Iván Beceiro: "Por riba dos títulos e das xestas do equipo quédome coas previas, coa xente"
lll
17º-23º

Iván Beceiro: "Por riba dos títulos e das xestas do equipo quédome coas previas, coa xente"

Iván Beceiro: "Por riba dos títulos e das xestas do equipo quédome coas previas, coa xente"
Iván Beceiro posa para este diario en un ‘santuario’ del deportivismo como Bodegas O Roxo; á dereita, foto da súa recente voda | castaño/merli lópez

Usuario

A Federación de Peñas do RC Deportivo dispón desde hai meses dun novo reforzo na súa directiva; os de Tania Gómez supliron a marcha de Iván Viña (por incompatibilidade de horarios laborais) con outro Iván, tamén adepto branquiazul exemplar.

Iván Beceiro, pertencente a dúas agrupacións deportivistas, a ‘Mazaricos’ e a ‘Brigantium’, chega disposto a aportar o seu bo facer e don de xentes a un grupo humano que se volcará nos vindeiros días no primeiro desplazamento masivo da tempada, ao Ramón Sánchez Pizjuán de Sevilla o 2 de Nadal.

Para min é incomparable gardar eses risos, os momentos, as amizades..

Despois de pasar polo altar o pasado sábado 4 (aínda lle doe ter perdido o encontro ante o Atlético de Madrid), este impenitente seareiro confesa en dxt os seus inmediatos proxectos e ilusións ao timón do ente que engloba as case 200 peñas federadas das que pode presumir o clube.

Cando comezaches a sentir as cores do RC Deportivo?
Desde neno e cada ano que pasa esta paixón medra de modo exponencial. Levo de socio aproximadamente 25 anos e aí seguiremos.

Cales son as túas mellores lembranzas como ‘fanático’ do Depor?
Todas, sen lugar a dúbidas. Por riba dos títulos e grandes xestas deste equipo eu quédome coas previas de cada partido, con estar con xente de innumerables peñas de toda Galiza cos que podo coincidir. Para min é incomparable gardar eses risos, eses momentos, eses ‘chanqueiros’, amizades...

Es peñista ao cadrado, xa que formas parte de dúas agrupacións diferentes...
Si (risas). A dúas porque non dou para máis. Levo evidentemente a ‘Mazaricos’ no meu corazón e tamén sinto moi adentro a ‘Brigantium’. Aínda que non son socio tamén teño unha grande estima pola peña ‘Rías Baixas’ de Portonovo-Sanxenxo.

Agora pasaches a formar parte da directiva da Federación de Peñas. ¿Podes detallar as túas tarefas principais neste ente?
Antes de nada gustaría de ter palabras de gratitude para as persoas que máis confiaron en min para este traballo, Luis Alberto Martínez (vicepresidente) e Noelia Díaz (secretaria); son o ‘becario’ desta xentiña, puxéronse en contacto conmigo desde a última asamblea e eu estou listo para botarlles un cabo no que sexa preciso. Quero axudar ao deportivismo, defendelo e loitar por el.

Son o ‘becario’ desta xentiña da Federación; quero axudar ao deportivismo

Desde o teu debut na directiva da Federación como te trataron Tania Gómez e compañía?
Incriblemente ben, xa os coñecía de antes das previas e todo eso. É moi doado traballar con eles.

Tes fama de ser un excelente relacións públicas...
Eu son o becario, fago o que me manden, fotocopias, cafés (risas)... Vou a tertulias, inauguracións e agora aproxímanse as viaxes. Se o señor Tebas nos permite por aí adiante sairemos a animar o Depor como visitante.

Gústache o contacto de primeira man coas peñas?
Si, son e serei unha persoa campechana e encántame saber como pensan os peñistas, falar con eles e interesarme.

A parroquia branquiazul anda moi ilusionada coa viaxe a Sevilla a primeiros de Nadal...
Esperamos que sexa a segunda viaxe porque a primeira será do feminino a Oviedo e esperamos que vaia moita xenta porque as rapazas xóganse moito e precisan da nosa axuda contra un rival directo. Esperamos que a saída ao Sánchez Pizjuán sexa grandiosa, que poida ser moi numerosa.

Esperamos que a viaxe ao Pizjuán sexa grandiosa, que poida ser moi numerosa

Como explicas que preto dun milleiro de afeccionados poidan percorrer case mil kilómetros para este encontro?
É algo moi especial, eu mesmo teño un ‘irmán’ en Sevilla; a relación coa xente de alí é especial, non se pode explicar.

A meirande parte dos desprazamentos atractivos para o deportivismo terán lugar na segunda volta...
Si, son caprichos do calendario. Eu persoalmente teño moita ilusión por poder ir a Vitoria en febreiro; dependemos do señor Tebas coa data dos partidos pero esperemos que sexa favorable.

