xoguei contra ela a tempada pasada. Ve o fútbol de forma especial. Sacarlle o balón é un reto.

Título e ascenso son os obxectivos marcados polo club esta temporada, sintes certa presión?
Non sinto esa presión nin nada semellante, como xogadora non creo que se poida vivir algo mellor. Todas sabemos para que estamos aquí, hai unha meta, pero debemos gozar aos poucos, de cada gol e cada vitoria, porque non sabemos que vai pasar ao final da tempada. E así nolo transmite o adestrador.

Dá a sensación de que gañades os partidos con moita facilidade, por que cres que hai tanta diferenza entre equipos da mesma liga?
Os resultados falan por si sós. O ritmo dos rivais é, ás veces e sen intención de menosprezalos, inferior ao dos nosos adestramentos. Nótase moito e non se compite todo o que se debería para preparar unha posible fase de ascenso. Xa o ano pasado houbo dúas ligas, a dos cinco primeiros e, logo, a dos demais. É o malo de como están deseñadas as competicións de fútbol feminino.

Que lle falta á Segunda División para mellorar esa imaxe?
Debería asemellarse máis á Segunda do fútbol masculino, cun grupo único e cun patrocinador como hai en Primeira, que é Iberdrola.

E ao fútbol feminino para seguir crecendo?
Todos os que formamos parte do fútbol feminino deberiamos traballar na mesma liña: as xogadoras, os adestradores, os clubs, as federacións... Cada vez hai máis clubs, pero non necesitamos máis, senón de calidade. O principal problema é que cada un quere a súa cota de protagonismo e, se remasemos todos na mesma dirección e cun interese común, sería moito máis fácil.

Como ves o teu futuro a medio-longo prazo no fútbol?
Esta oportunidade chégame un pelín tarde, pero non quero mirar que pode pasar o ano que vén ou o seguinte. Oxalá ascendamos e sigan contando comigo en Primeira, pero prefiro vivir este momento, gozando día a día.

Como compaxinas unha dinámica semiprofesional no fútbol coa túa vida laboral?
O fútbol ocupa a miña vida desde que son pequena, pero pódese compaxinar co resto de facetas. Acabei o grao de Enfermería e preparo as oposicións para ter unha praza fixa. Adestro a un equipo de nenos no Paiosaco e a un grupo de rapaces pola miña propia conta.

Gustaríache adestrar a un equipo feminino?
Non só me gustaría estar nun banco de fútbol feminino, senón que me encantaría optar a adestrar a un equipo masculino. Levo seis anos con equipos de nenos e creo que podería levar un equipo de maiores, aínda que agora non é compatible. Encántame adestrar, quizais me involucro demasiado.


Á SEGUNDA FOI A VENCIDA
\“Coa lesión pensei que se me ía a escapar o tren\”

Cris Oreiro soou con forza o ano pasado como un das posibles fichaxes para o primeiro equipo feminino do Deportivo. A futbolista, que prefire non falar moito do tema, acabou no Peluquería Mixta Friol, pero o pasado verán recibiu a esperada chamada branquiazul e non dubidou en responder afirmativamente.

O ano pasado xa soou o teu nome para o primeiro proxecto feminino do club, perderas a esperanza?
Sempre tiven a ilusón de que me chamasen. Coa lesión pensei que se me ía a escapar o tren. Teño que agradecer a confianza do club e de Manu Sánchez (adestrador e principal responsable da parcela feminina).

A semana que vén dispútase unha Deportivo-Victoria na Copa Galega, será un partido especial para ti?
Xa foi especial xogar contra o Vitoria o ano pasado. Estou moi agradecida aos anos que pasei alí, pero agora débome ao meu club e estou contenta no Depor. No campo é un partido máis e teño que esquecer que son excompañeras e amigas.

Cristina Oreiro: "A espera foi longa, pero mereceu moito a pena"

Te puede interesar