O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este venres a novena edición da media maratón Coruña21, promovida polo Servizo Municipal de Deporte que terá lugar o día 26, domingo, e que conta xa con 1.809 persoas inscritas.
Da proba, o edil destacou o seu carácter "saudable, lúdico e integrador, máis alá da visión competitiva das carreiras", así como o seu arraigo, tanto na vertente máis profesional como das convocatorias máis populares, e igualmente a súa vocación integradora, a carreira contará coa participación de seis atletas con cadeira de rodas ou handbike, "na que levamos tempo traballando e que dalgún xeito a define".
A media maratón municipal presenta un circuíto de dúas voltas, nas que as e os atletas percorrerán os 21.097,50 metros dun trazado homologado pola Real Federación Española de Atletismo. A saída, no Obelisco, terá lugar ás 10.00 horas. As persoas participantes distribuiranse en cinco caixóns distintos, segundo os seus respectivos tempos nos 10 e 21 quilómetros.
Os participantes partirán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez cheguen alí, darán a volta até o Obelisco para iniciar a segunda parte da proba, na que farán o mesmo percorrido pero que variarán ao chegar á rotonda das Ánimas, na que continuarán até o Paseo Marítimo-Pelamios e, posteriormente, encararán os últimos tres quilómetros até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira será ás 12.30 horas.
Este ano establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo quilómetro dez no segundo paso por Linares Rivas, á altura da rúa Menéndez Pelayo, polo que, pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan en carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición.
Na Media Maratón Coruña21 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior (1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 1994) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento (desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante), ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas desde o ano 1998 en diante.
As persoas que desexen inscribirse poderán facelo até ás 23.59 horas de este domingo, en www.carreirasgalegas.com. A cota de inscrición, ao realizarse no prazo extraordinario habilitado pola organización, será de 25 euros.