Algún proxecto máis que esperte a túa ilusión?
Todo en xeral me motiva, tiven o pracer de estar na inauguración da peña ‘Pulpeiros’ (Mugardos), que levaban moito tempo esperando por esta celebración.

Xa metidos na parcela deportiva, como estás vendo o equipo?
A verdade é que esperabamos algo máis de el, tivemos problemas na portería e tamén defensivos. O problema é non xogar como equipo pero da a impresión de que coa chegada de Cristóbal Parralo iremos a máis, sobre todo na segunda volta.

Que lle pasa aos nosos porteiros este ano?
Con todo o cariño e respeto para os outros, espero que volva o ‘pelado de Coristanco’ pronto porque daralle moita máis tranquilidade á portería e tamén ao resto do equipo, é moi importante ter un porteiro de garantías.

Ás veces a xente de Coruña non vai a Riazor porque chove; moitas peñas fan kilómetros por sistema

Falta compromiso no plantel herculino?
Contra o Atlético de Madrid, aínda que non o puiden ver, xogamos bastante ben, máis como bloque e empezar as cousas desde atrás, con seriedade defensiva. Na dianteira temos pegada e os goles van chegar, estou convencido de que iremos a máis.

Chegan despois do parón dous encontros ante rivais da liga do Depor, Málaga e Athletic. Pensas que son vitais?
Da nosa liga son todos, temos que pelexar todos os partidos. Evidentemente son chaves porque hai que sumar pero non podemos renunciar a ningún partido.

Cres que o clube ten potencial para estar máis arriba?
Eu son optimista pero pasiño a pasiño. Coido que debemos estar máis arriba do que estamos agora pero debemos ter calma e paciencia.

Que te suxire o nome de Cristóbal Parralo?
Ilusión, traballo, serenidade e profesionalidade.

E Tino Fernández?
Axuste económico.

Richard Barral?
Apatía, desacertos e algún acerto.

Lucas Pérez?
‘Koruño’.

Con preto das 200 peñas federadas e cunha masa social que supera os 27.000 socios, hai algo máis que pedirlle á afección do Depor?
Por suposto, pouco máis. A calquera encontro que xogue o Depor en Riazor ven xente de todos lados, comezando polos nosos de Mazaricos e continuando por Noia, Bertamiráns, Santiago, Verín... Chámame a atención que ás veces a xente de Coruña quéixase de que chove e non vai a Riazor... Eles fan kilómetros por sistema. Seguidores como Anita Guerra, a presidenta da peña ‘Chamberí’, que xoga sempre fóra da casa e asiste a uns 20 ou 30 partidos do Depor ao ano. Esa xente meréceo todo.

Nas numerosas viaxes que fas cada ano co Depor, que te transmiten os adeptos dos outros equipos cos que entablades relacións?
Ao contrario do que sae en prensa, que somos xente que non da ningún tipo de problema, que enche hoteis, que consume nos bares e xente que disfruta do seu equipo.

Onde reside o éxito desta unidade da masa social?
Porque o deportivismo somos diferentes, gañamos unha liga un venres, que non o fai ninguén; tamén alzamos unha Copa no Centenario do Madrid, que tampouco o fai ninguén. Non se explica, síntese.

Este ano en Eibar houbo problemas de acceso a Ipurúa. Foron adiante as tentativas de denuncia por abuso nos cacheos?
Está posta unha denuncia a nivel persoal e a directiva da Federación sitúase como acusación particular. O noso deber é fomentar o deportivismo e por riba de todo defender ao deportivismo, tanto se un é peñista como se non o é.

Xa hai data oficial para o derbi galego en Riazor.
O derbi hai que gañalo sempre, si ou si. Os prezos a verdade é que son caros pero estamos convencidos de que Riazor rexistrará un cheo total.

O noso deber é fomentar o deportivismo e, por riba de todo, defendelo

Estades a facer moito fincapé no apoio ao Fabril e tamén ao equipo feminino...
Si, esperemos que a xente se anime a viaxar a Oviedo porque sen dúbida é o partido máis importante do ano.

O pasado sábado 4 contraxeches matrimonio. Curiosamente nun día de partido.
(Risas) Fun a todos de solteiro e xa perdo a primeiro de casado. A vida é así.

A festa nupcial tamén tivo o seu compoñente deportivista, non si?
Para min foi incrible, moitos amigos enteráronse a última hora pero foi unha grande festa. Quería darlle as grazas especialmente aos 25 amigos de ‘Mazaricos’, ‘Brigantium’ e ‘Rías Baixas’ por xuntarse, facer un vídeo tremendamente emotivo a alegrarme aínda máis o día da miña voda.

Iván Beceiro: "Por riba dos títulos e das xestas do equipo quédome coas previas, coa xente"

Te puede interesar