Jueves 24.08.2017

ATLETISMO - CORUÑA CORRE

Citas en setembro en Oza e Ventorrillo

Aberto o prazo de inscrición para as dúas derradeiras citas do circuíto local 2016/2017

Os interesados poderán apuntarse na internet e de maneira presencial no Corte Inglés (Redacción)
Os interesados poderán apuntarse na internet e de maneira presencial no Corte Inglés (Redacción)
Citas en setembro en Oza e Ventorrillo

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento informa da apertura do prazo de inscrición para participar na VI Volta a Oza, a sexta proba desta V edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. A competición, coñecida como 'a dos tres parques', celebrarase o próximo 10 de setembro e levará ás e aos atletas populares a xuntar, dunha soa volta de máis de 6 quilómetros, os parques de San Diego, Oza e Eirís ao seu paso. Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta proba, independentemente se figuran como participantes no circuíto, deberán anotarse na carreira. O prazo de inscrición estará aberto até o mércores 6 de setembro, ás 23.45 horas, a través de www.coruna. gal/carreiraspopulares , aínda que tamén se pode realizar, de xeito presencial, na oficina de Viajes El Corte Inglés da avenida de Rubine, en horario de 09.30 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00.

A VI Volta a Oza, cuxa competición da categoría absoluta comezará ás 10.00 horas, terá a súa saída e meta no parque de San Diego. O grupo percorrerá 6.250 metros.

Como é habitual nesta edición, ademais da absoluta, establécense as modalidades xuvenil, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín, que percorrerán, simbolicamente, 150 metros.

 

O PECHE
Ademais da VI Volta a Oza, o Concello vén de abrir tamén a inscrición da V Carreira Popular do Ventorrillo, que terá lugar o próximo 24 de setembro, e que suporá o peche do circuíto Coruña Corre desta tempada. A saída e lugar de meta da proba absoluta, como vén sendo habitual, estará na rúa Alcalde Jaime Hervada, no cruzamento con Alcalde Salorio Suárez.

O grupo percorrerá, desde as 10.30 horas, os lugares da Gramela, Penamoa e A Silva nun circuíto de máis de 5.500 metros. A data límite de inscrición para esta proba será o mércores 20 de setembro ás 23.30 horas, e poderá facerse, coma no caso da Volta a Oza, tanto telemática como presencialmente. Os dorsais poderán recollerse tanto o sábado 23 -de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30- como o domingo 24 -ata unha hora antes de cada carreira- no local da Asociación veciñal do Ventorrillo, na rúa Alcalde Salorio Suárez. Toda a información sobre as probas, así como o regulamento da competición e os percorridos, pode consultarse na web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Citas en setembro en Oza e Ventorrillo